España
Más de 200 vídeos participan no concurso Arnasetik, un certame dirixido á mocidade de localidades onde o éuscaro é maioritario

A iniciativa Arnasa Gara impulsa unha nova edición de Arnasetik, un certame audiovisual dirixido á mocidade de 10 a 16 anos procedente dos arnasguneak, co fin de fortalecer a creatividade e promover unha reflexión arredor dos usos lingüísticos e da realidade sociolingüística destes concellos euscaldúns. A iniciativa, promovida por UEMA e polos gobernos vasco e navarro, busca recoñecer o papel esencial destas comunidades na continuidade do éuscaro.
Fonte: Gobierno Vasco
O Parlamento de Navarra acolle a XII Liga de Debate Universitario en Éuscaro
A XII Liga de Debate Universitario en Éuscaro conclúe coa vitoria da Universidade Pública de Navarra na modalidade de oratoria individual e da Universidade do País Vasco na competición por equipos. Lorea Aznar Pizarro, alumna de Dereito, resultou mellor oradora nun discurso sobre a universalización dos dereitos humanos. No debate por grupos, o equipo vasco impúxose nunha discusión arredor da limitación dos prezos do alugueiro.
Fonte: UPNA
Preséntase a cuarta edición de SAGA, o salón do videoxogo en catalán

O salón SAGA presentou a súa cuarta edición como un grande escaparate do videoxogo en catalán, con máis espazo expositivo, novas competicións e actividades dirixidas a públicos diversos. A organización salientou o avance da industria, que xa incorpora o catalán na maioría dos títulos creados en Cataluña, e apuntou á vontade de reforzar a presenza da lingua nun sector tradicionalmente pouco multilingüe.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Alacant acolle unha manifestación a prol do valenciano
Máis de dúas mil persoas manifestáronse en Alacant para reivindicar o valor social do valenciano nun contexto que consideran especialmente delicado. As entidades convocantes advertiron dunha deterioración dos dereitos lingüísticos causada por medidas que, ao seu xuízo, relegan a lingua propia a unha posición secundaria. Criticaron cambios normativos e a presión sobre institucións culturais e educativas, que ven como un risco para a continuidade do ensino en valenciano.
Fonte: Diari de la Llengua
Lleida contará cunha unidade de política lingüística para promover o catalán
O Concello de Lleida consolidou o seu compromiso co catalán ao adherirse ao Pacto Nacional pola Lingua, nun acto no que o alcalde salientou o labor municipal para facer da lingua un recurso accesible e presente na vida urbana. Ademais, anunciou que o Concello creará en 2026 unha unidade específica de política lingüística, destinada a coordinar accións de acollida, formación e asesoramento.
Fonte: Ajuntament de Lleida
Preséntase o programa de obradoiros para aprender catalán dirixidos ás familias das Baleares
O Goberno balear impulsou uns talleres gratuítos de iniciación ao catalán dirixidos ás familias dos centros educativos, pensados como porta de entrada á lingua para persoas recentemente chegadas. Estes cursos, de vinte horas, desenvólvense en todas as illas con 48 grupos e máis de setecentas cincuenta persoas inscritas. Os obradoiros ofrecen ferramentas prácticas para a vida diaria e fortalecen a acollida lingüística dentro da comunidade escolar.
Fonte: Govern de les Illes Balears
O Plan estratéxico para o fomento do uso do éuscaro en Áraba comeza a súa andaina
O orzamento da Deputación Foral para 2026 reforza o impulso ao uso do éuscaro cun incremento significativo nos programas de promoción lingüística, centrados na mocidade e no eido socioeconómico, así como o apoio aos medios en nesta lingua e ás principais entidades culturais do territorio.
Fonte: Diputación Foral de Álava
Forzas nacionalistas do Congreso presentan unha iniciativa para garantir un plurilingüismo real no Estado
A proposta lexislativa presentada por varias formacións nacionalistas no Congreso procura garantir plenamente os dereitos lingüísticos e avanzar cara a un plurilingüismo efectivo no Estado. A iniciativa quere asegurar que a cidadanía poida utilizar calquera lingua oficial perante a xustiza, as administracións estatais e os servizos públicos. O texto abrangue tamén ámbitos como consumo, transporte, medios e ensino e permitirá superar a desigualdade histórica entre linguas e blindar un trato equivalente para quen empregue galego, catalán, éuscaro ou aranés.
Fonte: Nós Diario
Pamplona contará cun novo plan de normalización lingüística a finais de 2026
O Concello de Pamplona traballa na elaboración do novo Plan de normalización lingüística para reforzar o uso e o prestixio social do éuscaro. O proxecto, que se desenvolverá ata novembro de 2026, comezará cun diagnóstico sociolingüístico que servirá de base para o deseño dun plan dirixido a ampliar a presenza da lingua tanto na cidade como na propia administración. A iniciativa incluirá unha estratexia de comunicación e a creación dun consello municipal do éuscaro, encargado do seguimento e avaliación das medidas.
Fonte: Iruñeko Udala
Palma acolle un encontro sobre a creación de contidos dixitais en catalán
A creación de contidos en catalán nas redes sociais medrou de maneira significativa: ata outubro rexistráronse 115 800 publicacións, un 26 % máis que no mesmo período do ano pasado, segundo os datos presentados na terceira edición de L’Aferrada 2025 en Palma. Nesta xornada, profesionais e institucións insistiron na importancia de fortalecer a presenza do catalán no ámbito dixital para xerar referentes e normalizar o seu uso.
Fonte: Diari de la Llengua
Boletín
Subscríbase ao boletín