España
Ábrese a consulta pública sobre o decreto que regulará a lingua de signos catalá
A Generalitat de Cataluña abriu a consulta pública do decreto que regulará a avaliación e a certificación da lingua de signos catalá, co obxectivo de adaptala ás necesidades da comunidade signante. O futuro marco normativo establecerá acreditacións vinculadas aos niveis do Marco europeo común de referencia e ordenará as probas oficiais, os certificados vixentes e os requisitos do persoal avaliador.
Fonte: Diari de la Llengua
O Concello de Alcoi lanza unha campaña para animar o alumnado a ler en valenciano
O Concello de Alcoi promove a lectura en valenciano entre a infancia e a mocidade cunha serie de recomendacións literarias elaborado polo Gabinete Municipal de Normalización Lingüística. A proposta, dirixida ao alumnado dos centros educativos da cidade, organiza as obras por etapas e incorpora tanto títulos xuvenís internacionais como creacións de autoría local.
Fonte: Ajuntament d'Alcoi
O Concello de Barcelona reforzará o uso do catalán nos barrios máis afectados pola xentrificación
A medida prevé informar a nova veciñanza, no momento do empadroamento, dos recursos dispoñibles para aprender e practicar a lingua. No ámbito comercial, o consistorio intensificará o seguimento do cumprimento da normativa lingüística, en especial na rotulación e na información destinada ás persoas consumidoras. Ademais, impulsaranse accións formativas para persoal de sectores con atención ao público e actualizaranse os materiais municipais dirixidos aos establecementos.
Fonte: Diari de la Llengua
Unha campaña anima as familias baleares a escolarizar os seus fillos en catalán como lingua de primeira ensinanza
A Obra Cultural Balear lanzou a campaña ‘Tria català’ para o curso 2026-2027, dirixida a familias que escolarizarán aos seus fillos e fillas aos tres anos, co obxectivo de promover a elección do catalán como primeira lingua de ensino. A iniciativa destaca os beneficios da consolidación oral do catalán na etapa infantil, vinculada á aprendizaxe posterior de lectura e escritura, e considera a lingua propia de Baleares como instrumento de cohesión social e igualdade de oportunidades. O material informativo está dispoñible en varios idiomas e pretende implicar tamén os equipos directivos e á comunidade educativa na súa difusión.
Fonte: Canal 4 Diario
O Goberno vasco convoca axudas para fomentar o uso do éuscaro nos centros concertados
O Consello de Goberno aprobou a convocatoria de axudas EUSKARARTEA para o curso 2026-2027, cun orzamento de 190.000 euros, co fin de impulsar o uso do éuscaro nos centros concertados de Euskadi. As subvencións permitirán desenvolver actividades educativas, culturais e comunitarias que promovan a lingua e a cultura vasca, tanto dentro como fóra do aula, incluíndo teatro, música, bertsolarismo, narración oral, creación audiovisual ou proxectos comunitarios. Ademais, a iniciativa fomenta intercambios entre centros de Euskadi, Navarra e Iparralde para favorecer o uso do éuscaro en distintos contextos sociolingüísticos.
Fonte: Gobierno Vasco
Novelda presenta unha nova edición do Festival Llengües Sonores, unha iniciativa de promoción da música en valenciano
O Festival Llengües Sonores regresará o sábado 4 de xullo cunha noite de música en directo en valenciano. O evento contará coa participación de Romàntic Dimoni, Esther e Naina, en representación de diferentes estilos da escena musical valenciana. A iniciativa busca fomentar o uso do valenciano mediante a música, destacando a creatividade e a diversidade da produción artística nesta lingua. Ademais, promóvese como un espazo de encontro e cohesión social, que consolida o valenciano como vehículo de expresión cultural.
Fonte: Ayuntamiento de Novelda
O catalán incorpórase aos idiomas dispoñibles nos menús da nova gama de televisores de Samsung

Samsung incorpora o catalán como idioma nos menús da súa nova gama de televisores 2026. A medida afecta menús, navegación e manuais dixitais, co que consolida a presenza do catalán nas pantallas domésticas e responde así á demanda dunha comunidade dixital activa. Esta decisión segue a outros avances recentes en automoción, onde marcas como BYD, SEAT/CUPRA e Ebro/Omoda/Jaecoo integraron o catalán nos seus sistemas.
Fonte: Diari de la Llengua
A Generalitat de Cataluña lanza un plan de actuación para consolidar o catalán como lingua de uso habitual na sanidade

O Departamento de Saúde presenta o Plan de actuación 2026 para consolidar o uso do catalán no sistema sanitario público. O documento establece medidas organizativas, xurídicas e formativas para profesionais sanitarios, así como mecanismos para garantir os dereitos lingüísticos das persoas usuarias. Como novidade, incorpora un eixe centrado na gobernanza e seguimento, con órganos específicos que permitan avaliar, orientar prioridades e reforzar a rendición de contas. Con estas accións, búscase fortalecer a presenza e a normalización do catalán en todos os ámbitos da atención sanitaria.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Concello de Vitoria-Gasteiz ofertará cursos de éuscaro destinados a diferentes colectivos
O Concello de Vitoria-Gasteiz impartirá cursos de éuscaro para diversos colectivos, cun investimento de 960.000 euros e un período de execución entre xullo de 2026 e xuño de 2028. A oferta, incluída nos plans AROA e de Normalización Lingüística, abrangue familias con fillos en idade escolar, persoas maiores de 55 anos, persoal municipal, persoal de comercio e hostalería, e cidadanía estranxeira. As clases serán presenciais e adaptadas a distintos niveis e necesidades formativas, e incluirán probas de nivel para acreditación.
O Consell realizará unha nova enquisa sobre o uso e o coñecemento do valenciano
O Consell encargoulle á firma valenciana Invest Group a realización dunha nova enquisa sobre o uso e o coñecemento do valenciano, cun investimento de 172.248 euros, co obxectivo de recoller datos do presente exercicio. O estudo, incluído no Plan Valenciano de Estatística 2025-2028, implicará 8043 entrevistas a domicilio con persoas maiores de 15 anos, seguindo un cuestionario definido pola Subdirección Xeral de Política Lingüística. O proxecto busca ofrecer unha fotografía completa do estado da lingua no territorio, con informes xerais e específicos para análise detallada.
Fonte: Valencia Plaza
Boletín
Subscríbase ao boletín