España
A poboación arabesa poderá beneficiarse das axudas á aprendizaxe do éuscaro que convoca a Deputación Foral
A Deputación Foral de Áraba ofrece este curso 100.000 euros en axudas para facilitar a persoas adultas aprender éuscaro en euskaltegis homologados do territorio e mais do enclave de Treviño. As contías, entre 135 e 330 euros segundo a duración dos módulos, tamén inclúen apoio á autoaprendizaxe.
Fonte: Radio Llodio
A Universidade Politécnica de Valencia convoca axudas para a promoción do valenciano na docencia e na investigación
A Universidade Politécnica de Valencia, a través do seu Servizo de Promoción e Normalización Lingüística, destina 25 000 euros en axudas para fomentar o uso do valenciano na docencia e na investigación. Hai tres tipos de axudas: para impartir materias por primeira vez nesta lingua, para elaborar materiais docentes e para difundir traballos científicos en valenciano.
A marca Aiwa ofrece manuais en lingua catalá para máis de 120 produtos
A empresa xaponesa AIWA ofrece xa manuais en catalán para máis de 120 produtos de son, froito dun compromiso adquirido no Mobile World Congress de 2024 coa Plataforma per la Llengua. Trátase dun avance decisivo para normalizar o idioma no sector tecnolóxico, aínda que tamén reclaman que a compañía inclúa o catalán na súa web e amplíe a súa presenza en todos os ámbitos.
Fonte: El Món
A Deputación de Zaragoza convoca un premio de literatura en aragonés
A Deputación de Zaragoza convoca a primeira edición do Premio Santa Isabel de literatura en aragonés, dotado con 5000 euros e a publicación da obra gañadora. Poderán participar maiores de idade nacidos ou empadroados en Aragón, cun máximo de dúas propostas inéditas en narrativa, cómic, poesía, teatro ou ensaio. O galardón, o de maior contía económica nesta lingua, pretende visibilizar e revalorizar a creación literaria en aragonés e reforzar o compromiso institucional coa súa preservación e difusión.
Fonte: Diputación de Zaragoza
A Deputación de Valencia entrega os seus galardóns ao uso do valenciano no comercio local

A Deputación de Valencia entregou os IV Premios de uso do valenciano no comercio local que distinguen unha trintena de establecementos da provincia pola súa contribución á defensa da lingua propia. Os galardoados agradeceron o apoio institucional, que lles serve de estímulo para integrar o valenciano en toda a súa comunicación.
Fonte: Diputació de València
Barcelona acolle unha nova edición da Semana do Libro de Catalán

A 43ª edición da Semana do Libro en Catalán comezou en Barcelona cun espazo ampliado de 8900 m², 94 casetas, 312 expositores e máis de 300 actividades. O evento reforza a aposta pola literatura infantil e xuvenil e incorpora novos espazos de lectura, conversa e promoción da lingua catalá.
Fonte: Diari de la Llengua
O Concello de Bilbao anima o comercio e a hostalería a achegarse ao éuscaro a través dun novo programa

O Concello de Bilbao impulsa o programa Biribilko para que persoal de comercio e hostalería mellore o seu nivel de éuscaro e poida empregalo coa clientela, empresas provedoras... Os cursos, de 90 horas e dous niveis, desenvolveranse de outubro de 2025 a xuño de 2026 en euskaltegis homologados, cun custo de 90 euros que se devolverá ao alumnado con asistencia mínima do 75 %. Ademais, ofrécese servizo gratuíto de tradución de carteis e materiais públicos, así como dicionarios especializados.
Fonte: Bilboko Udala
Elhuyar crea unha ferramenta para dobrar vídeos a seis linguas
Elhuyar lanza un novo servizo na súa plataforma Aditu que permite dobrar vídeos en éuscaro, castelán, francés, inglés, galego e catalán, mantendo mesmo o ton e o acento da voz orixinal. A ferramenta, baseada en intelixencia artificial e redes neuronais, facilita tamén transcricións, subtítulos e traducións automáticas, e ofrece un resultado editable e sen erros.
Fonte: El Correo
O castelán despraza o catalán como lingua das investigacións nas revistas científicas catalás
Un estudo revela que o castelán despraza o catalán como lingua das publicacións científicas en revistas catalás, con case o 70 % dos artigos en castelán fronte ao 9 % en catalán e o 25 % en inglés. A presión dos índices internacionais e das políticas de acreditación favorece a escrita en inglés e resta prestixio ao catalán, ao que se suma a falta de recursos e apoio institucional.
Fonte: Diari de la Llengua
O Goberno vasco convoca axudas para a promoción e normalización do éuscaro
O Goberno vasco convoca as axudas Euskalgintza 2025, cun orzamento de 1,7 millóns de euros para apoiar proxectos de promoción, desenvolvemento e normalización do éuscaro. As subvencións destínanse, entre outras, a iniciativas de lecer xuvenil, achegamento da lingua a persoas inmigrantes, contidos dixitais, transmisión familiar, fomento da lectura etc.
Fonte: Gobierno Vasco
Boletín
Subscríbase ao boletín