España

Arranca unha nova edición de Euskaraldia para impulsar o uso do éuscaro

O 15 de maio deu comezo unha nova edición de Euskaraldia, coa participación de milleiros de persoas que buscan modificar os seus hábitos lingüísticos e reforzar o uso do éuscaro. Durante once días, as persoas participantes levarán unha chapa que identifica o seu rol para fomentar conversas inclusivas e naturais en éuscaro en espazos cotiáns.

Fonte: Radio Popular

País Vasco

Aumenta nun 17 % o número de persoas inscritas nos exames de acreditación de nivel de éuscaro de HABE

Un total de 17 712 persoas inscribíronse nas probas para certificar o seu nivel de éuscaro, o que supón un incremento sostido nos últimos anos. As políticas de gratuidade impulsadas polo Goberno vasco contribuíron a aumentar significativamente as matrículas nos niveis A1 e C1, especialmente entre a mocidade. Estes datos evidencian un interese social crecente pola aprendizaxe e o uso do éuscaro como ferramenta de integración, cultura e oportunidades laborais.

Fonte: Gobierno Vasco

País Vasco

Asínase o Pacto Nacional pola Lingua Catalá cun amplo consenso social

O Goberno catalán e diversas entidades políticas e sociais subscribiron o Pacto Nacional pola Lingua Catalá, un acordo que fixa 2030 como horizonte para traballar a prol do idioma. Establécense nove liñas estratéxicas que abarcan todos os ámbitos da sociedade, desde a educación e o traballo ata a cultura e a administración. Xa se activaron accións inmediatas para 2025, entre elas campañas de acollida, plans formativos e incentivos ao uso do catalán.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

O ensino da lingua asturiana avanza e chega ao ciclo de infantil o vindeiro curso

O profesorado recoñece avances no ensino do asturiano, mais considera que a oficialidade sería o paso decisivo para asegurar o futuro desta lingua. Como exemplos positivos, no IES David Vázquez Martínez de Llaviana, 120 estudantes elixiron o asturiano como optativa, unha das cifras máis altas nesta etapa educativa. Pola súa banda, na escola de Carbayín, todo o alumnado cursa esta materia.

Fonte: RTPA

Asturias

A Generalitat Valenciana presenta unha proposta de programa de linguas vehiculares para os centros de ensino

A Consellería de Educación da Comunidade Valenciana elaborou un modelo orientativo para proporcionarlles axuda aos centros educativos para organizar a proporción de linguas vehiculares segundo a nova Lei de liberdade educativa. O documento propón exemplos de distribución por niveis e zonas lingüísticas, mantendo unha estrutura flexible que cada centro deberá adaptar.

Fonte: Generalitat Valenciana

Comunidade Valenciana

O catalán incorpora termos do ámbito da intelixencia artificial

O TERMCAT incorporou ao seu banco terminolóxico un conxunto de termos vinculados á intelixencia artificial, co que quedan fixadas as súas formas en catalán. O proxecto, que conta coa colaboración de persoas expertas neste ámbito, culminará cun dicionario en liña previsto para o outono.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

Un xulgado anula o Plan de normalización lingüística de Xixón

Un xulgado de Xixón, tras estimar un recurso presentado en outubro,  anulou o Plan de normalización lingüística municipal ao considerar que o presentaba múltiples irregularidades legais. A sentenza sinala deficiencias como a falta de informes obrigatorios, ausencia de consulta pública e omisións na tramitación e publicación do plan, polo que declara a súa nulidade.

Fonte: La Voz de Asturias

Asturias

Nace un medio dixital en catalán na Franxa de Aragón

Un grupo de veciños da Franxa puxo en marcha Lo Pregó de la Franja, un medio dixital en catalán que busca dar voz a este territorio historicamente ignorado nos medios e promover o uso da lingua catalá. A iniciativa, nacida o 23 de abril, aposta pola diversidade dialectal e procura visibilizar a realidade local máis alá da cuestión lingüística.

Fonte: Diari de la Llengua

Aragón

Ponse en marcha unha campaña que propón o reto de falar só catalán un mínimo de 21 días

Oito entidades catalás únense para lanzar o #repte21dies, unha campaña que convida a usar exclusivamente o catalán durante 21 días, co obxectivo de consolidar este hábito e frear o costume de mudarse ao castelán. A iniciativa, que decorrerá do 12 de maio ao 1 de xuño, busca fortalecer a autoestima lingüística das persoas falantes desta lingua e promover unha actitude colectiva de afirmación, sen renunciar á cortesía nin á convivencia.

Fonte: Ara

Cataluña

O Festival de Cine Fantástico-FANT selecciona o proxecto gañador como mellor curtametraxe en éuscaro

O proxecto Éxodo, de Nitya López, recibiu a axuda do Festival FANT de Bilbao para a produción de curtametraxes en éuscaro, dotada con 5000 euros. Esta iniciativa, que celebra a súa segunda edición, reafirma o seu compromiso coa creación audiovisual nesta lingua no ámbito do cinema fantástico.

Fonte: Ayuntamiento de Bilbao

País Vasco

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder