España

Bilbao acolle unha concentración que reivindica unha nova revitalización do éuscaro

Preto de seis mil persoas reuníronse en Bilbao nun acto promovido por Euskalgintzaren Kontseilua para reclamar unha nova etapa de revitalización do éuscaro e un acordo sociopolítico que impulse un cambio profundo nas políticas lingüísticas. O encontro, celebrado no Bilbao Arena baixo o lema «Euskaraz bizitzeko pizkundea», congregou representación institucional, política, social e cultural. As intervencións puxeron o foco na situación de emerxencia da lingua e na necesidade de entendela como eixo de transformación social.

Fonte: El Diario

País Vasco

Convócanse subvencións en Biscaia para o fomento do éuscaro en diferentes ámbitos

A Deputación Foral de Biscaia abrirá o 12 de xaneiro as convocatorias de axudas para 2026 destinadas a impulsar o uso do éuscaro en ámbitos laborais, sociais, comunicativos e dixitais, cun orzamento global de máis de 3,4 millóns de euros. As subvencións diríxense a empresas, profesionais, entidades sen ánimo de lucro, medios e administracións locais. As cinco liñas de apoio inclúen plans lingüísticos no traballo, proxectos de normalización, presenza dixital e iniciativas comunicativas integramente en éuscaro.

Fonte: Diputación Foral de Bizkaia

País Vasco

O Goberno navarro pon en marcha unha iniciativa para impulsar o uso do éuscaro nos centros de saúde

O Goberno de Navarra desenvolveu probas piloto en centros de saúde da zona vascófona para analizar necesidades lingüísticas e mellorar o uso do éuscaro na atención sanitaria. As experiencias, coordinadas por Euskarabidea no marco do Plan Lingüístico de Saúde, permitiron aumentar nun 22 % o uso da lingua nos centros participantes.

Fonte: Gobierno de Navarra

Navarra

A palabra «negacionismu» convértese e neoloxismo do ano 2025 en asturiano

A Academia da Lingua Asturiana escolleu «negacionismu» como neoloxismo do ano 2025 tras unha votación popular, co compromiso de incorporalo ao seu dicionario normativo. O termo impúxose a outras propostas e define a actitude de rexeitar de maneira infundada feitos comprobados e consensos científicos. A iniciativa busca visibilizar novas realidades sociais e actualizar o léxico do asturiano con palabras xa presentes no uso.

Fonte: La Voz de Asturias

Asturias

Finaliza o programa de conversas de reforzo en catalán para profesionais do ámbito sanitario

A Generalitat pechou con éxito a primeira experiencia de conversas de reforzo en catalán, un servizo telemático de práctica oral dirixido a profesionais da saúde. A iniciativa, complementaria á formación regrada, facilitou o uso efectivo da lingua no exercicio sanitario mediante sesións individuais flexibles e adaptadas á realidade laboral. As valoracións salientan unha mellora na fluidez e na seguridade comunicativa, así como unha maior garantía dos dereitos lingüísticos das persoas atendidas. Tras os resultados obtidos, prevese ampliar o programa a outros perfís e cursos ao longo de 2026.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

A Generalitat de Cataluña apoia a tradución ao catalán de obras de ensaio e non ficción a través dunha liña de axudas

O Departamento de Política Lingüística reforzou nos anos 2024 e 2025 a tradución ao catalán de obras de ensaio e non ficción para ampliar a presenza da lingua en diferentes ámbitos do coñecemento. No conxunto dos dous exercicios apoiouse a versión en catalán de máis de 350 títulos procedentes de numerosas linguas e editoriais, cun claro predominio de disciplinas como historia, ciencias sociais, filosofía, divulgación científica e pensamento contemporáneo. Esta liña de axudas consolidou un catálogo diverso que contribúe a normalizar o uso do catalán máis alá da creación literaria e a fortalecer a súa proxección académica e divulgativa.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

Amplíase o catálogo de xogos en catalán no portal Totjoc

O portal Totjoc ampliou polo Nadal o seu buscador de xogos e xoguetes en catalán, até reunir 1530 produtos e preto de 600 establecementos onde adquirilos, co obxectivo de normalizar o lecer nesta lingua. A iniciativa reforzouse con recomendacións audiovisuais e titoriais difundidos a través de YouTube, coa colaboración do comercio especializado. En paralelo, o presentouse un dicionario específico de xogos de mesa e de rol, integrado na colección de recursos en liña do Termcat, concibido como ferramenta aberta e ampliable para consolidar o vocabulario deste ámbito en catalán.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

A Real Academia Española publica a versión 1.4 do Corpus do Español do Século XXI (CORPES)

A RAE publicou a versión 1.4 do CORPES, que supera os 445 millóns de formas e os 412.000 documentos, con materiais escritos e orais representativos do español actual. A actualización incorpora máis de sete millóns de rexistros novos, revisa os criterios de codificación e afonda na depuración de coincidencias textuais. A ferramenta consolídase como recurso clave para investigar e analizar os usos contemporáneos da lingua.

Fonte: Real Academia Española

Xeral

Ponse en marcha un centro virtual para divulgar as orixes do español utilizando IA e ferramentas dixitais

A Fundación Instituto Castelán e Leonés da Lingua e a Fundación PROCONSI asinaron un acordo para impulsar o Centro Virtual das Orixes do Español, unha plataforma destinada a dixitalizar, conservar e divulgar o patrimonio documental vinculado ao nacemento do castelán. O proxecto combinará investigación, difusión cultural e recursos educativos mediante ferramentas tecnolóxicas avanzadas, co obxectivo de reforzar a proxección internacional desta herdanza lingüística.

Fonte: Fundéu

Castela e León

«Muga-zerga» (arancel) convértese na palabra do ano en éuscaro

Euskaltzaindia e UZEI escolleron muga-zerga como palabra do ano, ao consolidarse como equivalente en éuscaro de arancel e sinónimo de aduana-zerga. A elección responde á forte presenza do concepto na actualidade informativa, marcada polas medidas comerciais impulsadas polo Goberno dos Estados Unidos e polo seu impacto económico global.

Fonte: Gente

Xeral

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder