España

Reclaman o recoñecemento do éuscaro como lingua propia de Navarra

O Valedor do Pobo de Navarra, Patxi Vera, pediu que o éuscaro sexa recoñecido como lingua propia de Navarra na LORAFNA, a norma institucional básica da comunidade. Durante a súa comparecencia no Parlamento foral, salientou que Navarra é a única comunidade con lingua distinta do castelán que non a recoñece como propia na súa lexislación de maior rango. Vera defendeu que o éuscaro constitúe un patrimonio cultural milenario que debe recibir protección institucional e ser asumido como parte do patrimonio común da sociedade navarra.

Fonte: El Diario

Navarra

O Concello de Pamplona convoca axudas para iniciativas de promoción do éuscaro

O Concello de Pamplona convocou subvencións por valor de 118 000 euros para apoiar proxectos de promoción e normalización do éuscaro impulsados por entidades e asociacións sen ánimo de lucro da cidade. As iniciativas deberán desenvolverse entre novembro de 2025 e setembro de 2026 e estar abertas á participación da cidadanía. Cada proxecto poderá recibir ata 22 000 euros, segundo criterios que valoran a calidade da proposta, as características da entidade promotora e o impacto na difusión e prestixio social da lingua.

Fonte: Iruñeko Udala

Navarra

Convócanse axudas para promover a presenza do éuscaro na imaxe de establecementos comerciais e asociacións de Berriozar

O Concello de Berriozar abriu o prazo para solicitar subvencións destinadas a incorporar o éuscaro, xunto co castelán, na rotulación, na imaxe corporativa e nas páxinas web dos establecementos do municipio. A convocatoria busca reforzar a presenza da lingua no ámbito comercial e social. As axudas cubrirán o 75 % do custo de novos elementos bilingües e ata o 90 % da renovación dos xa existentes, e poderán solicitarse ao longo de todo o ano.

Fonte: Berriozarko Udala

País Vasco

O Goberno do Principado convoca uns premios literarios en asturiano e eonaviego

A Consellaría de Cultura, Política Lingüística e Deporte convocou os premios literarios e artísticos que distinguen as mellores obras en asturiano e eonaviego en dez disciplinas. Os galardóns, destinados a promover o uso e a creación nas linguas propias do Principado, inclúen categorías como poesía, novela, ensaio, teatro, cómic, literatura infantil e xuvenil, música ou tradución.

Fonte: La Voz de Asturias

Asturias

O MWC26 de Barcelona salienta a fenda lingüística na IA, con menos de vinte linguas con modelos suficientemente adestrados

No Mobile World Congress 2026 advertiuse do impacto que os sistemas de intelixencia artificial poden ter sobre as linguas con menor presenza dixital. Diversas persoas expertas sinalaron que moitas ferramentas están adestradas fundamentalmente con datos de idiomas dominantes, o que provoca desigualdades e nesgos, e limita a súa capacidade para comprender ou xerar contidos noutras linguas. O debate destacou que, das arredor de 7000 linguas existentes no mundo, menos de vinte dispoñen de modelos lingüísticos suficientemente desenvolvidos, o que abre unha nova fenda dixital ligada á diversidade lingüística. 

Fonte: Wwwhat's New

Cataluña

A Generalitat Valenciana convoca un programa para reforzar a competencia comunicativa en valenciano do alumnado

A Consellería de Educación, Cultura e Universidades da Comunidade Valenciana convocou o programa de intercambio escolar Pont de Llengües para o curso 2025-2026, co obxectivo de mellorar a competencia comunicativa en valenciano e favorecer a cohesión lingüística entre centros con realidades sociolingüísticas distintas. A iniciativa diríxese a centros públicos non universitarios que deberán presentar proxectos conxuntos con actividades educativas e unha xornada de convivencia presencial. O programa conta cun orzamento de 100.000 euros e valorará especialmente o impacto na aprendizaxe da lingua, a inclusión e a participación de centros situados en áreas de predominio castelán.

Fonte: Generalitat Valenciana

Comunidade Valenciana

Ponse en marcha unha campaña para impulsar o uso do catalán nos centros educativos de Lleida

O Plan educativo de contorno de Lleida impulsa unha campaña de sensibilización lingüística destinada a reforzar o uso social do catalán no ámbito educativo ante o descenso da súa presenza nos centros. Baixo o lema «Parla en català i peta-ho!», a iniciativa inclúe vídeos con referentes da comunidade, creación de contidos por parte do alumnado e materiais de visibilización nos colexios. A proposta procura xerar contextos reais de uso da lingua entre a infancia e a mocidade e consolidar o catalán como ferramenta de cohesión, aprendizaxe e participación social.

Fonte: Ajuntament de Lleida

Cataluña

Elhuyar e Euskaltzaindia asinan un acordo de colaboración para traballar a prol do éuscaro

Ambas as entidades asinaron un convenio de colaboración por cinco anos co obxectivo de reforzar as sinerxías no desenvolvemento e promoción do éuscaro. O acordo prevé intensificar o traballo conxunto na difusión das normas do éuscaro unificado, no enriquecemento do vocabulario e na súa normalización en ámbitos científicos e técnicos. Ademais, cooperarán en proxectos de investigación, na actualización do corpus lingüístico e na promoción do uso do éuscaro culto no ámbito dixital, así como no impulso de publicacións, bolsas e recoñecementos vinculados á investigación sobre a lingua.

Fonte: Elhuyar

País Vasco

Un estudo alerta da difusión de usos non normativos do catalán polas ferramentas de intelixencia artificial

Un estudo da Universidade Pompeu Fabra advirte de que ferramentas de intelixencia artificial xerativa están a difundir usos non normativos do catalán, en boa medida pola influencia do castelán nos seus modelos de adestramento. A análise, baseada en seis modelos lingüísticos e nun corpus de 160 oracións, revela que os sistemas multilingües presentan unha maior tendencia a desviárense da norma por interferencia do español ca os especializados en catalán. As persoas investigadoras alertan de que estes erros poden ter un impacto máis acusado nas linguas con menor presenza dixital e reclaman avaliar con rigor as preferencias lingüísticas da IA para orientar políticas públicas axeitadas.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

Ponse en marcha un estudo sobre o uso das linguas nas rúas de Pamplona para coñecer a realidade sociolingüística da cidade

O Concello de Pamplona e Soziolinguistika Klusterra asinaron un convenio para desenvolver a IX Medición do Uso das Linguas na Vía Pública, un estudo científico que ofrecerá datos actualizados sobre o emprego real dos idiomas na cidade. A investigación, con máis de tres décadas de traxectoria, baséase na observación sistemática de conversas espontáneas e incorpora melloras metodolóxicas e ferramentas dixitais que reforzan a representatividade dos resultados. Cun orzamento de 11.596 euros, o proxecto permitirá fundamentar en evidencias o futuro Plan municipal de Normalización Lingüística.

Fonte: Iruñeko Udala

Navarra

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder