España
O Goberno de Asturias impulsa un recoñecemento lingüístico para o sector empresarial

A Consellería de Cultura, Política Lingüística e Deporte impulsará este ano o distintivo Alfaya, un recoñecemento ao compromiso empresarial co asturiano e o eonaviego, con tres niveis de adhesión segundo o grao de implicación. A marca nace coa colaboración da asociación EPPA e complétase con catro liñas de axudas públicas por valor de 450 000 euros para apoiar accións de normalización lingüística no sector empresarial.
Fonte: Principado de Asturias
Doce proxectos culturais, deportivos e de promoción do éuscaro fomentan a proxección de Biscaia co apoio da Deputación Foral
A Deputación de Bizkaia resolveu unha nova convocatoria de axudas para apoiar, con 300 000 euros, doce proxectos culturais, deportivos e de promoción do éuscaro que se desenvolverán fóra do territorio en 2025. O obxectivo é reforzar a súa proxección internacional a través de iniciativas que visibilicen a súa identidade cultural e lingüística, como festivais, expedicións, proxectos audiovisuais ou eventos deportivos.
Fonte: Bizkaiko Foru Aldundia
Preséntase unha nova edición de Falamos, o programa de ensino das linguas de Asturias para a poboación adulta

O programa Falamos, impulsado pola Consellería de Cultura, Política Lingüística e Deporte, amplía a súa oferta con 15 cursos semipresenciais de asturiano e eonaviego. A iniciativa, que combina formación presencial e en liña, busca promover o uso social das linguas propias e conta cunha participación acumulada de 1410 persoas.
Fonte: El Diario de Asturias
O Concello de Bermeo aproba o Plan de normalización do uso do éuscaro
O Concello de Bermeo aprobou un novo plan de normalización lingüística ata 2027 co propósito de aumentar o uso do éuscaro como lingua de traballo e servizo e elevar a súa implantación do 75 % ao 89 %. O documento, elaborado co apoio de UEMA e en base ao marco do Goberno vasco, integra a xestión lingüística na dinámica municipal e aposta polo liderado compartido, o seguimento de indicadores e o compromiso colectivo como ferramentas para garantir os dereitos lingüísticos da veciñanza.
Fonte: Bermeoko Udala
A Generalitat de Cataluña facilita a procura de lugares onde aprender catalán coa actualización de dúas ferramentas
O Departamento de Política Lingüística actualizou e ampliou os seus recursos para facilitar o acceso ao ensino do catalán, cun buscador e mapas interactivos que recollen 348 lugares onde se pode aprender a lingua. Estes instrumentos permiten localizar cursos por localidade e consultar a información de contacto das entidades ofertantes. A medida busca promover o coñecemento do catalán entre a poboación adulta, especialmente entre as persoas recentemente chegadas, co obxectivo de acadar 600 000 novos falantes en 2030.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Melilla contará cun museo dedicado á oralidade e ao patrimonio inmaterial
A cidade de Melilla inicia a primeira fase dun proxecto para crear un museo dedicado á oralidade e ao patrimonio inmaterial das súas diversas comunidades. A proposta inclúe a recollida de testemuños orais e estará dirixida por un catedrático de Lingüística da Universidade Complutense. O museo, de carácter inmersivo, instalarase nun antigo edificio da praza do Rastro e aspira a converterse nun referente cultural e motor de desenvolvemento.
Fonte: Melilla Hoy
O Goberno do Principado traballa no decreto que incluirá por primeira vez o ensino do asturiano no segundo ciclo de Infantil
A Consellería de Educación prevé incorporar, por primeira vez, o ensino do asturiano e do eonaviego no segundo ciclo de Educación Infantil. Esta aprendizaxe, de carácter voluntario para o alumnado, deberá ofrecerse en todos os centros. Máis do 60 % das crianzas matriculadas en colexios públicos xa optou por esta formación. A Administración comprométese a fomentar a lingua asturiana, facilitar materiais pedagóxicos e reforzar o profesorado onde for necesario. Tamén volverá solicitarlle ao Ministerio de Educación a creación da especialidade docente de asturiano.
Fonte: Principado de Asturias
O Departamento de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña fai balance do seu primeiro ano de traballo
O Departamento de Política Lingüística concluíu a primeira fase do Pacto Nacional pola Lingua, co apoio de axentes sociais e políticos para reforzar o uso do catalán como lingua común e sostible. Ao longo do ano, puxéronse en marcha actuacións transversais en diversos ámbitos (ensino, sanidade, xustiza, administración local e internacional), entre as que destaca o incremento de cursos para persoas adultas, a mellora da formación profesional e o impulso da lingua catalá e aranesa, así como da lingua de signos catalá.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Os comercios de Xirona recibirán clases de catalán nos propios establecementos

O Concello de Xirona e o CPNL impulsan clases de catalán directamente nos comercios para facilitar que o persoal poida atender a clientela nesta lingua. A formación, de 15 sesións de media hora, adáptase a cada participante e ao seu sector profesional, e impartirase no propio establecemento durante o horario laboral. Actualmente participan catro negocios e agárdase sumar outros dous no outono, co obxectivo de mellorar a competencia oral básica do persoal que non falan catalá ou só o usa de forma moi limitada.
Fonte: El Món
Finaliza a primeira fase do proxecto LANERA de impulso do éuscaro no ámbito socioeconómico

O Goberno vasco concluíu a primeira fase do proxecto LANERA, destinado a reforzar o uso do éuscaro no ámbito socioeconómico. Nesta etapa realizáronse encontros con 252 municipios para escoitar e analizar iniciativas locais, co obxectivo de adaptar as futuras accións á realidade de cada comarca. En setembro elaborarase un diagnóstico compartido e fixaranse prioridades para impulsar proxectos concretos que integren o éuscaro no mundo laboral, nun proceso planificado ata 2026.
Fonte: Gobierno Vasco
Boletín
Subscríbase ao boletín