España
Constitúese en Manresa a Mesa do Fomento do Uso Social do Catalán
Manresa vén de constituír a Mesa para o Fomento do Uso Social do Catalán, un órgano que reúne sesenta axentes sociais co propósito de reverter a perda de presenza do idioma nos espazos comunitarios. Esta iniciativa, apoiada amplamente polo pleno municipal, pretende coordinar esforzos desde unha perspectiva transversal para reforzar o prestixio e a transmisión do catalán como lingua de cohesión social.
Fonte: La Ciutat
O Concello de Portugalete convoca unha liña de axudas para actividades en éuscaro
O Concello de Portugalete destina 10 000 euros a subvencionar actividades en éuscaro promovidas por asociacións locais, cunha achega máxima do 80 % do orzamento e ata 3000 euros por proxecto. Priorizaranse as propostas dirixidas a persoas adultas e valorarase a súa calidade, innovación e coherencia co plan de éuscaro municipal.
Fonte: En Portugalete
A Academia da Lingua Asturiana e o Goberno do Principado reúnense para tratar a política lingüística dos vindeiros anos
O Goberno do Principado e a Academia da Lingua Asturiana acordaron reforzar a política lingüística nos próximos anos mediante un plan de acción para normalizar o uso do asturiano e do eonaviego. Entre outras propostas, abordaron a presenza nos medios públicos, o desenvolvemento normativo da lei de 1998, a inclusión da lingua nos proxectos de intelixencia artificial e a mellora da súa presenza no sistema educativo. O Executivo comprometeuse a manter o diálogo e avanzar conxuntamente nestas medidas.
O Ministerio de Sanidade estuda a proposta para que o éuscaro puntúe na probas de Formación Sanitaria Especializada
O Ministerio de Sanidade está a analizar a proposta do Goberno vasco para recoñecer o coñecemento do éuscaro como mérito nas probas de acceso á formación sanitaria especializada, mais sen que afecte ao sistema obxectivo de puntuación nin implique un requisito previo. A ministra Mónica García subliñou a importancia de garantir a atención na lingua propia da cidadanía, mais advertiu de que a medida debe aplicarse sen alterar a igualdade de oportunidades entre aspirantes.
Fonte: EFE
O Goberno de Navarra fai balance dos avances na presenza do éuscaro na Administración
O Goberno de Navarra reforzou a presenza do éuscaro na súa Administración ao establecer 769 prazas con esixencia lingüística e valorar o idioma noutras 8078, para adaptar os servizos públicos á realidade bilingüe da cidadanía. Tamén promoveu dous proxectos europeos para achegar o éuscaro á mocidade e modernizar os medios que o empregan.
Fonte: Gobierno de Navarra
Celébrase a primeira edición dos premios CRIT á creación de contidos en catalán

A primeira edición dos premios CRIT á creación de contido en catalán tivo lugar no Teatro Nacional de Cataluña, cunha gala que premiou 16 propostas. Os grandes gañadores foron Fran Tudela, como Mellor Creador de Contido do Ano, e o podcast La Turra, como Mellor Proxecto do Ano.
Fonte: Diari de la Llengua
Chega a primeira edición do Festival Riu de Veus, unha iniciativa que busca poñer en valor a riqueza e a diversidade do catalán
El 12 de xullo terá lugar a primeira edición do Festival Riu de Veus no Castell de Miravet, un evento musical que celebra a diversidade lingüística do catalán. A primeira edición contará coa participación de Roger Mas, Sanjosex e Lia Sampai, que actuarán acompañados dunha formación musical composta por músicos locais.
Fonte: Imagina Ràdio
Increméntase a presenza da lingua catalá nos videoxogos
Un 73 % dos videoxogos desenvolvidos en Cataluña son en catalán, segundo datos do novo Llibre Blanc de la Indústria Catalana del Videojoc. A cifra representa un aumento respecto ao 64 % do ano pasado, o que reflicte a mellora na presenza desta lingua no sector.
Fonte: Diari de la Llengua
O alumnado de éuscaro de calquera dos niveis terá acceso ás axudas convocadas polo Goberno vasco
O Goberno vasco aprobou unha partida de 2 975 500 euros para subvencionar o proceso de aprendizaxe do éuscaro nos euskaltegis da Comunidade Autónoma Vasca. As axudas estarán dirixidas ao alumnado que obteña ou acredite o nivel de competencia comunicativa en calquera dos niveis establecidos (A1, A2, B1, B2, C1, C2).
Fonte: Gobierno Vasco
Convócanse axudas para a edición de audiolibros en catalán e occitano

O Instituto Catalán das Empresas Culturais (ICEC) abriu a convocatoria de subvencións para apoiar a edición de audiolibros en catalán e occitano. As axudas, que se outorgan por concorrencia non competitiva, están dirixidas a empresas editoriais e cobren publicacións realizadas entre novembro de 2024 e outubro de 2025.
Fonte: Ajuntament de Barcelona
Boletín
Subscríbase ao boletín