España
O distrito barcelonés de Nou Barris presenta un plan de acción para impulsar o catalán
Este plan de acción ten como obxectivo reforzar o uso do catalán como lingua de cohesión social e inclúe a creación dunha mesa de traballo encargada de coordinar as políticas lingüísticas e aplicar as accións do Pacto Nacional pola Lingua. O plan tamén prevé incorporar cláusulas lingüísticas nos contratos municipais e garantir a presenza plena do catalán na comunicación institucional e nas actividades culturais.
Fonte: Diari de la Llengua
O Concello de Muro asina un convenio coa AVL para impulsar o uso do valenciano
Este convenio, que terá unha vixencia de catro anos, busca reforzar o uso do valenciano no municipio, co obxectivo de converter a Muro nun referente na promoción desta lingua. O acordo inclúe medidas como a valencianización do nome oficial do municipio, a programación cultural en valenciano e a consolidación dunha Oficina de Promoción Lingüística. A AVL tamén ofrecerá asesoramento e recursos educativos para mellorar a presenza do valenciano na vida cotiá.
Fonte: El Nostre Ciutat
A Academia Aragonesa da Lingua lanza o primeiro volume da súa nova revista

A Academia Aragonesa da Lingua presentou o primeiro volume da súa nova revista científica, Revista de l'Academia Aragonesa de la Lengua (RAAL), que ten como obxectivo fomentar a investigación e debate sobre o aragonés e o catalán en Aragón, así como difundir e dignificar estas linguas. Esta publicación de acceso aberto recolle estudos de especialistas en áreas como sociolingüística, lexicografía, paremioloxía e dialectoloxía e estará dispoñible na web da institución.
Fonte: AraInfo
Varias entidades impulsan unha campaña para configurar os dispositivos móbiles en catalán

As entidades Accent Obert, Òmnium Cultural, Plataforma per la Llengua e Softcatalà lanzaron a campaña «Configura els teus dispositius en la nostra llengua» para fomentar o uso do catalán no ámbito dixital. A iniciativa anima a configurar teléfonos, ordenadores e outros dispositivos neste idioma, o que aumenta a súa visibilidade e exerce presión sobre as empresas para ampliar os contidos dispoñibles. A campaña inclúe vídeos didácticos en distintas variantes dialectais e pretende duplicar o número de dispositivos configurados en catalán, o que servirá para reforzar a presenza da lingua na era dixital.
Fonte: Diari de la Llengua
Comeza o proceso de dixitalización do dicionario catalán-valenciano-balear
A Institución Francesc de Borja Moll iniciou a dixitalización do Diccionari català-valencià-balear, un proxecto que permitirá ofrecer acceso público e gratuíto ao contido do dicionario cun sistema avanzado de busca e conexión coas súas fontes orixinais.
Fonte: Diari de la Llengua
Posen en marcha en Barcelona unha proba piloto para impulsar o uso do catalán en espazos frecuentados pola mocidade
O Concello de Barcelona e o Instituto de Estudos Cataláns puxeron en marcha unha proba piloto en espazos de mocidade e clubs deportivos de Sants-Montjuïc para reverter a caída do uso social do catalán. O proxecto busca promover a lingua entre adolescentes a través de actividades de lecer e deporte, integrándoa nos contextos cotiáns da mocidade. A iniciativa, baseada no método IEC 360°, pretende avaliar os resultados e estender o modelo a outros distritos. Ademais, inclúe cláusulas lingüísticas en concursos públicos e unha campaña de comunicación que presenta o catalán como signo de identidade moderna e diversa.
Fonte: Diari de la Llengua
Alertan da escasa presenza do éuscaro nos contidos audiovisuais
A asociación Pantailak Euskaraz alertou no Parlamento Vasco da escasísima presenza do éuscaro no cinema e nas plataformas de streaming, onde apenas o 1 % das proxeccións e contidos están nesta lingua. A entidade considera que esta situación prexudica o uso e a calidade do idioma entre a mocidade e reclama máis recursos para producións propias e dobraxes, un marco legal específico e a creación dun consello audiovisual vasco. Tamén propón campañas institucionais que animen a consumir contido en éuscaro e visibilicen os novos subtitulados e dobrados.
Fonte: El Diario
O Concello de Alcoi organiza un curso para o seu persoal co obxectivo de mellorar a comunicación e o respecto lingüístico
O Concello de Alcoi organiza a segunda edición do Curso de Asertividade Lingüística Organizacional 2025, dirixido ao persoal da administración local. A formación, que se desenvolverá entre o 27 de outubro e o 10 de novembro, busca mellorar a comunicación e promover unha actitude respectuosa e igualitaria no uso do valenciano e das demais linguas.
Fonte: Ajuntament d'Alcoi
A asociación de farmacéuticos euscaldúns organiza unha xornada para mostrar o seu compromiso co éuscaro
A asociación de farmacéuticos euscaldúns (FEUSE) celebra o seu 30 aniversario na Facultade de Farmacia da Universidade do País Vasco coa xornada «Asteazken Kulturala». O acto combinará a presentación da traxectoria da asociación, unha charla sobre intelixencia artificial aplicada á sanidade e unha mesa redonda sobre a relevancia do éuscaro no ámbito farmacéutico. O obxectivo é reforzar o compromiso coa lingua e a profesión, achegar a asociación ao alumnado e fomentar a participación interxeracional dos profesionais euscaldúns.
Fonte: Zaragoza 24
A Xustiza obriga o Executivo balear a asegurar a existencia de centros bilingües en todos os municipios do arquipélago
O Tribunal Superior de Xustiza de Baleares (TSJIB) ordenoulle ao Goberno balear garantir que existan centros educativos en cada municipio que apliquen un modelo bilingüe, co catalán e o castelán como linguas vehiculares, para respectar o dereito das familias que opten por esa opción.
Fonte: Mallorca Diario
Boletín
Subscríbase ao boletín