Navarra
Un acordo de colaboración entre o Goberno navarro e a asociación Laba Elkartea porá o foco na promoción do éuscaro entre a mocidade
O Goberno de Navarra e a asociación Laba Elkartea asinaron un convenio para promover o uso social do éuscaro en Pamplona, con especial atención á mocidade. O acordo, cun orzamento de 26 000 euros para 2025, inclúe proxectos como a acollida de persoas migrantes, bolsas para novos proxectos sobre o éuscaro e actividades para fortalecer a comunidade euscaldún.
Fonte: Gobierno de Navarra
Euskarabidea asina convenios con tres entidades navarras de desenvolvemento para a contratación de axentes de promoción do éuscaro

O director xeral de Euskarabidea, Javier Arakama, presentou convenios de colaboración con tres entidades navarras de desenvolvemento: TEDER, Consorcio de Zona Media e Cederna-Garalur. O obxectivo é contratar axentes de promoción do éuscaro e implementar un programa de actividades en 2025 para mellorar os dereitos lingüísticos da cidadanía. Estes convenios buscan fortalecer a presenza desta lingua nas zonas rurais, coa contratación de persoal cualificado para promocionar e asesorar sobre o seu uso en diferentes contextos sociais.
Fonte: Gobierno de Navarra
O Goberno navarro e Eusko Ikaskuntza renovan o seu convenio de colaboración para impulsar o éuscaro en Navarra
Este convenio de colaboración ten como obxectivo promover o estudo e o fomento do éuscaro. O acordo, cun orzamento de 60 000 euros, financiará proxectos como "EzBerdin Berdinak", que reflexiona sobre a identidade vasca, e "Elkarbizitzarako zubiak Nafarroan", centrado na convivencia intercultural. Ambos proxectos buscan fortalecer a transmisión cultural e fomentar o diálogo entre as diversas comunidades, especialmente en relación co éuscaro e a identidade de Navarra.
Fonte: Gobierno de Navarra
O Parlamento de Navarra mostra o seu apoio á oficialización do galego, o catalán e o éuscaro na UE
O Parlamento de Navarra aprobou instar a Unión Europea a recoñecer como oficiais o éuscaro, o catalán e o galego, resaltando a importancia de reflectir a diversidade lingüística europea. A proposta busca garantir a presenza destas linguas nas comunicacións e documentos oficiais da UE.
Fonte: Pamplona Televisión
O Concello de Pamplona acorda a creación dun plan de normalización do éuscaro
O Concello de Pamplona inicia os traballos para elaborar un plan de normalización lingüística, co obxectivo de protexer e promover o uso do éuscaro na cidade. O plan, que contará cun orzamento específico e un Consello Municipal do Éuscaro para o seu seguimento, busca garantir o dereito da cidadanía a coñecer e utilizar esta lingua, e impulsar a súa presenza nas relacións coa Administración e nos espazos públicos como elemento de cohesión social.
Fonte: Iruñeko Udala
Convócanse axudas para promover o éuscaro nas entidades sen ánimo de lucro navarras
O Goberno de Navarra abriu o prazo para solicitar axudas destinadas a promover o uso e a presenza do éuscaro en entidades sen ánimo de lucro da Comunidade Foral. As subvencións apoiarán a elaboración e a implementación de plans lingüísticos, medidas concretas e investimentos en contidos dixitais en éuscaro.
Fonte: Gobierno de Navarra
O Goberno navarro e Euskaltzaindia asinan un acordo para o desenvolvemento do éuscaro en Navarra
O Goberno de Navarra e Euskaltzaindia asinaron un acordo bilateral para impulsar o desenvolvemento do éuscaro na Comunidade Foral, que se concreta en accións como a recuperación de gravacións lingüísticas, a elaboración de dicionarios e a creación dunha biblioteca específica. Este convenio, que lle outorga a Navarra plena capacidade de decisión e mellor coordinación, establece a creación de comisións para garantir o seguimento, planificación e avaliación das accións previstas.
Fonte: Gobierno de Navarra
Valentín García explica en Navarra as iniciativas de acción inmediata para impulsar o uso do galego feitas ao abeiro do pacto pola lingua

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou en Pamplona na comisión de seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística subscrito polos gobernos de Galicia, Cataluña, Illas Baleares, Comunidade Valenciana, Comunidade Foral de Navarra e o País Vasco para establecer vías de colaboración entre os diferentes departamentos de política lingüística.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O Concello de Pamplona convoca axudas para aprendizaxe de éuscaro
O Concello de Pamplona destina 70 000 euros para axudas a persoas maiores de 16 anos empadroadas na cidade que desexen aprender ou perfeccionar o éuscaro. A convocatoria distingue entre cursos anuais e de verán e darase un máximo do 80 % do seu custo. Deben realizarse en centros homologados e requiren asistir, polo menos, ao 75% das clases.
Fonte: Ureñeko Udala
O Concello de Pamplona organiza un programa de actividades arredor da lectura e a creación literaria en éuscaro
O Concello de Pamplona, xunto coa asociación Karrikiri, organiza catro encontros literarios en éuscaro, con presentacións de obras narrativas e poéticas, para promover a lectura e a creatividade das novas xeracións.
Fonte: Iruñeko Udala
Boletín
Subscríbase ao boletín