España

Ponse en marcha un centro virtual para divulgar as orixes do español utilizando IA e ferramentas dixitais

A Fundación Instituto Castelán e Leonés da Lingua e a Fundación PROCONSI asinaron un acordo para impulsar o Centro Virtual das Orixes do Español, unha plataforma destinada a dixitalizar, conservar e divulgar o patrimonio documental vinculado ao nacemento do castelán. O proxecto combinará investigación, difusión cultural e recursos educativos mediante ferramentas tecnolóxicas avanzadas, co obxectivo de reforzar a proxección internacional desta herdanza lingüística.

Fonte: Fundéu

Castela e León

«Muga-zerga» (arancel) convértese na palabra do ano en éuscaro

Euskaltzaindia e UZEI escolleron muga-zerga como palabra do ano, ao consolidarse como equivalente en éuscaro de arancel e sinónimo de aduana-zerga. A elección responde á forte presenza do concepto na actualidade informativa, marcada polas medidas comerciais impulsadas polo Goberno dos Estados Unidos e polo seu impacto económico global.

Fonte: Gente

Xeral

Preséntase un estudo sobre o abandono e a continuidade dos cursos de catalán

Un estudo impulsado pola Universidade de Barcelona e diversas institucións públicas analizou, con datos de 2010 a 2019, as traxectorias do alumnado dos cursos presenciais de catalán do Consorcio para a Normalización Lingüística (CPNL) para comprender os factores de continuidade e abandono. A investigación amosa que a deserción se concentra sobre todo nos niveis iniciais e básicos, mentres que diminúe de forma notable nos tramos avanzados, e que os cursos trimestrais de 45 horas ofrecen un equilibrio axeitado entre permanencia e eficacia formativa.

Fonte: Universitat de Barcelona

Cataluña

A Comarca de Sobrarbe e a Academia Aragonesa da Lingua asinan un convenio para protexer o patrimonio lingüístico de Aragón

A Comarca de Sobrarbe e a Academia Aragonesa da Lingua formalizaron un acordo para reforzar o uso, a defensa e a difusión das linguas e variedades propias de Aragón. Co convenio, ambas as entidades comprométense a colaborar de maneira coordinada para preservar este patrimonio lingüístico e darlle maior proxección social e cultural.

Fonte: Diario del Alto Aragón

Aragón

Increméntase, por cuarto ano consecutivo, a matriculación en asturiano no novo curso escolar

A Consellería de Educación rexistrou neste curso un aumento do 34,2 % na matrícula de asturiano e eonaviego, ata chegar a 30.782 estudantes, unha suba continuada por cuarto ano seguido e impulsada sobre todo pola incorporación voluntaria da lingua no segundo ciclo de Infantil. Nesta etapa superouse o 48 % de participación, mentres que en Primaria, Secundaria e Bacharelato se mantivo unha lixeira tendencia á alza no conxunto do alumnado. O Goberno asturiano salientou que estes datos reflicten un maior recoñecemento social e educativo da lingua propia, reforzado tamén pola estrea do ensino de asturiano nas Escolas Oficiais de Idiomas e pola elaboración de novos materiais didácticos para todas as etapas.

Fonte: La Voz de Asturias

Asturias

A Generalitat de Cataluña pon en marcha unha iniciativa de acollida lingüística

O Departamento de Política Lingüística, en colaboración co CPNL, puxo en marcha «Benvinguts a Catalunya, benvinguts al català», unha acción de acollida que informa a poboación acabada de chegar a Cataluña sobre a relevancia de aprender a lingua. O programa destaca o catalán como ferramenta de cohesión social e de participación e ofrece materiais de benvida que xa se distribúen en 21 concellos. A iniciativa inclúe un código QR que dá entrada a un portal multilingüe con buscador de cursos e grupos de conversa, con máis de 400 puntos formativos co obxectivo de favorecer a integración social, educativa e laboral e de reforzar a igualdade de oportunidades.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

Unha xornada analiza a situación do catalán na empresa

A Fundación Vincle organizou a unha xornada na que se discutiron os retos e oportunidades para mellorar o uso do catalán no ámbito empresarial, ante a preocupación polo retroceso desta lingua. Neste evento fíxose fincapé na necesidade de integrar o uso do catalán na responsabilidade social corporativa, ao igual que se fai con outros temas como o medio natural.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

A Generalitat de Cataluña aproba unha axuda para financiar o Observatorio da Calidade Lingüística

O Goberno aprobou unha axuda de 2 millóns de euros para financiar o Observatorio da Calidade Lingüística do Instituto de Estudos Cataláns, en cumprimento do Pacto Nacional pola Lingua. Este proxecto, que se centrará na calidade do catalán en diferentes ámbitos (administración, xustiza, educación, saúde etc.) durante o período 2025-2028, xerará datos para establecer accións políticas orientadas á mellora da lingua.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

O Concello de Legazpi aproba un novo plan para a revitalización do éuscaro

O Concello de Legazpi aprobou o Plan AROA (2026–2036), unha folla de ruta a dez anos para aumentar o uso do éuscaro, fortalecer o poder de acción da veciñanza e garantir unha convivencia lingüística xusta e inclusiva, froito dun proceso participativo con diagnóstico rigoroso e colaboración entre responsables municipais, tecido social e cidadanía.

Fonte: Legazpiko Udala

País Vasco

A FundéuRAE escolle «arancel» como palabra do ano 2025

Esta selección de arancel como palabra do ano 2025 débese á disputa e a negociación comercial entre estados, con especial protagonismo dos Estados Unidos, que popularizaron un termo que ata hai pouco pertencía case en exclusiva á economía e ao dereito e que agora forma parte da conversa cotiá. Así mesmo, aclarou que nomea a contía que se lle cobra á importación de certos bens e lembrou a súa presenza histórica nos dicionarios.

Fonte: Fundéu

Xeral

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder