Navarra
O Concello de Burlada lanza unha convocatoria de bolsas para a aprendizaxe do éuscaro
O 26 de novembro de 2023 aprobouse a convocatoria de bolsas para o curso 2023-2024 destinadas á aprendizaxe do éuscaro que introducía novos requisitos. A partir de agora, será obrigatorio solicitar a axuda do Goberno de Navarra para optar á axuda do Concello de Burlada, agás no caso de persoas que estuden en centros de titularidade pública.
Fonte: Burlatako Udala
A escola de fútbol organizada pola Fundación Osasuna impartirase en éuscaro
A Escola de Fútbol da Fundación Osasuna impartirase en éuscaro no colexio de Huarte, cun monitor local encargado das sesións. A actividade, dirixida a nenos e nenas de 6 a 8 anos, busca promover a integración desta lingua no ámbito deportivo.
Fonte: Pamplona Actual
Está aberto o prazo de presentación do XXXIV Certame Literario en Éuscaro para Autoría Novel do Concello de Pamplona
O prazo para presentar orixinais a este certame, nas modalidades de poesía e narración, permanecerá aberto ata o 28 de outubro. O concurso está dirixido a autores ou autoras de Navarra, ou residentes na comunidade, que poden presentar un único traballo por modalidade, sempre que sexa orixinal e non publicado. Establécense tres premios por modalidade, cunha dotación de ata 2500 euros.
Fonte: Uruñeko Udala
O Goberno de Navarra convoca cinco prazas de tradutor de éuscaro
O Goberno de Navarra abriu unha convocatoria para cubrir cinco prazas de tradutor/a de éuscaro mediante oposición, destinadas á Administración da Comunidade Foral e aos seus organismos autónomos. Dúas prazas son de libre concorrencia e tres están reservadas para funcionarios con cinco anos de antigüidade.
Fonte: Navarra Norte
O Concello de Pamplona destinará unha quinta parte do orzamento para campañas municipais a medios de comunicación en éuscaro
Dos 600 000 euros que se investirán na compra directa de espazos en medios de comunicación para a inserción de campañas municipais de publicidade institucional, 120 000 irán a medios de comunicación que usen o éuscaro.
Fonte: Ayuntamiento de Pamplona
O Goberno de Navarra asina un convenio con Eusko Ikaskuntza para o impulso e a promoción do éuscaro

Este convenio de colaboración conta cunha partida orzamentaria de 65 000 euros. O acordo financiará actividades de impulso, estudo e investigación do éuscaro, e analizará valores compartidos sobre a súa promoción entre a cidadanía de Navarra.
Fonte: Gobierno de Navarra
Crean un buscador que aglutina a oferta de actividades extraescolares en éuscaro en Pamplona e comarca

A asociación Sortzen Gurasoak creou o buscador Jauzi.eus co obxectivo de fomentar o uso do éuscaro no tempo de lecer. Esta web inclúe a oferta de actividades extraescolares de oitos centros de Infantil e Primaria e catro concellos.
Fonte: Noticias de Navarra
Pamplona acolle unha manifestación para demandar escolas infantís en éuscaro en todos os barrios
Familias de Pamplona percorreron as rúas da cidade nunha manifestación convocada por Iruñeko Euskalgintza para demandar unha educación en éuscaro desde a etapa preescolar.
Fonte: Pamplona Actual
O 15 % da poboación navarra fala éuscaro
Segundo os datos do Instituto Navarro de Estatística, correspondentes a 2022, o 15,1 % da poboación navarra fala éuscaro; o 11,3 %, enténdeo; e o 73,3 %, nin o fala nin o entende.
Fonte: EITB
O Goberno de Navarra subvencionará os centros de ensinanza de éuscaro
Esta convocatoria de axudas, que conta cun orzamento de 2 700 000 euros, está destinada a entidades promotoras de euskaltegis e gau-eskolas que ensinan éuscaro a persoas adultas.
Fonte: Gobierno de Navarra
Boletín
Subscríbase ao boletín