España

A revista científica The Conversation xa conta con edición en catalán

The Conversation, iniciativa xornalística sen ánimo de lucro que divulga investigación científica, incorpora o catalán á súa rede internacional a través de La Conversa. A nova edición nace coa finalidade de poñer en valor a produción académica en catalán e contribuír ao debate público sobre os grandes desafíos contemporáneos. Ademais de publicar artigos orixinais semanais, ofrecerá traducións doutras edicións, co que se combinará perspectiva local e proxección global.

Fonte: Universitat de València

Cataluña

O Concello de Pamplona inicia un proceso participativo para elaborar un plan de normalización do éuscaro na cidade

Pamplona abre o proceso participativo para elaborar o seu primeiro Plan municipal de normalización do éuscaro, baixo o lema «Iruñean HIRIERAZ, mucho que hablar». Ao longo de cinco sesións, entre febreiro e maio, entidades, colectivos e cidadanía en xeral poderán achegar a súa visión co obxectivo de definir as liñas estratéxicas para o período 2027-2031. Nos encontros analizaranse cuestións como o uso, o coñecemento e o prestixio da lingua, así como a súa presenza na administración e no tecido socioeconómico.

Fonte: Iruñeko Udala

Navarra

O programa formativo de catalán para profesionais sanitarios redeséñase para axustarse ás súas necesidades e horarios

A terceira edición do programa «Prescriu-te el català» renovará o seu deseño para adaptarse mellor ás necesidades do persoal sanitario e reducir o abandono formativo. A iniciativa ofrecerá 1600 prazas cun formato modular e flexible, con formación, integramente en liña e centrada en situacións reais da práctica asistencial. O obxectivo é reforzar o uso do catalán no sistema sanitario público e garantir unha atención de calidade respectuosa cos dereitos lingüísticos da cidadanía.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

O grupo Público lanza un diario dixital en catalán

Públic dá un paso adiante e convértese nun medio dixital en catalán con identidade propia e deixa de ser unha simple sección dentro de Público. Baixo a dirección de Ferran Espada e co respaldo editorial do grupo, o proxecto estréase en diaripublic.cat coa vontade de ampliar contidos e ambición informativa. A aposta procura responder á demanda de xornalismo de calidade en catalán nun contexto no que o uso social da lingua retrocede, ao tempo que medra a procura de relatos rigorosos e próximos. O novo portal ofrecerá información política, social, económica e cultural, ademais de opinión, con cobertura catalá, estatal e internacional.

Fonte: Extra Digital

Cataluña

O proxecto Eskuara suma sete novas empresas arabesas que se comprometen a incrementar o uso do éuscaro

Sete novas empresas e centros formativos de Áraba incorporáronse ao proxecto Eskuara, que promove o uso do éuscaro no ámbito empresarial. A iniciativa xa ofrece asesoramento a máis de trinta entidades, combinando normalización lingüística, desenvolvemento económico e cohesión territorial. O acompañamento personalizado permitiu avanzar na definición de políticas lingüísticas propias e na presenza desta lingua na actividade diaria.

Fonte: Ayuntamiento de Vitoria-Gasteiz

País Vasco

Preséntase o balance do Plan de impulso do catalán coa exposición de datos sobre usos lingüísticos e accións desenvolvidas

A Generalitat presentou os resultados do Plan de impulso do catalán desenvolvido entre 2023 e 2025, orientado a frear o retroceso no uso desta lingua. O balance salienta avances na formación, na sensibilización e na consolidación do catalán como lingua habitual na Administración, pero amosa unha perda relativa de uso, malia aumentar o número de persoas con coñecementos da lingua.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

Euskarabidea colaborará con entidades e axentes navarros do ámbito do éuscaro

Euskarabidea reforzará en 2026 a colaboración con máis de trinta entidades navarras mediante a sinatura de 27 convenios para impulsar o uso social do éuscaro. O Goberno de Navarra consolida así un ecosistema de apoio a esta lingua con máis financiamento e proxectos de maior impacto. As actuacións inclúen iniciativas educativas, culturais, sociais e de lecer, así como o avance da presenza do éuscaro na Administración.

Fonte: Gobierno de Navarra

Navarra

O Parlamento vasco aproba unha iniciativa para impulsar o uso do éuscaro na Administración de Xustiza

O Parlamento vasco aprobou unha emenda que insta o Goberno vasco a promover o uso do éuscaro nos servizos da Administración de Xustiza, exixindo o coñecemento da lingua vasca nas prazas singularizadas.

Fonte: Orain

País Vasco

O Concello de Olot pon en marcha unha campaña para impulsar o uso do catalán no sector comercial da cidade

O Concello de Olot impulsou unha campaña para reforzar o uso do catalán no comercio local, cun balance amplamente positivo. A maioría dos establecementos adapta xa a sinalización, a documentación e a atención á clientela á normativa vixente. O seguimento e o asesoramento personalizado permitiron corrixir máis da metade das incidencias detectadas inicialmente. As melloras resultan especialmente visibles en varios sectores comerciais, aínda que persisten dificultades puntuais nalgúns ámbitos. A iniciativa evidencia unha elevada disposición do tecido comercial para cumprir a normativa e ofrecer un servizo máis próximo e inclusivo.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

Activistas e persoas voluntarias manteñen viva a lingua aragonesa

Diversas asociacións culturais e persoas voluntarias manteñen viva a lingua aragonesa mediante aulas, activismo social e creación de contidos, malia a escasa implicación institucional. O idioma conta cun número moi reducido de falantes habituais e sofre unha grave falta de transmisión xeracional, situación que o sitúa en serio risco de desaparición. A acción comunitaria céntrase tanto na aprendizaxe práctica como na reivindicación da súa lexitimidade histórica. Internet e as redes sociais ábrense como novos espazos para visibilizar o aragonés e conectar coa xente nova.

Fonte: RTVE

Aragón

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder