España
Preséntase unha estratexia de normalización das linguas do Principado de Asturias

O presidente do Principado presentou a Estratexia de Normalización do Asturiano e do Eonaviego 2026-2030, un plan elaborado tras unha exhaustiva análise sociolingüística e cultural. A estratexia establece obxectivos e directrices para promover o uso das linguas propias e garantir os dereitos lingüísticos e culturais da cidadanía. Divídese en cinco grandes áreas: a Administración, a transmisión interxeracional, a cultura e o deporte, a economía e a sociedade, e a proxección internacional. Este proxecto inclúe avances importantes como a creación da Subdirección de Política Lingüística e a reforma estatutaria para recoñecer a oficialidade das linguas.
Fonte: Principado de Asturias
O Concello de Irún organiza un mes de actividades de promoción do éuscaro
O Concello de Irún impulsa unha nova edición do Mes do Éuscaro, iniciativa coa que procura reforzar o uso e a motivación pola lingua entre a mocidade. Baixo o lema «Klik euskarari!», o programa inclúe representacións teatrais, a publicación de creacións do alumnado na revista Irunero e a celebración dun Mintzodromo Gaztea no Espazo Palmera Montero.
Fonte: Ayuntamiento de Irun
O Concello de Eivisa manterá os nomes de rúas e avenidas só en catalán
A entidade menorquina Fem-ho en Català logrou que o Concello anule a licitación dos novos rótulos viarios que prevía formatos bilingües. Tras o recurso presentado en decembro, os servizos xurídicos municipais concluíron que a sinalización debe axustarse á normativa vixente, que establece a denominación exclusivamente en catalán.
A Generalitat de Cataluña actualizará o plan de reforzo do catalán na universidade
O Plan de fortalecemento do catalán no sistema universitario e de investigación pechou a súa primeira fase cun cumprimento superior ao 80 % dos obxectivos previstos, segundo a comisión de seguimento. A Generalitat inicia agora a súa actualización para o período 2026-2030, co propósito de compatibilizar internacionalización e normalización lingüística, así como de integrar o impacto da intelixencia artificial. Entre as prioridades figuran ampliar a docencia en catalán, reforzar a acollida lingüística e consolidar a súa presenza na investigación.
Fonte: Generalitat de Cataluya
Increméntase o uso do catalán na quenda de oficio en Cataluña

O uso do catalán nas actuacións da quenda de oficio en Cataluña medrou un 15 % en 2025, ata superar as 17 600 intervencións, máis do dobre ca en 2021, cando se retomou o plan de fomento lingüístico na xustiza. Tamén aumentou o número de profesionais adheridos ao programa, que xa representan máis dun cuarto do total, cun incremento próximo ao 50 % en catro anos.
Fonte: Diari de la Llengua
O Goberno español confirma que non esixirá coñecer as linguas oficiais na regularización de migrantes
O Goberno central confirmou que o coñecemento do galego, catalán ou éuscaro non será requisito para obter a autorización inicial de residencia e traballo na regularización extraordinaria en tramitación. O borrador prevé, porén, que a aprendizaxe das linguas oficiais poida valorarse na renovación ao cabo dun ano, a través dun informe de integración emitido pola comunidade autónoma.
Fonte: Galicia Confidencial
O Goberno balear pon en marcha un proxecto lingüístico para recuperar palabras en desuso

A Consellería de Educación e Universidades das Illas Baleares impulsa un proxecto para que o alumnado de primaria recupere palabras en desuso procedentes de rondallas e da tradición oral, co fin de reforzar a conciencia lingüística e o valor do patrimonio propio. A iniciativa propón crear en cada aula unha “caixa do tesouro” na que se recompilen termos antigos co seu significado e contexto. Posteriormente, o profesorado desenvolverá actividades para favorecer o seu uso creativo e reflexivo. As achegas seleccionadas difundiranse nas redes institucionais para dar visibilidade a este léxico tradicional.
Fonte: Govern de les Illes Balears
A entidade Accent Ober analizará a situación da lingua catalá no ecosistema dixital
Accent Obert someterá nas vindeiras semanas os principais modelos de intelixencia artificial a probas de catalán para avaliar a súa competencia na cultura propia e elaborar unha clasificación pública. A entidade, que cualifica de positiva a presenza da lingua no ecosistema dixital, advirte con todo que cómpre garantir respostas construídas desde un marco cultural catalán. O diagnóstico destaca o crecemento de contidos en redes e a ampla oferta de webs e aplicacións en catalán, aínda que sinala carencias en ámbitos como a automoción e os electrodomésticos intelixentes.
Fonte: Diari de la Llengua
O Goberno do Principado impulsa un programa cultural para poñer en valor a riqueza lingüística asturiana
O Goberno de Asturias conmemorará o Día Internacional da Lingua Materna cunha programación que se estenderá ata o 27 de febreiro, coa que pretende reforzar a protección e transmisión das linguas propias do Principado. O acto central celebrarase en Sotrondio baixo o lema «Toles nuestres voces», coa participación da comunidade educativa. A axenda inclúe propostas escénicas, musicais e formativas en varios concellos, ademais de recursos dixitais para os centros. A iniciativa, coordinada polas consellarías competentes en colaboración con entidades locais, busca salientar o valor social e cultural do asturiano.
Fonte: Principado de Asturias
Entréganse o premios do concurso Apunts de Llengua dirixidos aos mellores videotitoriais sobre valenciano e inglés
A canle de televisión pública À Punt entregou os premios da primeira edición de Apunts de Llengua, un certame que recoñece os mellores videotitoriais sobre valenciano en dúas modalidades, unha centrada na explicación da lingua e outra na comparación co inglés. Ao concurso, aberto a profesorado e alumnado de distintos niveis educativos da Comunidade Valenciana, presentáronse 39 pezas audiovisuais.
Fonte: Valencia News
Boletín
Subscríbase ao boletín