España
O Goberno da Comunidade Valencia elimina nas comunicacións dos centros educativos a preferencia do valenciano
O novo Plan de Uso das Linguas aprobado polo Goberno valenciano permítelles ás familias elixir a lingua das comunicacións escolares, o que reduce a presenza do valenciano e contradí a lexislación vixente que obriga a promovelo activamente. Por este motivo reclámaselle á Consellería de Educación que cumpra co seu deber de garantir o dominio equilibrado das dúas linguas oficiais.
Fonte: Diari de la Llengua
Persoal investigador da Universidade de Zaragoza adestra modelos de intelixencia artificial en lingua aragonesa

O investigador Miguel López Otal desenvolve un proxecto na Universidade de Zaragoza para adestrar intelixencia artificial en lingua aragonesa, cun dobre obxectivo: preservar este idioma en perigo e modernizalo mediante a súa presenza no ámbito dixital. A escaseza de textos dificulta o proceso, mais o equipo procura adaptar modelos en castelán ao aragonés e lograr así ferramentas útiles para a súa transmisión.
Fonte: El Diario
A Generalitat de Cataluña fomenta a dispoñibilidade de xogos en catalán a través de subvencións

O Departamento de Política Lingüística promove o uso do catalán mediante subvencións á edición de xogos de mesa e a través do programa TotJoc, que impulsa o lecer nesta lingua desde 2012. En 2024 subvencionáronse 40 xogos e prevese investir 150 000 euros co obxectivo de normalizar o catalán nun contexto lúdico e informal, especialmente entre a infancia, a mocidade e persoas recentemente chegadas.
Fonte: Generalitat de Cataluña
O Concello de l’Eliana lanza una nova edición do seu certame para promover o uso do valenciano no ámbito do comercio

O Concello de l’Eliana convoca a cuarta edición dos Premios ao Uso do Valenciano no Comercio Local, co obxectivo de reforzar a presenza da lingua na vida cotiá. A iniciativa recoñece o uso do valenciano en rótulos, materiais impresos e plataformas dixitais, cunha dotación total de 3000 euros en premios.
Fonte: Ajuntament de l'Eliana
O Goberno de Asturias impulsa un recoñecemento lingüístico para o sector empresarial

A Consellería de Cultura, Política Lingüística e Deporte impulsará este ano o distintivo Alfaya, un recoñecemento ao compromiso empresarial co asturiano e o eonaviego, con tres niveis de adhesión segundo o grao de implicación. A marca nace coa colaboración da asociación EPPA e complétase con catro liñas de axudas públicas por valor de 450 000 euros para apoiar accións de normalización lingüística no sector empresarial.
Fonte: Principado de Asturias
Doce proxectos culturais, deportivos e de promoción do éuscaro fomentan a proxección de Biscaia co apoio da Deputación Foral
A Deputación de Bizkaia resolveu unha nova convocatoria de axudas para apoiar, con 300 000 euros, doce proxectos culturais, deportivos e de promoción do éuscaro que se desenvolverán fóra do territorio en 2025. O obxectivo é reforzar a súa proxección internacional a través de iniciativas que visibilicen a súa identidade cultural e lingüística, como festivais, expedicións, proxectos audiovisuais ou eventos deportivos.
Fonte: Bizkaiko Foru Aldundia
Preséntase unha nova edición de Falamos, o programa de ensino das linguas de Asturias para a poboación adulta

O programa Falamos, impulsado pola Consellería de Cultura, Política Lingüística e Deporte, amplía a súa oferta con 15 cursos semipresenciais de asturiano e eonaviego. A iniciativa, que combina formación presencial e en liña, busca promover o uso social das linguas propias e conta cunha participación acumulada de 1410 persoas.
Fonte: El Diario de Asturias
O Concello de Bermeo aproba o Plan de normalización do uso do éuscaro
O Concello de Bermeo aprobou un novo plan de normalización lingüística ata 2027 co propósito de aumentar o uso do éuscaro como lingua de traballo e servizo e elevar a súa implantación do 75 % ao 89 %. O documento, elaborado co apoio de UEMA e en base ao marco do Goberno vasco, integra a xestión lingüística na dinámica municipal e aposta polo liderado compartido, o seguimento de indicadores e o compromiso colectivo como ferramentas para garantir os dereitos lingüísticos da veciñanza.
Fonte: Bermeoko Udala
A Generalitat de Cataluña facilita a procura de lugares onde aprender catalán coa actualización de dúas ferramentas
O Departamento de Política Lingüística actualizou e ampliou os seus recursos para facilitar o acceso ao ensino do catalán, cun buscador e mapas interactivos que recollen 348 lugares onde se pode aprender a lingua. Estes instrumentos permiten localizar cursos por localidade e consultar a información de contacto das entidades ofertantes. A medida busca promover o coñecemento do catalán entre a poboación adulta, especialmente entre as persoas recentemente chegadas, co obxectivo de acadar 600 000 novos falantes en 2030.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Melilla contará cun museo dedicado á oralidade e ao patrimonio inmaterial
A cidade de Melilla inicia a primeira fase dun proxecto para crear un museo dedicado á oralidade e ao patrimonio inmaterial das súas diversas comunidades. A proposta inclúe a recollida de testemuños orais e estará dirixida por un catedrático de Lingüística da Universidade Complutense. O museo, de carácter inmersivo, instalarase nun antigo edificio da praza do Rastro e aspira a converterse nun referente cultural e motor de desenvolvemento.
Fonte: Melilla Hoy
Boletín
Subscríbase ao boletín