España
Ponse en marcha en Cadaqués unha campaña para dar a coñecer o catalán entre as persoas visitantes
O Concello de Cadaqués puxo en marcha unha campaña para achegar o catalán ás persoas visitantes mediante carteis e folletos con expresións básicas traducidas a varias linguas. A iniciativa, que incorpora gravacións de pronunciación a través dun código QR, busca divulgar a realidade lingüística e cultural do municipio desde unha perspectiva de acollida e descubrimento.
Fonte: Diari de la Llengua
A Generalitat de Cataluña consolida os seus programas formativos de catalán dirixidos aos profesionais do sistema sanitario
O Departamento de Saúde de Cataluña reforza a formación en catalán do persoal sanitario mediante os programas «Prescriu-te el català» e «T’acollim», que combinan cursos en liña, certificación oficial e contidos de acollida profesional. A iniciativa busca mellorar a comunicación asistencial, garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía e promover boas prácticas nos centros sanitarios.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Preséntase o InformeCAT 2026, que sinala que só unha quinta parte da poboación se dirixe en catalán a persoas descoñecidas
O InformeCAT 2026 advirte de que o hábito de abandonar o catalán nas interaccións con persoas descoñecidas dificulta a integración lingüística e debilita o seu papel como lingua de cohesión social. Malia este retroceso, o estudo salienta que o catalán conserva un elevado prestixio social, gaña presenza no ámbito dixital e continúa a rexistrar avances institucionais que poden contribuír a fortalecer o seu uso.
Fonte: Diari de la Llengua
O Concello de Mequinenza e a Academia Aragonesa da Lingua asinan un convenio para preservar o patrimonio lingüístico de Aragón
O Concello de Mequinenza e a Academia Aragonesa da Lingua asinaron un convenio de catro anos para reforzar a protección e a difusión do catalán falado no municipio. O acordo, primeiro deste tipo cun concello catalanófono de Aragón, impulsará investigacións, actividades divulgativas e unha comisión de seguimento para coordinar as accións previstas.
Fonte: Aragón Digital
A lingua asturiana e o eonaviego logran o recoñecemento de especialidade docente
O Principado de Asturias e o Ministerio de Educación acordaron crear a especialidade docente de lingua asturiana e eonaviego, unha reivindicación histórica que permitirá convocar prazas e reducir a precariedade dun profesorado marcado pola interinidade. A medida tamén reforzará a presenza destas linguas no ensino, nun contexto no que a matrícula medrou un 34,2 % e superou as 30.000 persoas no último curso.
Fonte: Principado de Asturias
Convócase a quinta edición da incubadora de series en catalán Serielizados Kick
Serielizados Kick abriu a convocatoria da súa quinta edición, coa que seleccionará dez proxectos inéditos de series, webseries ou miniseries de ficción en catalán. Cada proposta recibirá apoio económico, formación especializada e unha residencia creativa, antes de se presentar ante profesionais do sector nun foro final que busca facilitar o seu desenvolvemento e reforzar a creación audiovisual en lingua catalá.
Fonte: Audiovisual 451
O Concello de Bilbao e Euskaltzaindia reeditan o seu acordo de colaboración para a promoción do éuscaro
O Concello de Bilbao e Euskaltzaindia renovaron o seu convenio para promover e normalizar o uso do éuscaro en todos os barrios da cidade. O acordo inclúe asesoramento lingüístico e a organización de actividades culturais, como teatro, xornadas e publicacións, co obxectivo de reforzar a presenza social da lingua.
Fonte: Bilboko Udala
Un estudo constata unha forte interferencia do inglés e do castelán no catalán empregado nas actividades dos ximnasios
O Instituto de Estudos Cataláns advirte, tras analizar vídeos de monitorado de ximnasio, dunha forte interferencia do castelán e do inglés no catalán empregado nas clases. O informe sinala carencias fonéticas, morfolóxicas, sintácticas e léxicas, ademais dun uso insuficiente da terminoloxía deportiva propia, polo que reclama maior coidado do rexistro profesional e máis conciencia lingüística no sector.
Fonte: Diari de la Llengua
Reclámanlle ao Ministerio de Transportes que se respecte o topónimo oficial de Palma na denominación do aeroporto
A Obra Cultural Balear reclamoulle ao Ministerio de Transportes que modifique o nome oficial do aeroporto de Palma para axustalo á toponimia vixente. A entidade propón as fórmulas Aeroporto de Palma (Mallorca) ou Aeroporto de Palma-Mallorca, co fin de manter a referencia á illa sen empregar unha denominación da cidade que considera allea á legalidade actual.
Fonte: Diari de la Llengua
Preséntase Saladina, o proxecto de adaptación do método de aprendizaxe de catalán “A punt” ás Baleares
O Instituto de Estudos Baleáricos presentou Saladina 2, a adaptación ás Illas Baleares do método “A punt” para a aprendizaxe do catalán no nivel A2. O material, dirixido a persoas adolescentes e adultas, aposta por un ensino comunicativo e vinculado ao contexto social e cultural balear, con contidos actuais, traballo colaborativo e voces das distintas illas nos audios.
Fonte: Govern de les Illes Balears
Boletín
Subscríbase ao boletín