España
O Parlamento navarro insta a implantar nos centros educativos carteis bilingües en éuscaro e castelán
O Parlamento de Navarra aprobou instar o Departamento de Educación a implantar sinalización e carteis bilingües en castelán e éuscaro nos centros educativos públicos da comunidade. A medida dará prioridade aos colexios nos que se emprega o éuscaro nos modelos lingüísticos A, B e D, tanto na sinalización física como dixital.
Fonte: Magisnet
O TSXPV anula o decreto que regula o uso do éuscaro no sector público vasco
O TSXPV anulou o Decreto 19/2024 sobre a normalización do uso do éuscaro no sector público vasco ao considerar insuficiente a memoria económica que acompañou a súa tramitación. A sentenza, que aínda non é firme, estima parcialmente o recurso presentado por Vox e cuestiona a falta dunha avaliación económica detallada das medidas previstas. Porén, o tribunal desbotou outros argumentos do recurso relacionados coa cooficialidade lingüística e a igualdade ante a lei.
Fonte: Poder Judicial
Un grupo de axencias impulsa unha iniciativa para fortalecer a comunicación e a publicidade en éuscaro

Seis axencias de comunicación crearon Markalariak, unha comunidade profesional que busca fortalecer o ecosistema creativo vasco e situar o éuscaro no centro da comunicación e da publicidade. A iniciativa aposta por compartir coñecementos, crear sinerxías, atraer novas xeracións e representar os intereses comúns do sector. Desde a súa creación, xa celebrou dous encontros destinados a conectar profesionais e favorecer a colaboración arredor da comunicación en éuscaro.
Fonte: Gobierno Vasco
O Goberno vasco inicia o procedemento para recoñecer o éuscaro como Ben Cultural Inmaterial de Protección Especial
O Goberno vasco iniciou este procedemento polo papel do éuscaro na creación e transmisión da cultura vasca. A declaración pretende reforzar o seu recoñecemento xurídico e patrimonial, ao destacar a súa función na conservación de tradicións, coñecementos e expresións culturais. Tras a publicación do expediente, abrirase un período de información pública antes de decidir sobre a súa aprobación definitiva.
Fonte: Gobierno Vasco
A Universidade de Barcelona pon en marcha unha campaña para consolidar a presenza do catalán na institución

A Universidade de Barcelona inicia este curso o despregamento do II Plan de Dinamización Lingüística para reforzar o uso do catalán na docencia, a investigación e a vida universitaria. Farao mediante a campaña «La UB es mou pel català» que incluirá máis de trinta actuacións, entre elas informar sobre os dereitos lingüísticos e garantir a transparencia sobre a lingua das clases. O plan tamén implicará as facultades e diversos colectivos da comunidade universitaria para consolidar o catalán en todos os ámbitos da institución.
Fonte: Universitat de Barcelona
O Grupo Noticias e Euskaltzaindia colaborarán para enriquecer o Corpus de Referencia do Éuscaro
O Grupo Noticias e Euskaltzaindia asinaron un acordo de colaboración para incorporar os contidos en éuscaro dos seus medios ao Corpus de Referencia do Éuscaro, co obxectivo de ampliar os recursos dispoñibles para o estudo da lingua. Os textos serán utilizados para a súa indexación, análise estatística e tratamento lexicográfico, o que contribuirá a coñecer mellor os usos reais do idioma e a enriquecer as ferramentas lingüísticas da Academia.
Fonte: Euskaltzaindia
Preséntanse os resultado dunha enquisa sobre usos lingüísticos en Manresa

O Concello de Manresa presentou unha enquisa sobre os usos lingüísticos que sitúa o catalán como a lingua habitual da metade da poboación, por riba da media de Cataluña. O estudo revela, porén, unha tendencia a cambiar cara ao castelán nas conversas bilingües, polo que a cidade impulsou a campaña «No canviïs mai» para fomentar o mantemento do catalán nos intercambios cotiáns e reforzar o uso social desta lingua como elemento de cohesión.
Fonte: Ajuntament de Manresa
O Concello de Pamplona organiza unha consulta para recibir achegas á creación do regulamento do Consello Municipal do Éuscaro
O Concello de Pamplona abriu unha consulta pública previa á creación do Regulamento Orgánico do Consello Municipal do Éuscaro, co fin de incorporar achegas da cidadanía e das entidades interesadas. O órgano, previsto no primeiro Plan de Normalización Lingüística municipal (2027-2031), terá funcións consultivas, de asesoramento e seguimento das políticas lingüísticas. A súa creación busca reforzar os dereitos lingüísticos e favorecer unha maior presenza e prestixio social do éuscaro na cidade.
Fonte: Iruñeko Udala
CC. OO. adhírese a Compendium.cat, o portal de recursos de linguaxe xurídica e administrativa en lingua catalá
CC. OO. de Catalunya incorporouse a Compendium.cat, o portal do Consello da Avogacía Catalá que reúne recursos para facilitar o uso profesional do catalán nos ámbitos xurídico e administrativo. O acordo busca favorecer que as persoas traballadoras poidan empregar a lingua catalá con normalidade e seguridade no contorno laboral.
Fonte: Diari de la Llengua
O Concello de Donostia organiza unha actividade en liña para mellorar o nivel de éuscaro do alumnado
O Servizo de Éuscaro do Concello de Donostia-San Sebastián ofrecerá de outubro a maio a actividade en liña MintzaOn, destinada a rapaces e rapazas de 8 a 14 anos con coñecementos previos de éuscaro. A proposta gratuíta busca reforzar a expresión oral mediante xogos, retos, música e conversas en pequenos grupos, fóra do horario escolar. Preto de 350 participantes poderán practicar a lingua semanalmente, con dúas modalidades adaptadas ás diferentes idades.
Fonte: Donostiako Udala
Boletín
Subscríbase ao boletín