Navarra
O Concello de Pamplona organiza unha consulta para recibir achegas á creación do regulamento do Consello Municipal do Éuscaro
O Concello de Pamplona abriu unha consulta pública previa á creación do Regulamento Orgánico do Consello Municipal do Éuscaro, co fin de incorporar achegas da cidadanía e das entidades interesadas. O órgano, previsto no primeiro Plan de Normalización Lingüística municipal (2027-2031), terá funcións consultivas, de asesoramento e seguimento das políticas lingüísticas. A súa creación busca reforzar os dereitos lingüísticos e favorecer unha maior presenza e prestixio social do éuscaro na cidade.
Fonte: Iruñeko Udala
Preséntase en Navarra unha nova edición da campaña «Euskera ahora»

O Goberno de Navarra renovou a campaña «Euskera ahora» para impulsar a aprendizaxe do éuscaro entre a poboación adulta, que no último curso reuniu preto de 5800 persoas. Como principal novidade, a matrícula nos niveis A1 e A2 será gratuíta, mentres que o resto contará con axudas de ata 475 euros. A iniciativa, que tamén promove a formación en liña, busca ampliar o número de falantes e facilitar o acceso á lingua tanto á poboación local como á chegada recentemente a Navarra.
Fonte: Gobierno de Navarra
Ábrese a matrícula para o ensino de éuscaro a persoas adultas en Zubiarte
O Departamento de Educación de Navarra abriu ata o 10 de setembro un novo prazo de matrícula para os cursos de éuscaro para persoas adultas do euskaltegi público Zubiarte de Uharte. A oferta abrangue todos os niveis, modalidades presenciais, en liña e de autoaprendizaxe, con horarios adaptados tamén ás quendas laborais. Como novidade, incorporaranse grupos sénior, ademais de grupos de conversa nos niveis B2 e C1.
Fonte: Gobierno de Navarra
O Goberno de Navarra e Eusko Ikaskuntza asinan un convenio para abordar cuestións relacionadas coa transmisión e o futuro do éuscaro
O Goberno de Navarra e Eusko Ikaskuntza renovaron o seu acordo de colaboración, dotado con 60.000 euros, para promoveren o éuscaro como elemento cultural e de convivencia. O convenio financiará a segunda fase dun estudo sobre a relación da poboación migrante e local coa lingua e coa cultura navarra, mediante dúas enquisas complementarias. Os resultados permitirán identificar barreiras, expectativas e oportunidades de participación, ademais de orientar futuras políticas públicas e iniciativas comunitarias de integración.
Fonte: Euskarabidea
O Concello de Pamplona convoca un ano máis o seu certame literario en éuscaro
O Concello de Pamplona convocou a 36.ª edición do Certame Literario en Éuscaro para autoría novel, con modalidades de poesía e narrativa. Poderán participar persoas nacidas ou residentes en Navarra con obras inéditas e de temática libre, que deberán presentar antes do 26 de outubro. A convocatoria, dotada con 9000 euros, establece tres premios por categoría e varias mencións.
Fonte: Iruñeko Udala
A Universidade Pública de Navarra contará cun título propio en planificación lingüística para a promoción do éuscaro
A Universidade Pública de Navarra incorporará no curso 2026-2027 un título propio de experto en planificación lingüística para a revitalización e a promoción social do éuscaro, financiado polo Goberno navarro. A formación, impartida integramente en éuscaro e en modalidade en liña, busca preparar persoal cualificado para deseñar, xestionar e avaliar políticas lingüísticas en contextos plurilingües. O programa abordará sociolingüística, normativa, xestión institucional e promoción do éuscaro nos ámbitos socioeconómico e non formal.
A creación musical en éuscaro chega a máis de 6400 estudantes grazas ao programa Musikariak Ikastetxeetan
O programa Musikariak Ikastetxeetan, impulsado por Euskarabidea, achegou este curso a música en éuscaro a máis de 6400 alumnas e alumnos de 52 centros educativos de Navarra. A iniciativa, dirixida ao alumnado de ESO e Bacharelato que estuda éuscaro ou en éuscaro, leva creadoras e creadores musicais ás aulas para compartir a súa traxectoria e contextualizala dentro da canción vasca. O proxecto busca reforzar a transmisión cultural, ofrecer referentes actuais e ampliar o coñecemento da mocidade sobre a creación musical en lingua vasca.
Fonte: Gobierno de Navarra
Lanzan un dicionario dixital para aprender éuscaro a partir das letras do músico navarro Gorka Urbizu
O éuscaro conta cun novo recurso dixital para a aprendizaxe a través da música: Hiztegi Bat, un dicionario en liña creado a partir das letras de Gorka Urbizu, fundador de Berri Txarrak. A plataforma reúne case 400 palabras presentes nas súas cancións, con definicións, referencias aos temas nos que aparecen e exercicios interactivos para practicar. O proxecto, desenvolvido por Beñat Erazuma, amosa o potencial da cultura vasca como ferramenta pedagóxica e como vía para achegar a lingua ás novas xeracións.
Fonte: Radio Nervión
Finaliza o proceso participativo do Concello de Pamplona con máis de cen achegas para o seu plan de normalización lingüística
Pamplona pecha o proceso participativo «Iruñean HIRIERAZ mucho que hablar», que servirá de base para o futuro Plan de normalización lingüística do éuscaro 2027-2031. A iniciativa reuniu un cento de persoas e 38 entidades, que achegaron máis de cen propostas centradas en reforzar o uso cotián da lingua, especialmente entre a infancia e a mocidade. As conclusións tamén destacan a necesidade de ampliar a aprendizaxe, mellorar a capacitación da Administración, aumentar a visibilidade social do éuscaro e implicar o comercio, a hostalaría e o tecido socioeconómico.
Fonte: Iruñeko Udala
Convócanse axudas en Navarra para fomentar a aprendizaxe do éuscaro en persoas adultas
O Goberno de Navarra convocou axudas individuais por 1,28 millóns de euros para fomentar a aprendizaxe do éuscaro entre persoas adultas durante 2026 e o primeiro semestre de 2027. A maior parte do orzamento destinarase ao alumnado dos niveis A1 e A2, que poderá recibir até o 100 % da matrícula, mentres que o resto cubrirá outros niveis e modalidades formativas. A convocatoria inclúe cursos presenciais, intensivos, internados, ensino en liña e formación específica, e esixe, entre outros requisitos, estar empadroado en Navarra e acreditar unha asistencia mínima do 80 %.
Fonte: Gobierno de Navarra
Boletín
Subscríbase ao boletín