Navarra
Reclaman o recoñecemento do éuscaro como lingua propia de Navarra
O Valedor do Pobo de Navarra, Patxi Vera, pediu que o éuscaro sexa recoñecido como lingua propia de Navarra na LORAFNA, a norma institucional básica da comunidade. Durante a súa comparecencia no Parlamento foral, salientou que Navarra é a única comunidade con lingua distinta do castelán que non a recoñece como propia na súa lexislación de maior rango. Vera defendeu que o éuscaro constitúe un patrimonio cultural milenario que debe recibir protección institucional e ser asumido como parte do patrimonio común da sociedade navarra.
Fonte: El Diario
O Concello de Pamplona convoca axudas para iniciativas de promoción do éuscaro
O Concello de Pamplona convocou subvencións por valor de 118 000 euros para apoiar proxectos de promoción e normalización do éuscaro impulsados por entidades e asociacións sen ánimo de lucro da cidade. As iniciativas deberán desenvolverse entre novembro de 2025 e setembro de 2026 e estar abertas á participación da cidadanía. Cada proxecto poderá recibir ata 22 000 euros, segundo criterios que valoran a calidade da proposta, as características da entidade promotora e o impacto na difusión e prestixio social da lingua.
Fonte: Iruñeko Udala
Ponse en marcha un estudo sobre o uso das linguas nas rúas de Pamplona para coñecer a realidade sociolingüística da cidade

O Concello de Pamplona e Soziolinguistika Klusterra asinaron un convenio para desenvolver a IX Medición do Uso das Linguas na Vía Pública, un estudo científico que ofrecerá datos actualizados sobre o emprego real dos idiomas na cidade. A investigación, con máis de tres décadas de traxectoria, baséase na observación sistemática de conversas espontáneas e incorpora melloras metodolóxicas e ferramentas dixitais que reforzan a representatividade dos resultados. Cun orzamento de 11.596 euros, o proxecto permitirá fundamentar en evidencias o futuro Plan municipal de Normalización Lingüística.
Fonte: Iruñeko Udala
O Concello de Pamplona inicia un proceso participativo para elaborar un plan de normalización do éuscaro na cidade

Pamplona abre o proceso participativo para elaborar o seu primeiro Plan municipal de normalización do éuscaro, baixo o lema «Iruñean HIRIERAZ, mucho que hablar». Ao longo de cinco sesións, entre febreiro e maio, entidades, colectivos e cidadanía en xeral poderán achegar a súa visión co obxectivo de definir as liñas estratéxicas para o período 2027-2031. Nos encontros analizaranse cuestións como o uso, o coñecemento e o prestixio da lingua, así como a súa presenza na administración e no tecido socioeconómico.
Fonte: Iruñeko Udala
Euskarabidea colaborará con entidades e axentes navarros do ámbito do éuscaro
Euskarabidea reforzará en 2026 a colaboración con máis de trinta entidades navarras mediante a sinatura de 27 convenios para impulsar o uso social do éuscaro. O Goberno de Navarra consolida así un ecosistema de apoio a esta lingua con máis financiamento e proxectos de maior impacto. As actuacións inclúen iniciativas educativas, culturais, sociais e de lecer, así como o avance da presenza do éuscaro na Administración.
Fonte: Gobierno de Navarra
O Concello de Pamplona inicia o proceso participativo para elaborar o seu primeiro Plan de Normalización Lingüística do Éuscaro 2027-2031

A iniciativa busca reforzar o uso e o coñecemento do éuscaro tanto na administración municipal como na vida cidadá, desde unha perspectiva de convivencia e diversidade. O plan definirase coa achega de colectivos e persoas de distintos ámbitos e contará cun órgano municipal de seguimento. Entre os obxectivos figuran garantir os dereitos lingüísticos, facilitar a aprendizaxe e mellorar o prestixio social do éuscaro.
Fonte: Iruñeko Udala
Ponse en marcha en Navarra unha campaña sobre o valor social e cultural do éuscaro

O Goberno de Navarra puxo en marcha unha campaña dirixida ás familias para promover o valor social e cultural do éuscaro como herdanza de futuro para a infancia. A iniciativa, que ten como lema «Dales nuestro legado, dales euskera / Emaiezu hemengoa, emaiezu euskara», presenta a lingua propia como recurso de oportunidades nun contexto diverso e plurilingüe, con especial atención ás novas xeracións e á poboación migrante. A acción complétase con outras políticas de fomento que explican o notable aumento de matrícula na aprendizaxe do éuscaro. A campaña difundirase en múltiples formatos e linguas ao longo de varias semanas.
Fonte: Gobierno de Navarra
Publícase unha guía para facilitar o traballo en éuscaro dos profesionais navarros de traballo social

O Servizo Navarro de Saúde elaborou unha guía para apoiar o persoal de traballo social na atención bilingüe, co obxectivo de facilitar o uso do éuscaro xunto co castelán. O material ofrece expresións, orientacións e léxico específico para distintos ámbitos asistenciais, desde a atención telefónica ata a intervención sanitaria. A iniciativa responde á necesidade de superar inseguridades e carencias terminolóxicas detectadas entre profesionais euscaldúns. A publicación distribuíuse en formato impreso, dixital e móbil para garantir o seu uso efectivo.
Fonte: Gobierno de Navarra
Increméntase nun 32 % o número de persoas adultas que aprende éuscaro en Navarra
Os euskaltegis de Navarra rexistraron un forte aumento de alumnado adulto no curso 2025-2026, impulsado polo reforzo das axudas públicas. A matrícula medra de maneira destacada no nivel inicial, asociado á eliminación progresiva de barreiras económicas. A estratexia institucional aposta pola formación de novas persoas falantes mediante campañas de prestixio da lingua e colaboración co tecido social. O Goberno navarro prevé ampliar a gratuidade e incrementar de forma notable o orzamento destinado a este fin.
Fonte: Gobierno de Navarra
Preséntase no Parlamento de Navarra un documento cos propostas para fomentar a aprendizaxe do éuscaro en persoas adultas
Euskalgintzaren Kontseilua reclamou no Parlamento de Navarra medidas reais para garantir a aprendizaxe gratuíta do éuscaro na poboación adulta. A entidade defende unha alfabetización ampla como eixe central para incrementar o uso social da lingua. Considera imprescindible asegurar competencias lingüísticas suficientes e crear espazos que faciliten empregar o éuscaro con comodidade. Ademais, propón recoñecer o dereito a aprendelo no ámbito laboral e coordinar unha política lingüística común para todo o territorio.
Fonte: Orain
Boletín
Subscríbase ao boletín