España

O teléfono de emerxencias CAT112 estrea unha canle cun sistema de videoconferencia en lingua de signos catalá

O servizo de emerxencias CAT112 lanzou unha nova canle de comunicación en lingua de signos catalá para persoas con discapacidade auditiva, dispoñible as 24 horas do día. Este sistema, accesible a través da páxina web do 112 e das apps de Fesoca e Svisual, permitirá realizar videochamadas coas que se poderá transmitir a información ao servizo de emerxencias para a súa xestión.

Fonte: Gente

Cataluña

Lanzan o primeiro dicionario dixital multilingüe do aragonés

O Estudo de Filoloxía Aragonesa lanza DicAra, un dicionario dixital que ofrece unha visión completa do léxico aragonés, con equivalencias en castelán, catalán e inglés. Este proxecto, que inclúe 90 000 entradas lematizadas e máis de 130 000 variantes dialectais, destaca pola súa exhaustividade e facilita o acceso a unha lingua histórica, incorporando funcións avanzadas de busca. DicAra, que se basea no Diccionario aragonés-castellano-catalán lanzado en 2022, representa un fito na preservación do aragonés e ofrece información detallada, como etimoloxías e exemplos de uso.

Fonte: 24 H Aragón

Aragón

A Academia Valenciana da Lingua e o Congreso asinan un convenio para fomentar o valenciano

O Congreso dos Deputados publicará no Boletín Oficial das Cortes Xerais as iniciativas lexislativas aprobadas na súa versión en valenciano, tras un convenio asinado coas Academia Valenciana da Lingua. O acordo busca visibilizar a realidade bilingüe, a través da tradución e difusión dos textos legais en valenciano. A colaboración terá unha duración de dous anos, cunha achega anual de 25 000 euros.

Fonte: El Diario

Comunidade Valenciana

Celébrase o Día do Éuscaro con actividades lúdicas e actos reivindicativos

A celebración do Día Internacional do Éuscaro chega cunha ampla programación cultural e reivindicativa, nun contexto de preocupación polo retroceso do uso social da lingua e polas decisións xudiciais que a condicionan. Diversos colectivos convocan mobilizacións para reclamar políticas lingüísticas máis firmes, mentres as institucións difunden declaracións conxuntas que apelan a reforzar a transmisión e o uso do éuscaro. A xornada inclúe actos locais, iniciativas internacionais promovidas polo Instituto Etxepare e unha ampla oferta cultural.

Fonte: Orain

Xeral

Comeza a campaña para escoller o neoloxismo do ano 2025 en catalán

A campaña «La paraula de l’any», impulsada polo Observatorio de Neoloxía da Universidade Pompeu Fabra (UPF), o Instituto de Estudos Cataláns (IEC), o Termcat e 3Cat, convida a escoller o neoloxismo máis destacado de 2025 entre dez opcións que abranguen ámbitos como a saúde, a tecnoloxía, a identidade ou o clima. A votación, aberta ata o 16 de decembro, permitirá seleccionar a palabra que o IEC estudará con especial atención para a súa posible incorporación normativa.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

Durango acolle o acto anual de peche do proxecto Landue de fomento do éuscaro no ámbito socioeconómico

O proxecto Landue pechou o ano cun acto no Elkartegi de Durango, onde empresas, institucións e axentes sociais reafirmaron o compromiso de crear espazos laborais e socioeconómicos euscaldúns. A iniciativa, impulsada pola Mancomunidade de Durangaldea, o Goberno vasco e a Deputación de Biscaia, busca introducir o éuscaro na xestión interna, na atención profesional e nas prácticas do alumnado de FP.

Fonte: El Correo

País Vasco

Un convenio entre a Deputación de Áraba e a Real Academia da Lingua Vasca busca reforzar o uso do éuscaro no territorio

A Deputación Foral de Áraba concede unha axuda directa de 35 841,80 euros a Euskaltzaindia, a Real Academia da Lingua Vasca, para impulsar en 2025 o programa Euskararen Biziberritzea Araban, nun convenio que fixa unha colaboración estable ata 2027 coa finalidade de reforzar o uso social do éuscaro.

Fonte: Radio Llodio

País Vasco

Un estudo alerta da violencia lingüística que sofren as mulleres xordas

A Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE) presentou unha investigación pioneira que visibiliza as violencias específicas que sofren as mulleres xordas, con especial atención ás agresións lingüísticas e culturais, que condicionan a súa autonomía e dignidade. O estudo revela barreiras estruturais moi graves: dificultades para acceder a servizos básicos, falta de intérpretes en situacións críticas e procesos xudiciais pouco accesibles. Os datos mostran porcentaxes elevadas de violencia exercida por parellas e de violencia institucional que obriga moitas mulleres a renunciar a atencións esenciais.

Fonte: Diari de la DisCapacitat

Xeral

A intelixencia artificial de Meta xa se comunica en catalán

A IA de Meta, integrada en WhatsApp, Facebook e Instagram, xa pode comunicarse en catalán. Este avance permítelles ás persoas usuarias manter conversas, traducir textos ou realizar consultas directamente en catalán. Meta atribúe a ausencia inicial deste idioma a limitacións do lanzamento europeo e asegura estar a perfeccionar o sistema, que incorpora correctores e mecanismos de mellora continua.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

O Instituto de Estudos Cataláns actualiza o seu dicionario coa incorporación de novos artigos e modificacións

A Sección Filolóxica do IEC incorporou 117 voces novas e realizou 258 modificacións no Diccionari de la llengua catalana, nun total de 375 novidades que amplían o estándar e reforzan a representación territorial da lingua. Entre os termos engadidos figuran préstamos internacionais, vocabulario gastronómico e variantes dialectais, mentres que as actualizacións perfeccionan definicións e usos en ámbitos como a tecnoloxía, as locucións coloquiais ou a denominación de bebidas. A obra normativa continúa así o proceso de revisión iniciado tras a súa segunda edición de 2007, coas actualizacións dispoñibles de inmediato na versión en liña.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder