España
Netflix incorpora ao seu catálogo 83 novos audios en catalán

A plataforma Netflix duplicou a súa oferta de filmes dobrados ao catalán grazas á incorporación de 83 novos audios producidos maioritariamente por 3Cat, que se engaden aos xa existentes ao abeiro do convenio coa Generalitat. A medida incorpora títulos moi populares de distintos xéneros e reforza a presenza do catalán no ámbito audiovisual, nun contexto no que tamén outras plataformas como HBO Max ou Filmin aumentan os seus contidos. Esta estratexia procura ampliar de maneira sostida a dispoñibilidade e o consumo de produtos audiovisuais en catalán mediante convenios, subvencións e programas específicos.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Comeza no Congreso a tramitación da nova lei de plurilingüismo

O Congreso iniciou a tramitación dunha lei orgánica de plurilingüismo que pretende reforzar o uso de catalán, éuscaro e galego en toda a Administración do Estado, incluída a Xustiza, e garantir que a cidadanía poida empregar estas linguas con plena validez xurídica. A norma introduce requisitos de competencia lingüística no emprego público, cláusulas nos contratos e medidas específicas en consumo, transporte, medios e servizos. No eido educativo fixa que a lingua propia de cada territorio funcione como vehicular, co obxectivo de asegurar que o alumnado domine tanto esa lingua como o castelán.
Fonte: El Diario
Segundo un informe, duplícase a cifra de persoas que dominan o éuscaro desde finais dos 80
O último informe de EiTB Data revela un avance histórico do éuscaro, con máis do 45 % da poboación de Euskadi capacitada para o empregar e cun crecemento moi destacado en áreas onde antes era minoritario. Porén, o estudo subliña que o grande reto continúa a ser o uso cotián, limitado nas capitais e máis asentado no leste de Biscaia e en boa parte de Guipúscoa. Navarra presenta unha situación moi desigual, con forte presenza no norte e escasa no sur. O informe lembra ademais que as chegadas masivas de poboación doutras comunidades nas décadas de 1960 e 1970 condicionan aínda hoxe niveis máis baixos de uso social da lingua en moitos concellos.
Fonte: Agencia de Noticias
O Concello de Fonz e a Academia Aragonesa da Lingua asinan un convenio para a promoción das linguas e modalidades lingüísticas de Aragón
Ambas as entidades acordan colaborar para promover e protexer o aragonés, nomeadamente a súa variedade ribagorzá, mediante accións culturais, formativas e editoriais. O convenio prevé asesoramento lingüístico, revisión e tradución de textos, así como a posibilidade de organizar actividades conxuntas en distintos espazos municipais. O acordo terá vixencia de catro anos e contará cunha comisión mixta de seguimento integrada por representantes municipais e da Academia.
Fonte: Cinca Medio
Preséntase unha campaña para fomentar o uso do catalán durante o Nadal con actividades por todas as illas do arquipélago balear

O Goberno das Illas Baleares lanzou a campaña «Viu Nadal amb l'IEB» co obxectivo de promover o uso do catalán durante as festas. Desde o 5 de decembro de 2025 ata o 4 de xaneiro de 2026, haberá actividades para todas as idades, como obradoiros, rutas culturais e xogos tradicionais nas illas.
Fonte: Govern de les Illes Balears
O teléfono de emerxencias CAT112 estrea unha canle cun sistema de videoconferencia en lingua de signos catalá
O servizo de emerxencias CAT112 lanzou unha nova canle de comunicación en lingua de signos catalá para persoas con discapacidade auditiva, dispoñible as 24 horas do día. Este sistema, accesible a través da páxina web do 112 e das apps de Fesoca e Svisual, permitirá realizar videochamadas coas que se poderá transmitir a información ao servizo de emerxencias para a súa xestión.
Fonte: Gente
Lanzan o primeiro dicionario dixital multilingüe do aragonés

O Estudo de Filoloxía Aragonesa lanza DicAra, un dicionario dixital que ofrece unha visión completa do léxico aragonés, con equivalencias en castelán, catalán e inglés. Este proxecto, que inclúe 90 000 entradas lematizadas e máis de 130 000 variantes dialectais, destaca pola súa exhaustividade e facilita o acceso a unha lingua histórica, incorporando funcións avanzadas de busca. DicAra, que se basea no Diccionario aragonés-castellano-catalán lanzado en 2022, representa un fito na preservación do aragonés e ofrece información detallada, como etimoloxías e exemplos de uso.
Fonte: 24 H Aragón
A Academia Valenciana da Lingua e o Congreso asinan un convenio para fomentar o valenciano
O Congreso dos Deputados publicará no Boletín Oficial das Cortes Xerais as iniciativas lexislativas aprobadas na súa versión en valenciano, tras un convenio asinado coas Academia Valenciana da Lingua. O acordo busca visibilizar a realidade bilingüe, a través da tradución e difusión dos textos legais en valenciano. A colaboración terá unha duración de dous anos, cunha achega anual de 25 000 euros.
Fonte: El Diario
Celébrase o Día do Éuscaro con actividades lúdicas e actos reivindicativos
A celebración do Día Internacional do Éuscaro chega cunha ampla programación cultural e reivindicativa, nun contexto de preocupación polo retroceso do uso social da lingua e polas decisións xudiciais que a condicionan. Diversos colectivos convocan mobilizacións para reclamar políticas lingüísticas máis firmes, mentres as institucións difunden declaracións conxuntas que apelan a reforzar a transmisión e o uso do éuscaro. A xornada inclúe actos locais, iniciativas internacionais promovidas polo Instituto Etxepare e unha ampla oferta cultural.
Fonte: Orain
Comeza a campaña para escoller o neoloxismo do ano 2025 en catalán
A campaña «La paraula de l’any», impulsada polo Observatorio de Neoloxía da Universidade Pompeu Fabra (UPF), o Instituto de Estudos Cataláns (IEC), o Termcat e 3Cat, convida a escoller o neoloxismo máis destacado de 2025 entre dez opcións que abranguen ámbitos como a saúde, a tecnoloxía, a identidade ou o clima. A votación, aberta ata o 16 de decembro, permitirá seleccionar a palabra que o IEC estudará con especial atención para a súa posible incorporación normativa.
Fonte: Diari de la Llengua
Boletín
Subscríbase ao boletín