País Vasco
O Concello de Bilbao e a Real Academia da Lingua Vasca renovan o seu convenio de colaboración anual
O Concello de Bilbao e a Real Academia da Lingua Vasca-Euskaltzaintza renovaron o convenio anual que manteñen desde 2008 polo cal ambas as institucións colaboran no desenvolvemento e a socialización do éuscaro na cidade, así como na organización de actos culturais. Ao abeiro deste convenio, Euskaltzaindia recibe unha subvención de 35 500 euros e presta asesoramento lingüístico aos diferentes servizos municipais.
Fonte: Deia
A Deputación de Áraba pon en marcha un programa de asesoramento en éuscaro dirixido ás empresas

A Deputación de Áraba, en colaboración co Goberno vasco e o Concello de Vitoria, porá en marcha, no marco do programa Lanabes de impulso do uso do éuscaro no ámbito empresarial arabés, dous novos proxectos: unha comunidade de prácticas nesta lingua e un servizo de asesoramento lingüístico para as empresas.
Fonte: El Correo
O Concello de Bilbao organiza un programa de éuscaro destinado a comerciantes

O Concello de Bilbao presentou unha nova edición de Biribilko, un programa que ten como obxectivo impulsar a normalización e o uso do éuscaro nos establecementos comerciais da cidade.
Fonte: Deia
O Consello Escolar de Euskadi pide unha reflexión profunda sobre o modelo D polo baixo nivel de éuscaro que alcanza o alumnado

O baixo nivel de éuscaro do alumnado inscrito no modelo D ao finalizar a educación obrigatoria levou ao Consello Escolar de Euskadi a solicitar unha reflexión profunda sobre o ensino nesta modalidade que, ademais, é a maioritaria.
Fonte: Deia
Preséntase a sexta edición dos Premios Lazarraga que recoñecen o labor das empresas arabesas que fomentan o uso do éuscaro

A Deputación Foral de Áraba e Bai Euskarari Elkartea presentaron a sexta edición destes galardóns que recoñecen o esforzo das empresas que promoven o emprego do éuscaro. En total, premiaranse cinco entidades ou persoas físicas polas iniciativas postas en marcha para impulsar o uso desta lingua no ámbito social e empresarial.
Fonte: 20minutos
Cada vez máis empresas apostan no País Vasco pola capacitación en éuscaro do seu cadro de persoal

Cada vez máis as empresas son conscientes da importancia de dirixirse á clientela na súa lingua para ofrecerlle un mellor servizo, polo que optan pola capacitación en éuscaro do seu persoal. Proba disto é o centro Ulibarri Euskaltegia, que asesora a empresas e entidades en materia sociolingüística e que xa prestou os seus servizos a compañías tan importantes como El Corte Inglés, Mutualia ou a Autoridade Portuaria de Bilbao.
Fonte: Deia
Reclaman un incremento do uso do éuscaro nos informativos de RTVE no País Vasco
Un senador do PNV solicitoulle á administradora única de RTVE durante a Comisión Mixta da Corporación que os informativos emitidos polo ente público no País Vasco adopten unha actitude proactiva a prol do éuscaro e fagan un maior esforzo por empregar esta lingua.
Fonte: El Confidencial Digital
O Concello de Donostia organiza diferentes proxectos para fomentar o uso do éuscaro no tempo de lecer da infancia e a mocidade

O Concello de Donostia vai organizar diferentes actividades para fomentar o éuscaro entre a infancia e a mocidade no seu tempo de lecer, co obxectivo de que o emprego desta lingua non se reduza ao ámbito escolar, senón que tamén se use noutros espazos vitais, como os parques ou os adestramentos deportivos.
Fonte: DonostiTik
Ponse en marcha unha nova edición do programa Berbetan para a práctica do éuscaro
O programa para a práctica do éuscaro Berbetan, organizado pola asociación Eta kitto!, xa ten aberto o prazo de inscrición. Esta iniciativa posibilita os encontros entre persoas con esta lingua como protagonista de conversas e actividades en grupos reducidos.
Fonte: Diario Vasco
O Euskaltegi de Oñati organiza cursos de éuscaro específicos para diferentes ámbitos
O Euskaltegi municipal anuncia que organizará varios cursos gratuítos de éuscaro específicos para ámbitos como o coidado, a hostalería ou o comercio. Están dirixidos a persoas con nulos ou escasos coñecementos desta lingua e teñen como obxectivo que adquiran unha competencia oral básica para desenvolver a súa actividade laboral.
Fonte: Diario Vasco
Boletín
Subscríbase ao boletín