España

O Goberno vasco reforza o seu apoio á investigación en éuscaro na convocatoria de axudas para estudos sobre a Administración Pública

O Consello de Goberno vasco aprobou a convocatoria 2026-2027 do IVAP para financiar dous estudos sobre Administración Pública e Dereito Público vinculados ás institucións vascas. A convocatoria reserva unha das axudas, de maneira preferente, a traballos en éuscaro, co fin de compensar as desvantaxes que sofren as linguas minorizadas na avaliación científica.

Fonte: Gobierno Vasco

País Vasco

Un total de 73 llibres de Fogueres opta ás axudas de promoción do valenciano

A Generalitat Valenciana recibiu 73 llibres de Fogueres na convocatoria de axudas para promover o uso do valenciano no ámbito festivo, dotada con 74.000 euros. O programa prevé conceder 55 subvencións, con contías que van dos 5000 euros do primeiro premio aos 700 euros dos últimos recoñecementos. As obras deberán estar escritas en valenciano, axustarse á normativa da Acadèmia Valenciana de la Llengua e cumprir requisitos de edición, tiraxe e depósito legal.

Fonte: Generalitat Valenciana

Comunidade Valenciana

Un estudo alerta das barreiras lingüísticas existentes en Cataluña entre pacientes e persoal sanitario

Un informe da Universidade Autónoma de Barcelona advirte de que as barreiras lingüísticas dificultan de maneira recorrente a atención sanitaria pública en Cataluña cando as persoas usuarias non dominan as linguas oficiais. O estudo, baseado nunha ampla enquisa a persoal sanitario e intermediarios lingüísticos, sinala que a falta de recursos profesionais obriga a recorrer a familiares, acompañantes ou ferramentas automáticas. Porén, estas solucións poden comprometer a calidade asistencial, a confidencialidade, o consentimento informado e a adherencia aos tratamentos. Por iso, reclaman unha política pública estable que profesionalice e estenda a interpretación e a mediación lingüística en todo o sistema sanitario catalán.

Fonte: Universitat Autònoma de Barcelona

Cataluña

A Universidade Pompeu Fabra actualiza a súa normativa para a promoción do catalán

A Universidade Pompeu Fabra aprobou por unanimidade unha actualización da súa normativa lingüística para reforzar o uso do catalán na docencia, na investigación e na xestión universitaria. O novo marco adapta unha regulación de hai 25 anos á realidade sociolingüística, tecnolóxica e internacional actual, e sitúa o catalán como lingua propia, oficial e de acollida. A norma incorpora criterios de seguridade lingüística, de modo que a lingua de cada materia deberá respectarse segundo o indicado na guía docente. Tamén garante dereitos como poder facer exames, presentacións ou teses en catalán, ao tempo que fixa o seu uso inicial na atención administrativa e nos servizos do campus.

Fonte: Tot Barcelona

Cataluña

A Deputación de Valencia concede axudas aos concellos para organizar cursos de valenciano

A Deputación de Valencia destinará 102.000 euros ao plan «La llengua del nostre poble», co que financiará cursos de valenciano en concellos, mancomunidades e entidades locais menores da provincia, co propósito de mellorar o coñecemento e o uso social da lingua propia. A formación combinará sesións presenciais con recursos en liña e estará aberta ao conxunto da cidadanía. A institución provincial busca así reforzar a presenza cotiá do valenciano e facilitar que a poboación adulta poida aprendelo, perfeccionalo e empregalo con normalidade.

Fonte: Valencia Plaza

Comunidade Valenciana

O Pacto Nacional pola Lingua recibe unha distinción polo seu impulso ao catalán como elemento vertebrador da sociedade

A Asociación Catalá da Prensa Comarcal distinguiu o Pacto Nacional pola Lingua co seu premio anual polo apoio á prensa de proximidade e pola defensa do catalán. O recoñecemento salienta a contribución do acordo á cohesión social, ao incremento dos usos lingüísticos e á consideración da lingua como patrimonio compartido. A distinción coincide co primeiro ano de despregamento do Pacte, que xa completou máis do 62% das 206 actuacións previstas.

Fonte: Catalunya Press

Cataluña

Alertan da perda da toponimia tradicional leonesa

A toponimia tradicional leonesa afronta un proceso de perda e substitución que afecta tanto a nomes de lugares como de montes, segundo denuncian persoas expertas e entidades culturais. Esta situación está vinculada ao desprestixio histórico do asturleonés, relegado ao ámbito familiar e sen apoio institucional abondo malia estar recoñecido como patrimonio que cómpre protexer. Cómpre, pois, recuperar os nomes propios do territorio, xa que neles se conserva memoria lingüística, paisaxística e cultural. Ademais, alertan de que a tecnoloxía e a cartografía dixital poden acelerar a desaparición destas formas se non se crea unha estratexia pública e social para preservalas.

Fonte: iLeón

Castela e León

Ábrese a consulta pública sobre o decreto que regulará a lingua de signos catalá

A Generalitat de Cataluña abriu a consulta pública do decreto que regulará a avaliación e a certificación da lingua de signos catalá, co obxectivo de adaptala ás necesidades da comunidade signante. O futuro marco normativo establecerá acreditacións vinculadas aos niveis do Marco europeo común de referencia e ordenará as probas oficiais, os certificados vixentes e os requisitos do persoal avaliador.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

O Concello de Alcoi lanza unha campaña para animar o alumnado a ler en valenciano

O Concello de Alcoi promove a lectura en valenciano entre a infancia e a mocidade cunha serie de recomendacións literarias elaborado polo Gabinete Municipal de Normalización Lingüística. A proposta, dirixida ao alumnado dos centros educativos da cidade, organiza as obras por etapas e incorpora tanto títulos xuvenís internacionais como creacións de autoría local.

Fonte: Ajuntament d'Alcoi

Comunidade Valenciana

O Concello de Barcelona reforzará o uso do catalán nos barrios máis afectados pola xentrificación

A medida prevé informar a nova veciñanza, no momento do empadroamento, dos recursos dispoñibles para aprender e practicar a lingua. No ámbito comercial, o consistorio intensificará o seguimento do cumprimento da normativa lingüística, en especial na rotulación e na información destinada ás persoas consumidoras. Ademais, impulsaranse accións formativas para persoal de sectores con atención ao público e actualizaranse os materiais municipais dirixidos aos establecementos.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder