Navarra
O Goberno de Navarra e o Concello de Pamplona presentan as actividades do Día Internacional do Éuscaro
O Goberno de Navarra e o Concello de Pamplona presentaron as actividades que terán lugar no mes de decembro para celebrar o Día Internacional do Éuscaro, que será o día 3 dese mes. En concreto, organizaranse actuacións teatrais, concertos ou laboratorios de cultura dixital que se distribuirán por varias localidades como Alsasua, Tafalla, Lesaka ou Sangüesa, ademais de Pamplona e Tudela.
Fonte: Diario de Navarra
O Concello de Pamplona únese a unha plataforma para promover o éuscaro nas redes sociais
O Concello de Pamplona uniuse a BEITU!, unha plataforma de redes sociais en éuscaro para a mocidade de entre 14 e 18 anos. Grazas a BEITU!, os mozos e mozas poderán recibir e compartir contidos en lingua vasca vinculados ao lecer.
Fonte: Noticias de Navarra
O Goberno navarro pensa aprobar un decreto que unifique as denominacións oficiais dos núcleos de poboación
O Goberno navarro tomará en consideración o proxecto de decreto polo que se establecen os criterios de uso e de expresión gráfica dos núcleos de poboación da Comunidade, co propósito de facerllo chegar ao Consello de Navarra para o seu ditame. O obxectivo desta norma é "unificar e regular" o uso dos nomes oficiais das localidades en éuscaro e castelán.
Fonte: Noticias de Navarra
O Goberno de Navarra impulsa unha campaña para promover o "prestixio social do éuscaro"
O Goberno de Navarra impulsará a campaña "O éuscaro de todos e todas" durante o mes de decembro de 2017 para promover o "prestixio social" do idioma. O seu obxectivo, de acordo co Instituto Navarro do Éuscaro, será o de amosar a utilidade da lingua tanto no ámbito persoal como profesional.
Fonte: La Vanguardia
O Goberno de Navarra incrementa as partidas para o ensino de éuscaro destinado a persoas adultas
A Comisión de Facenda e Política Financeira aprobou unha serie de emendas aos orzamentos para o departamento de Relacións Cidadás e Institucionais. Entre elas, salienta a emenda aprobada en relación co incremento de gastos por importe de 100 000 euros na partida "Axudas para o ensino de éuscaro a persoas adultas".
Fonte: Noticias de Navarra
Pamplona acolle unha manifestación multitudinaria en defensa da lingua vasca
Centos de persoas participaron nunha manifestación en defensa da lingua vasca e da lista única en educación. A mobilización, celebrada baixo o lema "Dean paso ao éuscaro. Pola igualdade", percorreu as rúas de Pamplona para demandar respecto para esta lingua e igualdade na vindeira Oferta Pública de Emprego de mestres de 2019 mediante unha lista única.
Fonte: Noticias de Navarra
O Concello de Pamplona concederá máis de 80 000 euros a quince entidades sen ánimo de lucro que fomenten o éuscaro
O Concello de Pamplona repartirá 82 500 euros entre quince entidades sen ánimo de lucro para que desenvolvan proxectos dirixidos ao fomento da lingua vasca. Cómpre mencionar que a cantidade achegada para estas axudas se incrementou nun 27 % respecto á convocatoria anterior.
Fonte: Noticias de Navarra
Unha campaña promove a escolarización en éuscaro en Navarra
A campaña "Elixe educación en éuscaro, elixe modelo D", impulsada por Euskarabidea e outras 24 entidades navarras, ten como obxectivo fomentar a escolarización en éuscaro para o curso 2018-2019.
Fonte: El Diario
O Tribunal Superior de Xustiza de Navarra rexeita o recurso contra o decreto do éuscaro na Administración
O Tribunal Superior de Xustiza de Navarra rexeitou o recurso presentado polo sindicato Afapna contra o decreto polo que se regula o uso do éuscaro nas administracións públicas. O Tribunal entende que o sindicato non acreditou os supostos prexuízos irreparables que ocasionaría a execución do decreto.
Fonte: Noticias de Navarra
O Goberno de Navarra impulsa unha campaña para consolidar o valor do éuscaro
O Goberno de Navarra, a través de Euskarabidea (Instituto Navarro do Éuscaro), impulsou a campaña "O éuscaro ten valor. Euskarak balio du", que ten como obxectivo "reforzar o valor do éuscaro e presentar esta lingua propia de Navarra como elemento cultural positivo e de futuro, que suma, enriquece e achega".
Fonte: Noticias de Navarra
Boletín
Subscríbase ao boletín