España
Barcelona acolle unha manifestación a prol da inmersión en catalán nas escolas
A manifestación, convocada por parte da comunidade educativa, tiña como obxectivo rexeitar o cambio da lei de política lingüística e esixir que se blinde a inmersión en catalán nas escolas.
Fonte: Público
Convócase o III Premio Morales para a promoción da lingua galega no Bierzo e en Sanabria/A Seabra

O Premio Morales ten catro categorías: debuxo inspirado no poema ‘A Santísima Virgen da Quinta Angustia’ (para infantil e primaria), peza literaria relacionada coa mesma obra (categorías diferenciadas para alumnado de secundaria e bacharelato ou da Escola Oficial de Idiomas e maiores de idade) e proposta de normalización lingüística centrada no Bierzo (público xeral).
Fonte: Consello da Cultura Galega
Rexístranse máis de 200 queixas por discriminación lingüística nas universidades de Cataluña, Baleares e Comunidade Valenciana
Segundo a análise realizada no primeiro cuadrimestre ao abeiro da campaña "La universitat, en català!", impulsada pola Plataforma per la Llengua, a FNEC, o SEPC e o BEA, o 58 % das queixas débese a cambios da lingua de docencia; o 24 %, por falta de materias en catalán; e o 18 %, por vulneración doutros dereitos lingüísticos.
Fonte: Plataforma per la Llengua
Comeza en Amurrio unha nova edición da Korrika, a carreira a prol do éuscaro

Comeza a edición número 22 da Korrika, a carreira de relevos organizada por AEK, que percorrerá ata o 10 de abril 2000 quilómetros por Euskadi, Navarra e o País Vasco francés.
Fonte: Norte Exprés
O Goberno de Navarra renova o convenio coa Fundación Jaso para impulsar o uso do éuscaro nos ámbitos da vida social
Por terceiro ano subscríbese este convenio ao que o Goberno navarro destina unha partida económica de 15 000 euros. A Fundación Jaso comprométese así a ampliar a oferta cultural en éuscaro, con programación musical e outras actividades nesta lingua.
Fonte: Gobierno de Navarra
Convócanse axudas para impulsar o uso do valenciano nas emisoras locais e en revistas
A Academia Valenciana da Lingua convoca unha liña de axudas, á que destinará un importe de 50 000 euros, para fomentar o uso do valenciano nas emisoras locais de radio, as revistas de investigación e as revistas de temática especializada ou de carácter local ou comarcal.
Fonte: Valencia Plaza
O Concello de Vitoria-Gasteiz asina un convenio para fomentar o uso do éuscaro no ámbito sociolaboral
O Concello de Vitoria-Gasteiz asina este convenio de colaboración para continuar coa iniciativa Bai Euskarari de promoción do uso do éuscaro no ámbito sociolaboral e ao que destinará 23 100 euros.
Fonte: El Diario
O labor realizado polo Grupo Fagor para fomentar o uso do éuscaro faino merecedor do premio Abbadia Saria
O edificio Kulturola de Arrasate foi o escenario da entrega do premio Abbadia Saria que recibiu o Grupo Fagor, un galardón co que se recoñece o labor colectivo realizado por esta entidade a prol da normalización do uso do éuscaro no lugar de traballo.
Fonte: Donostitk
O Centro Galicia en Ponferrada convoca unha nova edición do seu certame literario en galego

A VII edición do Certame Literario en Galego terá como temática o Camiño de Santiago e conta con tres categorías: infantil (ata 14 anos), xuvenil (entre 14 e 18 anos) e adulta (a partir de 18).
Fonte: La Nueva Crónica
Quince entidades da comarca de Durangaldea asinan o seu compromiso coa promoción do éuscaro no ámbito socioeconómico

Un total de quince empresas e centros formativos asinaron o seu compromiso de adhesión ao proxecto Landue para o fomento do éuscaro no ámbito socioeconómico, unha iniciativa posta en marcha hai un ano pola Mancomunidade de Durangaldea, xunto coa Deputación Foral de Biscaia e o Goberno vasco.
Fonte: Gobierno Vasco
Boletín
Subscríbase ao boletín