España
O Concello de Durango ofrece formación gratuíta en éuscaro para facilitar a inclusión das persoas inmigrantes
O Concello de Durango abre o prazo de inscrición para a segunda edición do curso de éuscaro AISA, destinado a persoas inmigrantes maiores de 18 anos sen coñecementos previos da lingua. A formación gratuíta de 60 horas busca facilitar a integración lingüística, social e cultural do alumnado e contará con materiais específicos e un dicionario ilustrado que se entregará sen custo.
Fonte: Durangon
A Generalitat de Cataluña convida os concellos a adherirse ao Pacto Nacional pola Lingua

O Goberno da Generalitat insta os concellos a sumarse ao Pacto Nacional pola Lingua a través do envío dunha moción modelo para aprobalo formalmente nos plenos municipais. Esta iniciativa busca que o catalán se integre en todas as políticas locais co obxectivo de asegurar a súa presenza en ámbitos educativo, cultural, deportivo e administrativo.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Concello de Lleida impulsará o catalán a través do deporte

A Concellería de Deportes de Lleida integra o catalán como eixe transversal nas súas actuacións, co obxectivo de consolidalo como instrumento de inclusión, educación e cohesión social. Entre as actividades previstas figura formación para profesionais, sensibilización da cidadanía e promoción do uso da lingua nas actividades deportivas de cara a normalizar a súa presenza nas instalacións deportivas e favorecer a súa práctica entre toda a poboación.
Fonte: Ajuntament de Lleida
Dúas mozas de Xixón poñen en marcha o proxecto Asturxules para promover o asturiano entre a mocidade

Dúas filólogas de Xixón crearon Asturxules, un proxecto dixital que busca preservar e difundir o asturiano entre a mocidade a través das redes sociais. O perfil de Instagram ofrece contido rigoroso e documentado, que combina cultura e lingua, e xa conseguiu atraer a miles de seguidores/as. A iniciativa naceu da súa experiencia como normalizadoras lingüísticas e da intención de chegar a novas xeracións.
Fonte: La Voz de Asturias
O Instituto de Estudos Baleáricos concédelle á Universidade das Illas Baleares unha subvención para proxectos de estudo e promoción do catalán
O Instituto de Estudos Baleáricos (IEB) concedeulle á Universidade das Illas Baleares (UIB) unha subvención directa de 272 000 euros, un 68 % máis que anteriormente, para reforzar proxectos de estudo e promoción da lingua catalá. Os fondos permitirán fortalecer investigacións e servizos de asesoramento lingüístico, incluíndo o Gabinete de Onomástica, o Centro de Documentación en Sociolingüística e o asesoramento a medios de comunicación. Ademais, apoiarán iniciativas de difusión do catalán na Facultade de Dereito, análises sociolingüísticas en varias facultades e proxectos editoriais.
Fonte: Última Hora
O Goberno de Navarra pon en marcha un ano máis unha campaña para fomentar a aprendizaxe do éuscaro entre persoas adultas

O Goberno de Navarra, a través de Euskarabidea, lanzou a campaña “Euskera ahora” para fomentar a aprendizaxe do éuscaro entre a poboación adulta, en colaboración con 34 entidades locais e euskaltegis. A iniciativa combina publicidade en medios físicos e dixitais, materiais en varias linguas e novos recursos en liña como a plataforma INGURA para estudar o idioma desde calquera lugar. Ademais, este curso increméntanse as axudas individuais ata 560 000 euros para facilitar a matriculación. A campaña busca ampliar a presenza do éuscaro e consolidar o seu uso na vida diaria da cidadanía.
Fonte: Gobierno de Navarra
Un novo volume da colección Toponimia céntrase na parroquia de Rales, situada en Villaviciosa
A Academia da Lingua Asturiana publicou o volume 145 da súa colección Toponimia, dedicado á parroquia de Rales, en Villaviciosa, que inclúe os nomes tradicionais de lugares grandes e pequenos do territorio. O estudo de Xavier Cayao Valdés recolle a memoria oral da poboación e achega descricións concisas da xeografía local.
Fonte: InfoAsturies
O novo Portal de Transparencia do Goberno do Principado contará cunha versión en asturiano
Nas vindeiras semanas publicarase unha versión íntegra en lingua asturiana do novo Portal da Transparencia, un feito que, ademais de mellorar a inclusión, reforza o compromiso do Goberno coa súa cultura e identidade.
Fonte: Asturias Mundial
O Servizo Vasco de Saúde contará cunha ferramenta para traducir a castelán a información en éuscaro dos historiais clínicos

O Departamento de Saúde do Goberno vasco e Osakidetza presentaron a ferramenta Itzulbide, un tradutor neuronal que lle permite ao persoal sanitario introducir información en éuscaro na historia clínica sen ter que traducila ao castelán. Esta ferramenta tamén facilita a tradución automática de textos entre profesionais de diferentes idiomas, o que promove o uso do éuscaro nas consultas médicas.
Fonte: Gobierno Vasco
A oferta de cursos de catalán alcanza un récord histórico

Xa está aberto o novo período de inscrición para 1700 cursos de catalán, que supoñen un aumento do 15 % nas prazas con respecto ao ano anterior e que alcanzan as 40 000. A oferta inclúe cursos presenciais e en liña, con prioridade para a modalidade presencial para os niveis iniciais e básicos.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Boletín
Subscríbase ao boletín