España
O proxecto Rossinyol celebra os seus vinte anos de integración lingüística e cohesión social

O Proxecto Rossinyol da Universidade de Xirona celebrou vinte anos de traxectoria promovendo a integración lingüística e a cohesión social entre alumnado de orixe estranxeira. O programa, que vincula estudantes universitarios con crianzas e adolescentes mediante encontros semanais, consolidouse como unha referencia ao ter chegado a vinte municipios e a milleiros de participantes. As institucións salientan o seu papel na aprendizaxe do catalán e na creación de vínculos comunitarios que favorecen a igualdade de oportunidades.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A aprendizaxe do catalán incorpórase por vez primeira aos plans de formación da carreira xudicial

O Consello Xeral do Poder Xudicial e a Generalitat de Cataluña formalizaron dous convenios para reforzar a formación da carreira xudicial, entre a que se inclúe por vez primeira a aprendizaxe e o perfeccionamento do catalán nos plans de formación continua. A oferta contemplará dous cursos, de nivel inicial e intermedio, abertos a xuízas, xuíces e alumnado da Escola Xudicial con independencia do seu destino.
Fonte: Poder Judicial
A Generalitat de Cataluña convoca axudas para reforzar a presenza do catalán nas tecnoloxías emerxentes e consolidalo no ecosistema dixital

O Departamento de Política Lingüística abriu o prazo para solicitar axudas destinadas a impulsar o uso do catalán no ámbito tecnolóxico e dixital, dirixidas a empresas e entidades sen ánimo de lucro con proxectos neste eido. As subvencións, que poderán cubrir até o 70 % do custo cun máximo de 60 000 euros, distinguirán entre iniciativas para integrar a lingua en produtos tecnolóxicos e as orientadas ao desenvolvemento de ferramentas dixitais e tecnoloxías lingüísticas. O programa, de carácter bienal, priorizará propostas con impacto no ámbito da saúde, a aprendizaxe e a intelixencia artificial.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A plataforma MyCulture+ incorpora corenta pezas audiovisuais en aragonés
A incorporación de corenta pezas audiovisuais en aragonés á plataforma MyCulture+ supón un novo avance para a visibilidade e o recoñecemento social desta lingua minorizada, cuxa continuidade depende en boa medida do compromiso da propia comunidade falante. A iniciativa permitirá dotar o aragonés dun espazo propio nun servizo internacional especializado en contidos en linguas non hexemónicas.
Fonte: Aragón Digital
Convócanse axudas para a tradución de obras entre linguas oficiais do Estado

O Ministerio de Cultura abriu unha nova convocatoria de subvencións, dotada con 200 000 euros, para impulsar a tradución de libros entre as distintas linguas oficiais do Estado e favorecer así a circulación interna das obras literarias. As axudas diríxense sobre todo ás editoras que aposten por publicar títulos nunha lingua diferente da orixinal, co propósito de fortalecer a diversidade cultural e achegar ao lectorado creacións procedentes doutras tradicións literarias.
Fonte: Iris Press
ETB1 ON emitirá doce horas de programación infantil en éuscaro de xeito ininterrompido
EITB reforzará desde a semana do 13 de abril a oferta infantil en éuscaro en aberto ao duplicar o sinal de ETB1 ON, que emitirá por TDT doce horas continuadas de contidos de Makusi entre as 07.00 e as 19.00. A corporación pública prevé crear un foro estable de diálogo con axentes vinculados á lingua para compartir estratexias arredor da dixitalización e do impulso do audiovisual en éuscaro.
Fonte: EITB
O Plan de acollida lingüística do Hospital Clínic amplíase para reforzar o uso do catalán entre todo o persoal
O Hospital Clínic de Barcelona ampliará o seu Plan de acollida lingüística e cultural para chegar a todas as persoas residentes, o que permitirá implicar máis de 400 profesionais sanitarios na súa segunda edición. A iniciativa pretende mellorar a integración e a comunicación coa cidadanía mediante o reforzo do uso do catalán, combinando formación lingüística, parellas de aprendizaxe e actividades culturais.
Fonte: Diari de la Llengua
Ponse en marcha o proxecto Frec, a primeira infraestrutura aberta para conectar servizos dixitais en catalán coa IA
O proxecto Frec abre unha nova vía para integrar o catalán no ámbito da intelixencia artificial ao ofrecer unha plataforma aberta que permite conectar servizos dixitais con modelos lingüísticos sen depender de provedores externos. A ferramenta, presentada en Barcelona e xa probada en contornos reais, posibilita executar accións como facer reservas, enviar mensaxes ou consultar bases de datos en lingua propia e cunha arquitectura interoperable.
Fonte: Diari de la Llengua
O Girona FC aposta polo fomento do catalán a través dunha serie de actuacións que reforzarán a súa presenza na entidade

O Girona FC e a Plataforma per la Llengua asinaron un convenio de colaboración para impulsar o uso e a normalización do catalán, especialmente no ámbito deportivo. O club reafirma así unha política lingüística xa consolidada, na que o catalán ocupa un lugar central tanto na comunicación interna como nas relacións públicas, incluídas redes sociais e eventos. Ambas as partes subliñan o valor do deporte e do lecer como espazos clave para reforzar o uso social da lingua e confían en que esta alianza sirva de referente para outras entidades.
Fonte: Girona FC
O Goberno balear aproba un plan para impulsar a proxección exterior da lingua e a cultura catalás
O Goberno balear aprobou o Plan de actuación do Instituto de Estudos Baleáricos para 2026, unha folla de ruta coa que reforzará a proxección exterior da cultura e da lingua catalás, ao tempo que manterá o apoio á edición, á creación literaria e á mobilidade de artistas das illas. O organismo seguirá acompañando os sectores creativos na súa presenza en feiras e mercados internacionais e continuará, ademais, a colaboración con institucións académicas en iniciativas de carácter lingüístico e patrimonial. Entre as novidades figura a elaboración da Enquisa de usos lingüísticos das Illas Baleares, chamada a ofrecer unha radiografía actual da realidade sociolingüística e a orientar con maior precisión as políticas de normalización.
Fonte: Govern de les Illes Balears
Boletín
Subscríbase ao boletín