España
O Concello de Pamplona contrata un servizo de atención telefónica en 19 idiomas
O servizo de interpretación telefónica en tempo real ofrecerá atención en 19 idiomas (entre eles, árabe marroquí, árabe clásico, ucraíno, inglés, francés, ruso, polaco, búlgaro, persa, urdu, wolof, sirio, chinés mandarín...) para garantir que toda a cidadanía poida acceder aos servizos sociais, independentemente da súa lingua. O novo contrato, motivado polo aumento da demanda, busca asegurar unha atención equitativa, especialmente para persoas migrantes.
Fonte: Iruñeko Udala
O Concello de Calp pon en marcha un servizo de información á cidadanía en valenciano, castelán e inglés
O Concello de Calp activou novas canles oficiais en WhatsApp e Telegram para informar a veciñanza e visitantes sobre novidades, avisos e eventos. As persoas interesadas poden subscribirse e escoller entre tres idiomas: castelán, valenciano ou inglés. Esta medida pretende facilitar o acceso á información pública e actuar con axilidade en situacións de urxencia.
Fonte: Calp Digital
A Generalitat de Cataluña convoca axudas para o fomento do catalán no ámbito empresarial
A Generalitat de Cataluña vén de abrir unha convocatoria de axudas dirixida ao tecido empresarial co fin de fomentar o uso efectivo do catalán. As subvencións destínanse á elaboración ou execución de plans lingüísticos que impulsen a visibilidade e presenza da lingua tanto no funcionamento interno como na relación coa clientela.
Fonte: PIMEC
Ponse en marcha unha iniciativa que une lingua catalá e gastronomía
O proxecto «Receptes per la llengua», impulsado en Canet de Mar, combina gastronomía e aprendizaxe do catalán como ferramenta de integración e cohesión social. A través dun obradoiro de conversa, persoas de diversas orixes culturais compartiron receitas e experiencias, convertendo a cociña nun espazo de encontro e recoñecemento mutuo. O resultado é un receitario multilingüe que celebra a diversidade e pon o catalán como lingua común para convivir e construír comunidade.
Fonte: Capgròs
Centenares de persoas protestan en Alacant pola declaración da cidade como zona castelanfalante
O Concello de Alacant aprobou unha proposta para deixar de formar parte da zona de predominio lingüístico valenciano, decisión que agora debe ratificar o Parlamento autonómico. A medida xerou forte rexeitamento social e mobilizacións cidadás, ao considerar que supón un retroceso na presenza do valenciano na escola e na vida pública.
Fonte: Diari de la Llengua
RTVE lanzará o 11 de setembro unha canle co catalán coma lingua predominante
RTVE confirmou que converterá La 2 nunha canle con programación en catalán, co propósito de ofrecer contidos propios e adaptados á realidade lingüística e social de Cataluña. A grella en catalán comezará a ampliarse a partir do 11 de setembro e prevese que a metade da emisión sexa nesta lingua antes de finalizar o ano, cun obxectivo do 60 % en xuño de 2026.
Fonte: El Diario
Segundo un estudo, 8 de cada 10 residentes en Cataluña consideran que o catalán é importante para o seu progreso profesional

O InformeCAT revela que a gran maioría da poboación catalá considera esencial aprender catalán para integrarse social e profesionalmente e acceder á cultura. Porén, o uso habitual da lingua segue a ser minoritario entre persoas migrantes e só unha pequena parte das denuncias por vulneracións de dereitos lingüísticos derivan en sancións.
Fonte: 20minutos
As Xornadas de Podcasting incorporan por primeira vez podcasts en todas as linguas cooficiais do Estado

As Xornadas de Podcasting 2025 celebraranse en Terrassa do 24 ao 26 de outubro cunha edición pioneira que incorporará podcasts en todas as linguas cooficiais do Estado. O encontro aposta pola pluralidade lingüística e reunirá profesionais, plataformas e público arredor da creación sonora, combinando formación, debate, gravacións en vivo e a entrega dos Premios da Asociación Podcast.
Fonte: Código Cero
A Fundación Vincle presenta en Barcelona un manifesto a prol da promoción do catalán no ámbito empresarial

Máis de 170 empresas e entidades empresariais adheríronse ao Manifesto polo catalán na empresa, promovido pola Fundación Vincle, que apela á responsabilidade social co idioma propio e destaca o seu valor como ferramenta de cohesión e vantaxe competitiva. O texto propón reforzar o uso da lingua nas comunicacións, publicidade e atención ao público, e reclama maior implicación por parte das administracións.
Fonte: Diari de la Llengua
Convócanse axudas para a promoción de libros en catalán ou occitano

O Instituto Catalán das Empresas Culturais abriu o prazo para solicitar axudas destinadas a promover libros en catalán ou occitano durante o ano 2025. As subvencións cobren accións publicitarias e de visibilidade, e deben solicitarse antes do 1 de xullo cun único proxecto por iniciativa.
Fonte: Ajuntament de Barcelona
Boletín
Subscríbase ao boletín