España
Un estudo destaca a vitalidade do aragonés e a falta de apoio institucional
O libro Charrando aragonés, presentado na Feira do Libro de Huesca, destaca a vitalidade do aragonés na súa zona de uso predominante, a pesar das dificultades demográficas e sociais. A investigación, baseada en mil enquisas realizadas en 60 municipios de Aragón, revela que aproximadamente 35 000 persoas teñen contacto coa lingua, pero o número de falantes activos é menor, e a transmisión interxeracional está comprometida. O estudo tamén sinala un apoio maioritario á protección cultural do aragonés e destaca a conciencia lingüística existente, mesmo entre quen non o fala.
Fonte: El Diario
O Goberno vasco impulsa un proxecto para protexer a diversidade lingüística e cultural

O Goberno vasco presentou Ahots Batuak, unha iniciativa que promove a diversidade lingüística e cultural como motor de transformación social e que aspira a incorporarse como un novo obxectivo da Axenda 2030. O proxecto busca reforzar os dereitos culturais e lingüísticos, impulsar alianzas globais e influír nas políticas internacionais, situando as linguas e culturas como elementos clave para a cohesión social e o desenvolvemento sostible.
Fonte: EITB
Preséntase en Barcelona a versión en catalán do sistema xerador asistido de textos arText
O sistema arText, desenvolvido pola UNED, está agora dispoñible en catalán. Trátase dunha ferramenta gratuíta e en liña que facilita a redacción de textos especializados e en linguaxe clara en diversos ámbitos como a saúde ou o xurídico. O proxecto, que combina investigación lingüística e tecnoloxía, busca garantir a presenza do catalán nos recursos dixitais e avanzar cara a unha comunicación administrativa máis accesible.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Un estudo analizará o uso do catalán na cidade de Xirona
O Concello de Xirona e a Universidade de Xirona desenvolverán un estudo para avaliar o uso do catalán na cidade e identificar ámbitos nos que sexa preciso reforzalo. O proxecto, que incluirá enquisas a domicilio e grupos de discusión, permitirá deseñar medidas concretas para promover a lingua no tecido social.
Fonte: La Ciutat
O Concello de Pamplona acorda a creación dun plan de normalización do éuscaro
O Concello de Pamplona inicia os traballos para elaborar un plan de normalización lingüística, co obxectivo de protexer e promover o uso do éuscaro na cidade. O plan, que contará cun orzamento específico e un Consello Municipal do Éuscaro para o seu seguimento, busca garantir o dereito da cidadanía a coñecer e utilizar esta lingua, e impulsar a súa presenza nas relacións coa Administración e nos espazos públicos como elemento de cohesión social.
Fonte: Iruñeko Udala
Convócanse axudas para promover o éuscaro nas entidades sen ánimo de lucro navarras
O Goberno de Navarra abriu o prazo para solicitar axudas destinadas a promover o uso e a presenza do éuscaro en entidades sen ánimo de lucro da Comunidade Foral. As subvencións apoiarán a elaboración e a implementación de plans lingüísticos, medidas concretas e investimentos en contidos dixitais en éuscaro.
Fonte: Gobierno de Navarra
Preséntase unha guía de referencia para a xestión lingüística das entidades do sistema de saúde catalán

O Departamento de Saúde de Cataluña presentou unha guía para que as entidades do sistema sanitario público elaboren plans de xestión lingüística que garantan os dereitos lingüísticos das persoas usuarias. Estes plans deberán asegurar que o persoal poida atender oralmente e por escrito na lingua oficial escollida polas persoas usuarias.
Fonte: Diari de la Llengua
O Goberno vasco pídelle ao Ministerio de Sanidade que valore o éuscaro nas probas do MIR

O Departamento de Saúde do Goberno vasco solicitoulle formalmente ao Ministerio de Sanidade que o coñecemento acreditado do éuscaro se teña en conta na avaliación das competencias comunicativas nas probas de acceso á formación sanitaria especializada. A proposta pretende reforzar a normalización lingüística no sistema sanitario, garantir unha atención máis próxima e humanizada, e favorecer a integración efectiva de futuros profesionais en Osakidetza.
Fonte: Gobierno Vasco
Os premios extraordinarios da Consellería de Educación do Principado inclúen por primeira vez unha categoría de lingua asturiana e o eonaviego
Por primeira vez, estes galardóns incorporaron unha categoría específica para recoñecer o coñecemento da lingua asturiana e do eonaviego. Esta nova categoría, dirixida ao alumnado de Educación Secundaria e Bacharelato, tivo unha acollida moi positiva, o que reflicte o compromiso por valorizar e promover estas linguas no ámbito educativo.
Fonte: Principado de Asturias
Un dicionario recolle máis de cinco mil acepcións que o fútbol achegou ao español
O filólogo José del Olmo recolleu máis de cinco mil acepcións que o fútbol incorporou ao castelán nun dicionario que salienta a influencia deste deporte na lingua. A obra destaca termos e expresións de uso cotián, a súa polisemia e o seu traslado á sociedade, co que evidencia lagoas no rexistro da RAE. O traballo, editado polo CIHEFE, constitúe unha valiosa achega ao estudo do léxico futbolístico e á súa evolución lingüística.
Fonte: Fundéu
Boletín
Subscríbase ao boletín