España
Sete centros de secundaria de Pamplona participan no programa «Sartu eta Sortu» que busca reforzar o vínculo da mocidade co éuscaro
O Concello de Pamplona impulsa unha nova edición do programa «Sartu eta Sortu», destinado a fomentar o uso social e cultural do éuscaro entre o alumnado de primeiro da ESO. Sete centros do modelo D participan nesta iniciativa, que ofrece encontros en éuscaro con creadoras e creadores recoñecidos da cultura, a ciencia e o deporte.
Fonte: Pamplona Actual
Comeza a quinta edición do ciclo «Gora Gora Fest!» que levará unha ampla oferta de actividades en éuscaro por toda Navarra

O Goberno de Navarra, a través de Euskarabidea, pon en marcha a 5ª edición do «Gora Gora Fest!» 2025, un ciclo cultural en éuscaro con dez espectáculos gratuítos que percorrerán 65 localidades entre o 7 de novembro e o 14 de decembro. A proposta diríxese a nenas/os, mocidade e familias e prioriza concellos de menos de 3000 habitantes, para achegarlles oferta cultural en éuscaro onde apenas existe.
Fonte: Gobierno de Navarra
Ponse en marcha a segunda edición Correllengua Universitari para impulsar o uso do catalán nas universidades
Comeza a segunda edición do Correllengua Universitario, destinado a fortalecer o uso do catalán nas universidades e a formar o alumnado sobre os seus dereitos lingüísticos. Durante varios días, diferentes universidades catalás acollerán actividades culturais e educativas para reivindicar a lingua e a cultura propias. A iniciativa pretende que o estudantado poida detectar e denunciar vulneracións das normas que protexen o catalán e ofrecerlle guías e materiais prácticos para facelo.
Fonte: Diari de la Llengua
O programa de cinema infantil en catalán retoma a súa actividade con máis de 170 proxeccións
O programa de Cinema Infantil en Català (CINC), impulsado polo Departamento de Política Lingüística, reactivouse este outubro con 174 proxeccións en 32 localidades de Cataluña e Aragón. A iniciativa ofrece películas dobradas ao catalán, a prezos reducidos e cunha ampla distribución territorial co obxectivo é ampliar a oferta e o consumo de cinema en catalán.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O concurso de trivial Gurot impulsará o uso do éuscaro entre a mocidade de Durangaldea

A Mancomunidade de Durangaldea impulsa unha nova edición do concurso Gurot, destinado á mocidade de 12 a 18 anos para fomentar o uso do éuscaro dun xeito lúdico e educativo. Este ano o certame preséntase en formato de microconcursos individuais, que se celebrarán os xoves de novembro.
Fonte: Durangoko Udala
Corenta proxectos de creación de contidos en catalán resultan beneficiarios das bolsas Propulsió 2025
O Departamento de Política Lingüística de Cataluña publicou a resolución das Bolsas Propulsió 2025, destinadas a apoiar a creación de contidos en catalán nas redes e a profesionalización das persoas dedicadas á creación dixital. Nesta segunda edición foron seleccionados 40 proxectos de ámbitos como a cultura, a ciencia, a música, o humor, o deporte ou os videoxogos, que se difundirán en YouTube, TikTok e Instagram. As iniciativas premiadas destacan pola súa diversidade temática e polo seu papel na promoción do catalán como lingua de creación contemporánea no espazo dixital.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Generalitat de Cataluña regula o nivel A1 de catalán ante a demanda crecente de realización de probas
O Goberno catalán aprobou a modificación do Decreto 37/2024 sobre avaliación e certificación do coñecemento do catalán, co obxectivo de regular o nivel A1 e permitir máis dunha proba ordinaria ao ano. A medida responde ao aumento da demanda de acreditación lingüística, especialmente entre persoas migrantes, xa que o nivel A1 é relevante para os trámites de arraigamento. A nova normativa facilitará convocatorias libres e o recoñecemento de certificados doutras entidades, ademais de flexibilizar o calendario anual de exames oficiais.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Confederación Estatal de Persoas Xordas denuncia as desigualdades no acceso á lingua de signos e reclama máis recursos
A Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE) celebrou o 18.º aniversario da Lei 27/2007, que recoñeceu por primeira vez as linguas de signos española e catalá e garantiu o dereito das persoas xordas a comunicarse sen barreiras. A entidade destaca os avances logrados, mais advirte das desigualdades territoriais, a falta de financiamento estable e a escaseza de intérpretes e profesorado signante, polo que reclama máis coordinación institucional e recursos para facer efectivo o dereito á comunicación en lingua de signos en todo o Estado.
Fonte: Diario de la DisCapacidad
O distrito barcelonés de Nou Barris presenta un plan de acción para impulsar o catalán
Este plan de acción ten como obxectivo reforzar o uso do catalán como lingua de cohesión social e inclúe a creación dunha mesa de traballo encargada de coordinar as políticas lingüísticas e aplicar as accións do Pacto Nacional pola Lingua. O plan tamén prevé incorporar cláusulas lingüísticas nos contratos municipais e garantir a presenza plena do catalán na comunicación institucional e nas actividades culturais.
Fonte: Diari de la Llengua
O Concello de Muro asina un convenio coa AVL para impulsar o uso do valenciano
Este convenio, que terá unha vixencia de catro anos, busca reforzar o uso do valenciano no municipio, co obxectivo de converter a Muro nun referente na promoción desta lingua. O acordo inclúe medidas como a valencianización do nome oficial do municipio, a programación cultural en valenciano e a consolidación dunha Oficina de Promoción Lingüística. A AVL tamén ofrecerá asesoramento e recursos educativos para mellorar a presenza do valenciano na vida cotiá.
Fonte: El Nostre Ciutat
Boletín
Subscríbase ao boletín