España
O Concello de Donostia destina axudas para a promoción do éuscaro nos barrios da cidade
O Concello de Donostia destinará 50 000 euros para apoiar as entidades sen ánimo de lucro que promoven o uso do éuscaro nos barrios. Once zonas con comisións de éuscaro recibirán axudas para actividades anuais, mentres que se asignará a outras sen comisións fondos específicos para organizar accións en datas concretas.
Fonte: Ayuntamiento de Donostia
Increméntase o persoal do Departamento de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña
O Goberno de Cataluña aprobou o reforzo do Departamento de Política Lingüística cun total de 41 novas prazas para tres anos. Este incremento estrutural e temporal servirá para executar as medidas do Pacto Nacional pola Lingua e para potenciar o uso do catalán nas tecnoloxías da lingua e no ámbito dixital, así como para ampliar os servizos das unidades actuais.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Concello de Barcelona contará cun espazo virtual para denunciar vulneracións dos dereitos lingüísticos

O Pleno do Concello de Barcelona acordou crear caixa do correo virtual polo catalán, na que a veciñanza poderá denunciar vulneracións dos seus dereitos lingüísticos, e ampliar a oferta de cursos e prazas para aprender esta lingua.
Fonte: El Nacional
O Goberno español convoca axudas para a promoción do aragonés e o catalán de Aragón
Ante a redución do apoio institucional ás linguas propias de Aragón por parte do actual goberno autonómico, o executivo estatal aprobou axudas para fomentar o catalán e o aragonés. Ao tempo, a Universidade de Zaragoza e a Academia Aragonesa da Lingua asinaron un convenio para promover, normalizar e protexer estes idiomas mediante accións culturais, educativas e tecnolóxicas.
Fonte: Diari de la Llengua
Cargos públicos do País Vasco concéntranse ante o TSXPV en defensa do éuscaro
Máis de 200 persoas, entre elas 150 representantes municipais, concentráronse en Bilbao convocadas por Euskalgintzaren Kontseilua para denunciar sentenzas xudiciais que consideran contrarias ao éuscaro e ao autogoberno vasco. Alertan dunha “emerxencia lingüística” e reclaman medidas unitarias para garantir os dereitos lingüísticos e revitalizar a lingua vasca.
Fonte: Tele 5
Oito de cada dez familias elixen o catalán como lingua inicial de ensino en Educación Infantil nas Illas Baleares

Un 80,52 % das familias das illas Baleares que matriculan os seus fillos e fillas en 4º de Educación Infantil escolleu o catalán como lingua inicial de ensino, fronte ao 19,48 % que optou polo castelán. Menorca destaca cun 91,65 % de elección a prol do catalán, seguida de Mallorca e, en menor medida, Eivisa e Formentera.
Fonte: Diari de la Llengua
A Generalitat crea 25 bolsas para formar profesionais en lingua catalá
O Departamento de Política Lingüística abriu unha nova liña de bolsas para o curso 2025-2026, co obxectivo de captar novo talento e aumentar o número de profesionais titulados en filoloxía catalá e en estudos occitans.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Concello de Valencia aproba unha denominación bilingüe e non normativa da cidade
O pleno do Concello de Valencia acordou a nova denominación da cidade, que pasará a ter un nome bilingüe "Valencia/València". Esta medida está a xerar controversia, xa que a nova denominación se afasta da forma normativa en valenciano.
Fonte: Diari de la Llengua
O Goberno Vasco destina 50.000 euros a Garabide para fortalecer lazos con comunidades lingüísticas francófonas
O executivo vasco outorga unha axuda directa á asociación Garabide Kultur Elkartea para promover a cooperación internacional con pobos francófonos que traballan pola revitalización das súas linguas propias. A iniciativa aposta polo intercambio de experiencias e a solidariedade lingüística entre pobos.
Fonte: Euskadi
Navarra impulsa o uso social do éuscaro cun convenio entre Euskarabidea e a asociación LABA
O Goberno de Navarra asinou un acordo con Laba Elkartea, asociación que promove a cultura vasca, co obxectivo de fomentar o uso do éuscaro en espazos sociais. O convenio inclúe actividades culturais e educativas que incentivan a visibilidade e a práctica diaria da lingua.
Fonte: Euskarabidea
Boletín
Subscríbase ao boletín