España

O Goberno vasco aproba varios convenios para impulsar a aprendizaxe e o uso do éuscaro na Administración

O Consello de Goberno aprobou convenios de colaboración entre o Instituto Vasco de Administración Pública (IVAP) e as Xuntas Xerais de Áraba, así como co Concello de Igorre, para fortalecer a formación e normalización do éuscaro no sector público. Estes acordos permitirán ofrecer cursos de euscaldunización e alfabetización lingüística ao persoal público, facilitando a súa participación e mellorando a capacitación nesta lingua.

Fonte: Gobierno Vasco

País Vasco

Euskaltzaindia organiza un encontro en Estella-Lizarra para debater a vitalidade do éuscaro entre a mocidade

O 25 de outubro, Estella-Lizarra acolle o encontro “La vitalidad del euskera entre la juventud”, organizado en colaboración entre Euskaltzaindia e o Concello. A xornada, integramente en éuscaro, busca fomentar o seu uso entre a mocidade da zona, así como converterse nun espazo de diálogo, reflexión e motivación para reforzar o compromiso colectivo coa preservación e dinamización desta lingua.

Fonte: Pamplona Actual

Navarra

Condenan o Concello de Vic por esixir un nivel demasiado elevado de catalán para un posto de traballo

O Xulgado do Contencioso n.º 15 de Barcelona condena o Concello de Vic por esixir un nivel de catalán demasiado alto nun concurso para operario de cemiterio. A sentenza declara discriminatorio o requisito de nivel B2, polo que anulan as bases e establece que o mínimo esixible sexa A2, suficiente para conversas cotiás. O Concello deberá pagar 1000 euros de multa.

Fonte: 20minutos

Cataluña

Sindicatos docentes das Illas Baleares demandan medidas urxentes para blindar o uso do catalán no ensino

Os sindicatos docentes UOB Ensenyament e STEI reclámanlle ao Goberno balear medidas urxentes para garantir o uso do catalán na educación, ante o retroceso nas competencias lingüísticas do alumnado, especialmente en Menorca. Denuncian que os estudantes rematan a ESO con menor dominio do catalán que do castelán e piden activar de inmediato o Plan de choque de catalán en aulas.

Fonte: Nou Diari

Illas Baleares

Preséntase o primeiro curso de iniciación á lingua aragonesa

A Deputación de Zaragoza organiza, xunto con Rolde de Estudios Aragoneses, o primeiro curso en liña de iniciación á lingua aragonesa, «Aragonés. Lengua románica, lengua viva», con 30 horas lectivas e posible recoñecemento de créditos pola Universidade de Zaragoza. A iniciativa busca dar a coñecer a historia, características e situación actual do aragonés, unha lingua románica en perigo pero viva, e reforzar a súa difusión e valoración no ámbito educativo e cultural.

Fonte: Diputación de Zaragoza

Aragón

O Congreso insta o Goberno a promover a formación lingüística do persoal sanitario nos territorios con lingua oficial

O Congreso aproba unha proposición non de lei que insta o Goberno a promover a formación en linguas cooficiais do persoal sanitario nos territorios correspondentes. A iniciativa busca garantir unha atención máis humana e respectuosa cos dereitos lingüísticos da cidadanía e axudar a superar barreiras de comunicación que poden afectar á calidade do servizo. Os plans de formación serán voluntarios, gratuítos e adaptables, e incluirán recursos e materiais axeitados ao persoal sanitario, con avaliación periódica da súa eficacia.

Fonte: Siglo XXI

Xeral

Anúncianse os gañadores dos Premios Folgueira 2025, uns galardóns que recoñecen persoas e institucións comprometidas co galego de Asturias

A asociación Axuntar anunciou os gañadores dos Premios Folgueira 2025, que recoñecen o compromiso coa promoción do galego en Asturias. O premio principal concedeuse ao xornalista Xabier Fortes López polo seu apoio mediático á lingua, mentres que o Premio Folgueira de Honra recaeu no profesor Antonio José Meilán García, referente nos estudos do galego do Eo-Navia. Estes galardóns visan dignificar o galego e destacar persoas e institucións que loitan pola súa preservación e visibilidade.

Fonte: Nós Diario

Asturias

Unha campaña anima a poboación de Alcoi a falar só en valenciano durante 21 días

O Concello de Alcoi lanza a campaña «Els VIP del Valencià» para incentivar o uso do valenciano durante 21 días, promovendo que persoas e colectivos empreguen a súa lingua propia en diferentes ámbitos da vida cotiá. A iniciativa inclúe formación en asertividade lingüística, seguimento personalizado e actividades de visibilización pública, co obxectivo de reforzar a seguridade e a presenza social do valenciano. O programa busca crear unha comunidade orgullosa da súa identidade lingüística, fomentar a convivencia entre linguas e mellorar a autoestima e participación dos falantes.

Fonte: Diari de la Llengua

Comunidade Valenciana

O Concello de Pamplona organiza un festival que reivindica a vangarda cultural en éuscaro

A segunda edición do festival Iruñaldia celebrarase do 9 ao 15 de novembro en diversos espazos de Pamplona nos que se poderán ver once espectáculos de oito disciplinas que combinan tradición e vangarda da cultura vasca. Este evento busca consolidarse como referente cultural en éuscaro, promovendo a innovación artística e o diálogo interxeracional.

Fonte: Iruñeko Udala

Navarra

Denuncian a exclusión do asturiano da Oficina e do Consello das Linguas Oficiais impulsados polo Goberno de España

O asturiano queda excluído da nova configuración da Oficina e do Consello das Linguas Oficiais, segundo o Real Decreto 798/2025, que limita a participación a comunidades con linguas oficialmente recoñecidas, como Euskadi, Cataluña, Galicia, Navarra, Comunidade Valenciana e Baleares. Por este motivo, denuncian que esta decisión discrimina a Asturias, pois o asturiano está protexido no Estatuto de Autonomía e na Constitución. 

Fonte: InfoAsturies

Asturias

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder