España
O Tribunal Superior de Xustiza das Illas Balares rexeita a imposición dun mínimo de 25 % de castelán nas aulas
O Tribunal Superior de Xustiza das Illas Baleares desestimou o recurso que esixía un mínimo do 25 % de ensino en castelán nas aulas, seguindo o modelo de Cataluña. O TSXIB defendeu que o sistema educativo balear, co 50 % de docencia en catalán, é legal e distinto do de Cataluña.
Fonte: Diari de la Llengua
Convócanse axudas para a aprendizaxe do éuscaro no curso 2025-2026
O Goberno vasco manterá a gratuidade do ensino do éuscaro nos niveis básicos A1 e A2 e no C1 para mozas e mozos de 16 a 18 anos no curso 2025-2026 á que destinará 4,86 millóns de euros. A iniciativa busca facilitar o acceso á aprendizaxe da lingua e consolidar competencias comunicativas antes de estudos superiores ou entrada no mercado laboral.
Fonte: Gobierno Vasco
Os novos perfís lingüísticos do sector público vasco adaptaranse ás funcións e ás necesidades de cada posto
O Goberno vasco inicia a modificación da Orde de 9 de setembro de 2020 para adaptar a acreditación de competencia en éuscaro aos novos perfís lingüísticos establecidos no Decreto 19/2024, co fin de garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía no sector público. Os novos perfís inclúen os asimétricos, que diferencian competencias orais e escritas segundo o posto, e os parciais, que facilitan a acreditación adaptada a persoas con discapacidade. A modificación permitirá a HABE acreditar estes perfís nos exames e incluirá melloras técnicas para optimizar os procesos e garantir a accesibilidade.
Fonte: Gobierno Vasco
O Goberno vasco convoca axudas para incrementar o uso do éuscaro nos medios de comunicación

O Goberno vasco abre unha convocatoria de subvencións para 2024 co obxectivo de aumentar o uso do éuscaro en medios que empregan principalmente o castelán e en axencias de noticias con contido en éuscaro en internet. Destinaranse un millón de euros distribuídos entre prensa escrita e dixital, radios de onda e axencias de noticias de cara a reforzar a presenza da lingua vasca nos medios e facilitar o seu acceso á cidadanía.
Fonte: Gobierno Vasco
A Generalitat de Cataluña convoca axudas para a incorporación do catalán a produtos tecnolóxicos

O Departamento de Política Lingüística amplía as subvencións para fomentar o uso do catalán en tecnoloxías dixitais, abríndoas a empresas e entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan proxectos de produtos tecnolóxicos, aprendizaxe dixital ou tecnoloxías da lingua en catalán. Os proxectos poderán executarse entre 2025 e 2026, e as axudas cubrirán ata o 70 % do custo, con límite de 60 000 euros.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Concello de Durango ofrece formación gratuíta en éuscaro para facilitar a inclusión das persoas inmigrantes
O Concello de Durango abre o prazo de inscrición para a segunda edición do curso de éuscaro AISA, destinado a persoas inmigrantes maiores de 18 anos sen coñecementos previos da lingua. A formación gratuíta de 60 horas busca facilitar a integración lingüística, social e cultural do alumnado e contará con materiais específicos e un dicionario ilustrado que se entregará sen custo.
Fonte: Durangon
A Generalitat de Cataluña convida os concellos a adherirse ao Pacto Nacional pola Lingua

O Goberno da Generalitat insta os concellos a sumarse ao Pacto Nacional pola Lingua a través do envío dunha moción modelo para aprobalo formalmente nos plenos municipais. Esta iniciativa busca que o catalán se integre en todas as políticas locais co obxectivo de asegurar a súa presenza en ámbitos educativo, cultural, deportivo e administrativo.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Concello de Lleida impulsará o catalán a través do deporte

A Concellería de Deportes de Lleida integra o catalán como eixe transversal nas súas actuacións, co obxectivo de consolidalo como instrumento de inclusión, educación e cohesión social. Entre as actividades previstas figura formación para profesionais, sensibilización da cidadanía e promoción do uso da lingua nas actividades deportivas de cara a normalizar a súa presenza nas instalacións deportivas e favorecer a súa práctica entre toda a poboación.
Fonte: Ajuntament de Lleida
Dúas mozas de Xixón poñen en marcha o proxecto Asturxules para promover o asturiano entre a mocidade

Dúas filólogas de Xixón crearon Asturxules, un proxecto dixital que busca preservar e difundir o asturiano entre a mocidade a través das redes sociais. O perfil de Instagram ofrece contido rigoroso e documentado, que combina cultura e lingua, e xa conseguiu atraer a miles de seguidores/as. A iniciativa naceu da súa experiencia como normalizadoras lingüísticas e da intención de chegar a novas xeracións.
Fonte: La Voz de Asturias
O Instituto de Estudos Baleáricos concédelle á Universidade das Illas Baleares unha subvención para proxectos de estudo e promoción do catalán
O Instituto de Estudos Baleáricos (IEB) concedeulle á Universidade das Illas Baleares (UIB) unha subvención directa de 272 000 euros, un 68 % máis que anteriormente, para reforzar proxectos de estudo e promoción da lingua catalá. Os fondos permitirán fortalecer investigacións e servizos de asesoramento lingüístico, incluíndo o Gabinete de Onomástica, o Centro de Documentación en Sociolingüística e o asesoramento a medios de comunicación. Ademais, apoiarán iniciativas de difusión do catalán na Facultade de Dereito, análises sociolingüísticas en varias facultades e proxectos editoriais.
Fonte: Última Hora
Boletín
Subscríbase ao boletín