España
Convócase unha manifestación a prol do catalán para o 23 de abril
A plataforma Sant Jordi per la Llengua volverá convocar o 23 de abril unha mobilización para denunciar o retroceso do catalán e o aumento das discriminacións lingüísticas, cun acto central en Barcelona e extensión prevista a outras cidades. A protesta, apoiada por unha trintena de entidades sociais e culturais, quere consolidarse como unha resposta cívica ante a perda de presenza da lingua e situar esta cuestión no centro da axenda pública.
Fonte: Diari de la Llengua
O programa «Bizkaian Bagara. Berbak zubi» impulsa quince proxectos de fomento do éuscaro durante o seu primeiro ano

A Deputación Foral de Bizkaia e Taupa Euskaltzaleen Mugimendua avanzan no programa «Bizkaian Bagara. Berbak zubi», unha iniciativa de tres anos orientada a reforzar o uso do éuscaro e a estender a súa presenza a novos ámbitos sociais. No primeiro exercicio, o plan permitiu desenvolver 15 proxectos en 20 localidades de oito comarcas de Biscaia, adaptados á realidade sociolingüística de cada zona e a públicos de idades diversas.
Fonte: Bizkaiko Foru Aldundia
Preséntase un informe sobre a situación do catalán na Universidade das Illas Baleares

O estudo conclúe que só algo máis dunha cuarta parte das materias da UIB se imparten integramente en catalán, malia que a planificación inicial prevía unha presenza maior. O informe advirte, ademais, de que a situación resulta especialmente grave en Ciencias da Saúde, onde a oferta nesta lingua nin sequera chega ao 10 %. As entidades promotoras do informe denuncian unha marxinación estrutural da lingua propia no ámbito universitario e reclaman actuacións urxentes que garantan o dereito do alumnado a recibir formación completa en catalán.
Fonte: Diari de la Llengua
O Goberno balear organiza cursos de catalán para persoas acabadas de chegar
O Goberno balear promove, a través do IEB e en colaboración co Casal de Asociacións de Inmigrantes e ONGD, novos cursos iniciais de catalán para persoas acabadas de chegar, cunha elevada demanda que xa deixa medio cento de solicitudes en espera. A iniciativa, que dá continuidade á formación posta en marcha para familias, consolídase como unha vía de acceso á lingua e como ferramenta de integración social e laboral. O programa complétase cun material didáctico propio, pensado para facilitar unha aprendizaxe gradual e adaptada ás necesidades deste colectivo.
Fonte: Govern de les Illes Balears
O Concello de Sangunto convoca axudas para a normalización do valenciano
O Concello de Sagunto abriu a convocatoria anual de axudas para impulsar a normalización do valenciano, destinada a empresas e asociacións que promovan esta lingua. As entidades poderán presentar ata dous proxectos antes do 6 de maio, cun orzamento mínimo de 300 euros. As propostas deberán desenvolverse integramente en valenciano e poderán abranguer desde rotulación, publicidade e materiais impresos ata accións formativas, informativas ou de sensibilización.
Fonte: Ajuntament de Sagunt
A Generalitat Valenciana elaborará unha enquisa coñecer a situación actual do uso do valenciano
A Generalitat Valenciana licitou un contrato de 245.000 euros para realizar unha enquisa sobre o coñecemento e uso do valenciano e doutras linguas, con máis de 8000 entrevistas en toda a comunidade. O estudo, incluído no Plan Valenciano de Estatística, permitirá obter datos actualizados sobre a situación sociolingüística e elaborar informes específicos para o conxunto do territorio e para a cidade de Valencia.
Fonte: Valencia Plaza
A Deputación de Valencia convoca axudas para promover cursos de valenciano nos municipios da provincia
A Deputación de Valencia convocou axudas por valor de 104.000 euros para que concellos e entidades locais organicen cursos de valenciano dirixidos á cidadanía. A iniciativa, integrada no plan «La llengua del nostre poble», busca fomentar o coñecemento e o uso social da lingua no ámbito municipal e facilitar o acceso á aprendizaxe en todo o territorio.
Fonte: Valencia News
Fanse 25 anos da posta en marcha da Viquipèdia en catalán

A Viquipèdia en catalán fai 25 anos, polo que se sitúa como unha das primeiras edicións da enciclopedia e a primeira en lingua non inglesa. Na actualidade destaca pola súa alta calidade (cuarta a nivel mundial), con máis de 790 000 artigos, e polo seu papel na normalización e presenza do catalán no ámbito dixital, aínda que o seu uso segue sendo minoritario en comparación con outras versións.
Fonte: Diari de la Llengua
Preséntase un estudo que analiza a relación histórica entre o éuscaro e o romance
A Deputación Foral de Áraba e Euskaltzaindia presentaron o estudo Toponimia histórica e contacto vasco-románico, que analiza arredor de 600 topónimos en zonas de contacto entre éuscaro e castelán. A investigación revela a presenza continuada do éuscaro ata polo menos o século XV e destaca o valor da toponimia para reconstruír a evolución e convivencia das linguas na rexión.
Fonte: Sarriguren Web
O Concello de Pamplona e Euskaltzaindia renovan a súa colaboración para asesoramento lingüístico en materia de éuscaro
O Concello de Pamplona e Euskaltzaindia (Real Academia da Lingua Vasca) renovaron o seu convenio anual de colaboración para o asesoramento lingüístico en materia de éuscaro, cunha dotación de 12 000 euros para 2026. A academia prestará apoio técnico ao consistorio, emitirá informes e certificacións lingüísticas e promoverá actividades culturais e de difusión da lingua vasca na cidade.
Fonte: Iruñeko Udala
Boletín
Subscríbase ao boletín