España

O Concello de Vitoria-Gasteiz incrementa o orzamento para proxectos de promoción do uso do éuscaro

A Xunta de Goberno Local aprobou ampliar en 30 000 euros a convocatoria de subvencións para proxectos de promoción do éuscaro, que ascende así a 199 000 euros, 103 000 máis ca no ano anterior. O principal incremento destínase ás AMPA pero a convocatoria abrangue tamén proxectos en deporte e lecer, medios de comunicación e accións culturais ligadas ao Día Internacional do Éuscaro.

Fonte: Ayuntamiento de Vitoria-Gasteiz

País Vasco

Convócase unha nova edición do Premio Morales para a promoción da lingua galega no Bierzo e na Seabra

A Xunta de Galicia e Edicións Positivas convocan a VI edición do Premio Morales cuxo obxectivo é promover o galego no Bierzo e na Seabra e que está  dirixido ao alumnado incluído no programa de fomento da lingua nestas zonas. O certame presenta dúas categorías: unha para infantil e primaria e outra secundaria e bacharelato, ambas baseadas nun poema de Antonio Fernández Morales.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Castela e León

A Coordinadora de Asociacións pola Lingua Catalá comeza unha campaña para chegar aos 300 grupos de conversa para practicar o catalán

A campaña busca chegar a 300 grupos Xerrem de conversa en catalán, como vía de reforzar o uso social da lingua e fomentar a cohesión. Actualmente existen arredor de 230 grupos de distintos niveis, polo que fai un chamamento a voluntariado, persoas colaboradoras... para acadar este obxectivo.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

O Congreso estuda unha reforma que obriga as grandes empresas a ofrecer atención en galego, catalán e éuscaro

O Congreso analizará unha reforma legal que obrigará as grandes empresas e as que presten servizos de interese xeral a ofrecer atención en todas as linguas cooficiais. A medida, que afecta sectores como enerxía, telecomunicacións ou transporte, inclúe tamén a prohibición de chamadas comerciais non desexadas e novas garantías para o consumo en liña.

Fonte: Capital

Xeral

As escolas oficiais de idiomas de Asturias ofertarán por primeira vez o ensino da lingua asturiana

O Goberno do Principado oferta por primeira vez o ensino de lingua asturiana nas escolas oficiais de idiomas, que comezará este curso 2025-2026 na EOI de Oviedo. A convocatoria, xa aberta, prevé catro grupos presenciais para os niveis A1, A2, B1 e C1, cun máximo de 25 estudantes por aula, e incorporará o nivel B2 o vindeiro ano.

Fonte: Gobierno del Principado

Asturias

O Tribunal Superior de Xustiza de Asturias anula o Plan de normalización lingüística de Xixón

O Tribunal Superior de Xustiza de Asturias confirmou a anulación do Plan de normalización lingüística de Xixón ao desestimar o recurso do Concello contra a sentenza do pasado maio. A decisión, adoptada por cinco maxistrados, considera nulo o proxecto por carecer de cobertura legal e de memoria económica ou informes técnicos.

Fonte: El Diario

Asturias

A poboación arabesa poderá beneficiarse das axudas á aprendizaxe do éuscaro que convoca a Deputación Foral

A Deputación Foral de Áraba ofrece este curso 100.000 euros en axudas para facilitar a persoas adultas aprender éuscaro en euskaltegis homologados do territorio e mais do enclave de Treviño. As contías, entre 135 e 330 euros segundo a duración dos módulos, tamén inclúen apoio á autoaprendizaxe.

Fonte: Radio Llodio

País Vasco

A Universidade Politécnica de Valencia convoca axudas para a promoción do valenciano na docencia e na investigación

A Universidade Politécnica de Valencia, a través do seu Servizo de Promoción e Normalización Lingüística, destina 25 000 euros en axudas para fomentar o uso do valenciano na docencia e na investigación. Hai tres tipos de axudas: para impartir materias por primeira vez nesta lingua, para elaborar materiais docentes e para difundir traballos científicos en valenciano.

Fonte: Universitat Politècnica de València

Comunidade Valenciana

A marca Aiwa ofrece manuais en lingua catalá para máis de 120 produtos

A empresa xaponesa AIWA ofrece xa manuais en catalán para máis de 120 produtos de son, froito dun compromiso adquirido no Mobile World Congress de 2024 coa Plataforma per la Llengua. Trátase dun avance decisivo para normalizar o idioma no sector tecnolóxico, aínda que tamén reclaman que a compañía inclúa o catalán na súa web e amplíe a súa presenza en todos os ámbitos.

Fonte: El Món

Cataluña

A Deputación de Zaragoza convoca un premio de literatura en aragonés

A Deputación de Zaragoza convoca a primeira edición do Premio Santa Isabel de literatura en aragonés, dotado con 5000 euros e a publicación da obra gañadora. Poderán participar maiores de idade nacidos ou empadroados en Aragón, cun máximo de dúas propostas inéditas en narrativa, cómic, poesía, teatro ou ensaio. O galardón, o de maior contía económica nesta lingua, pretende visibilizar e revalorizar a creación literaria en aragonés e reforzar o compromiso institucional coa súa preservación e difusión.

Fonte: Diputación de Zaragoza

Aragón

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder