España
Un sitio web ofrecerá información turística en cinco linguas sobre o leste da provincia de Málaga
A Mancomunidade de localidades da Costa do Sol Oriental-Axarquía de Málaga anunciou o lanzamento do sitio web Auxarquia Tourism que incluirá información turística da zona en inglés, francés, alemán, italiano e español.
Fonte: SUR in English
Preséntase a primeira tradución de «O Principiño» ao sanabrés
A editorial Libros desde Tuma publica El Principicu, primeira tradución de O Principiño ao sanabrés, nunha edición que segue a súa variante máis aceptada, de acordo coa gramática da asociación Furmientu, e utiliza as normas ortográficas da Academia da Lingua Asturiana. A obra, traducida por Xuan X. Lajo e Daniel Boyano, busca revitalizar esta variedade do asturleonés, hoxe en retroceso.
Fonte: Zamora News
Unha moción demanda que a nova canle de RTVE en catalán poida retransmitirse nas Illas Baleares
A asociación Plataforma pola Lingua iniciou unha moción para que a nova canle da RTVE en catalán poida emitirse tamén nas Illas Baleares. A entidade denuncia que limitar esta oferta só a Cataluña vulneraría os dereitos dos falantes e constituiría un menosprezo para a unidade da lingua.
Fonte: dBalears
A Consellería de Educación de Asturias ultima os trámites para ofertar a lingua asturiana no segundo ciclo de infantil
A Consellería de Educación do Goberno de Asturias quere implantar o ensino da lingua asturiana no segundo ciclo de infantil para o curso que entra.
Fonte: La Nueva España
Unha liña de subvencións promoverá a subtitulación en catalán nas salas de cinema comerciais

O Departamento de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña abriu por primeira vez unha liña de axudas para promocionar a subtitulación de longametraxes en catalán nas salas comerciais de cinema.
Fonte: Generalitat de Cataluña
O Concello de Valencia prosegue coa súa intención de mudar a denominación oficial da cidade
O Concello de Valencia anunciou que xa recibiu o informe que avala o cambio de denominación oficial da cidade. Agora pasaría a chamarse Valéncia-Valencia.
Fonte: Diari de la Llengua
A Generalitat de Cataluña moderniza o sistema informático para a xestión de convocatorias de probas de coñecemento de lingua catalá
O Departamento de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña iniciou o desenvolvemento dun novo sistema informático da xestión de probas de certificación dos coñecementos de lingua catalá. O novo sistema suporá un avance significativo na xestión das convocatorias de probas futuras.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A asociación Axuntar leva ao Tribunal Supremo o uso da denominación “eonaviego” por parte do Principado
A asociación Axuntar denuncia que o Goberno do Principado de Asturias, co asesoramento da Academia da Llingua Asturiana, pretende substituír o nome “galego-asturiano” por “eonaviego”, termo sen respaldo legal nin aceptación social.
Fonte: Nós Diario
O Concello de l’Eliana organiza formación destinada ao seu persoal para mellorar o uso do valenciano na xestión administrativa
O Concello de l'Eliana completou un curso de linguaxe administrativa en valenciano para mellorar a competencia lingüística do seu persoal e garantir unha comunicación máis clara e axustada á normativa. A formación combinou sesións presenciais e traballo en liña e estivo centrada na redacción de documentos oficiais ou o uso correcto da linguaxe xurídica e institucional.
Fonte: Ajuntament de l'Eliana
O Concello de Azkoitia pon en marcha unha campaña para impulsar a presenza do éuscaro nos sectores da hostalería e o comercio

O Concello, en colaboración coa UEMA, impulsou a campaña “Bertatik Bertara” para fomentar o uso do éuscaro no comercio e na hostalaría, tanto entre profesionais como entre visitantes. A iniciativa distribúe material divulgativo con léxico básico en varias linguas e ofrece recursos dixitais e físicos para achegar o idioma ao turismo, promovendo así a súa presenza nos espazos públicos e comerciais.
Fonte: Azkoitia Udala
Boletín
Subscríbase ao boletín