España
O Goberno vasco creará 474 prazas en éuscaro na Administración de Xustiza
O ministro Félix Bolaños anunciou que o Goberno vasco creará 474 prazas para garantir o uso do éuscaro en diferentes tarefas da Administración de Xustiza, como tramitación e xestión. A decisión responde ás queixas sobre a escasa presencia do éuscaro nas sentenzas e o seu uso limitado neste ámbito
Fonte: Iustel
Vitoria acolle a celebración do Araba Euskaraz, unha iniciativa para o impulso do uso do éuscaro
Centos de persoas participaron no Araba Euskaraz 2025, unha festa das ikastolas arabesas que ten como obxectivo reivindicar o impulso do uso do éuscaro baixo o lema ‘Etengabe’. A celebración incluíu espectáculos, concertos e actividades dirixidos especialmente á infancia e á mocidade.
Fonte: EFE
Preséntase a primeira serie que se rodará nas catro linguas oficiais do Estado

As televisións públicas de Euskadi (EITB), Cataluña (3CAT) e Galicia (TVG) uníronse para crear Pensión Incompleta, a primeira serie gravada nas catro linguas oficiais do Estado. A coprodución, que se presentou no marco do foro Conecta Fiction & Entertainment, mesturará galego, éuscaro, catalán e castelán como linguas orixinais e ten previsto o seu lanzamento en 2026.
Fonte: CRTVG
Preséntase un dicionario en liña inglés-catalán
Softcatalà presentou o seu novo dicionario inglés-catalán, unha ferramenta en liña gratuíta con 50 000 entradas en inglés e 46 000 en catalán e que ofrece traducións e exemplos de uso extraídos de corpus paralelos para mostrar as palabras no seu contexto. Aínda que o dicionario seguirá mellorando con novas entradas, tamén se presenta como unha referencia para mellorar a calidade das traducións en empresas e na lingua catalá en xeral.
Fonte: Diari de la Llengua
Un acordo de colaboración entre o Goberno navarro e a asociación Laba Elkartea porá o foco na promoción do éuscaro entre a mocidade
O Goberno de Navarra e a asociación Laba Elkartea asinaron un convenio para promover o uso social do éuscaro en Pamplona, con especial atención á mocidade. O acordo, cun orzamento de 26 000 euros para 2025, inclúe proxectos como a acollida de persoas migrantes, bolsas para novos proxectos sobre o éuscaro e actividades para fortalecer a comunidade euscaldún.
Fonte: Gobierno de Navarra
Póñense en marcha nas Baleares campañas para informar as familias dos beneficios da escolarización en catalán

A Obra Cultural Balear (OCB) e a Asemblea de Docentes puxeron en marcha campañas para promover a elección do catalán como lingua de ensino nas Illas Baleares, coincidindo co proceso de matriculación para o curso 2025-2026. Co lema “Tria catalán” quérese salientar a importancia de comezar o proceso educativo na lingua propia do país, destacando os beneficios para a cohesión social e a igualdade de oportunidades. As campañas inclúen material informativo dirixido ás familias para sensibilizalas sobre os efectos positivos da educación en catalán.
Fonte: Diari de la Llengua
Preséntase un dicionario con terminoloxía en catalán sobre a transición enerxética
O Diccionari de la transició energètica, elaborado polo TERMCAT co asesoramento de expertos en enerxía e cambio climático, inclúe 551 termos clave sobre a transición enerxética cos que busca garantir a precisión terminolóxica e promover o uso do catalán neste ámbito estratéxico.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Euskarabidea asina convenios con tres entidades navarras de desenvolvemento para a contratación de axentes de promoción do éuscaro

O director xeral de Euskarabidea, Javier Arakama, presentou convenios de colaboración con tres entidades navarras de desenvolvemento: TEDER, Consorcio de Zona Media e Cederna-Garalur. O obxectivo é contratar axentes de promoción do éuscaro e implementar un programa de actividades en 2025 para mellorar os dereitos lingüísticos da cidadanía. Estes convenios buscan fortalecer a presenza desta lingua nas zonas rurais, coa contratación de persoal cualificado para promocionar e asesorar sobre o seu uso en diferentes contextos sociais.
Fonte: Gobierno de Navarra
O Concello de Barcelona e o Instituto de Estudos Cataláns asinan un convenio para impulsar o catalán entre a mocidade
Este convenio ten como obxectivo fomentar o uso do catalán entre a mocidade de Barcelona. Conta cun orzamento total de 1 630 493 euros e terá vixencia ata o 31 de decembro de 2026. As accións principais inclúen a creación de ferramentas formativas, a sensibilización de profesionais do ocio educativo e o desenvolvemento de campañas para promover esta lingua entre este colectivo.
Fonte: Ajuntament de Barcelona
Xa está aberto o prazo para que as entidades catalás se adhiran ao Pacto Nacional pola Lingua

O Departamento de Política Lingüística abriu o procedemento para que as entidades se adhiran ao Pacto Nacional pola Lingua, un compromiso colectivo para garantir o futuro do catalán. O pacto, aprobado tras un proceso de ampla participación cidadá, establece un plan ata 2030 para impulsar o uso do catalán en todos os ámbitos. As entidades que o asinan comprométense a promover o catalán co obxectivo de garantir a súa sostibilidade e presenza na sociedade.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Boletín
Subscríbase ao boletín