España

Bermeo ofrece axudas para aprender éuscaro e obter o permiso de conducir nesta lingua

O Concello de Bermeo abriu unha nova convocatoria de axudas para fomentar a aprendizaxe do éuscaro e o seu uso na obtención do permiso de conducir. As subvencións para cursos poderán chegar aos 300 euros por formación e aos 500 euros no caso de realizar varias, mentres que superar o exame teórico do permiso B en éuscaro dará dereito a unha axuda de 150 euros.

Fonte: Radio Popular

País Vasco

Profesorado da Universidade Politécnica de Valencia demanda maior presenza do valenciano na docencia

Preto de 300 docentes da Universidade Politécnica de Valencia reclamáronlle ao reitorado unha maior presenza do valenciano na docencia e o respecto dos dereitos lingüísticos do alumnado. O colectivo PDIxValencià denuncia que só o 6,3 % das clases se imparten oficialmente nesta lingua e que, na práctica, a porcentaxe descende ata arredor do 3 %. Por iso, pide adecuar a oferta ás preferencias do alumnado e garantir que as materias catalogadas en valenciano se impartan efectivamente nesta lingua.

Fonte: Diari de la Llengua

Comunidade Valenciana

A xustiza vasca establece que a cualificación de éuscaro debe computar nas probas de acceso á universidade

O Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco estimou un recurso da Universidade do País Vasco e deixou sen efecto as medidas cautelares que permitían a determinados estudantes non computar a cualificación de éuscaro nas probas de acceso á universidade. O tribunal considera que excluír unha materia obrigatoria do cálculo da nota podería xerar unha situación de privilexio respecto do resto do alumnado.

Fonte: Orain

País Vasco

A Universidade do País Vasco organiza cursos gratuítos de éuscaro para a comunidade universitaria

A Universidade do País Vasco ofrecerá cursos gratuítos de éuscaro para alumnado, persoal investigador e docente durante o curso 2026-2027, tanto en modalidade presencial como en liña. A formación, con niveis básico, intermedio e avanzado, busca facilitar a integración lingüística na comunidade universitaria e favorecer o uso do idioma tamén na vida cotiá.

Fonte: Universidad del País Vasco

País Vasco

Un informe analiza a presenza do catalán nos usos dixitais cotiáns

O catalán está presente no 42 % dos usos dixitais cotiáns, segundo o Informe Galàxia, que analiza 342 ferramentas web empregadas en diferentes ámbitos. A presenza é especialmente elevada en mapas, comunicación e produtividade, pero descende notablemente na intelixencia artificial, a creación de contidos e a saúde. O estudo advirte ademais de que plataformas como LinkedIn, Instagram ou Duolingo carecen de versión en catalán malia ofreceren outras linguas con comunidades de falantes semellantes.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

A Universidade de Valencia publica a Gramática do catalán antigo

A Gramática do catalán antigo é a primeira obra que aborda de maneira completa e sistemática o estudo do catalán medieval. A publicación, composta por cinco volumes e preto de 5000 páxinas, reúne o traballo de máis de sesenta especialistas e analiza aspectos como a sintaxe, a morfoloxía, o léxico e a evolución histórica da lingua. O proxecto, froito dunha ampla colaboración universitaria, aspira a converterse nunha obra de referencia para o estudo do catalán medieval.

Fonte: Diari de la Llengua

Comunidade Valenciana

Apróbase un decreto para renovar a gobernanza do catalán no ámbito dixital

O Goberno de Cataluña aprobou un decreto para reforzar a gobernanza do catalán no ámbito dixital e adaptala ao impacto da intelixencia artificial e das tecnoloxías lingüísticas. A norma crea un consello asesor que reunirá Administración, sector tecnolóxico, universidades, investigación e sociedade civil, así como unha comisión interdepartamental encargada de coordinar as actuacións públicas. O obxectivo é impulsar e supervisar medidas que reforcen a presenza do catalán no ecosistema dixital.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

A Generalitat Valenciana destina axudas a dúas entidades para fomentar o uso do valenciano

A Generalitat Valenciana destinou 80.000 euros a promover o uso do valenciano mediante dous convenios con entidades sociais, que recibirán 40.000 euros cada unha. As entidades beneficiarias son a Federación Valenciana de Municipios e Provincias (FVMP) e a Federación de Persoas Xordas da Comunidade Valenciana (FESORD-CV).

Fonte: Castelló Extra

Comunidade Valenciana

A Generalitat e a Unión de Federacións Deportivas de Cataluña estudan vías de colaboración para fomentar o uso do catalán no deporte

A Unión de Federacións Deportivas de Cataluña e o Departamento de Política Lingüística estudan vías para reforzar o uso do catalán no deporte, especialmente entre a infancia, a mocidade e as persoas chegadas de fóra. As entidades sinalan que só o 14 % dos adestramentos se desenvolven maioritariamente en catalán, malia que o 98,2 % das persoas participantes pode comunicarse nesta lingua. A proposta pretende situar os adestramentos e o papel das persoas adestradoras como ámbitos prioritarios para aumentar o uso efectivo do catalán.

Fonte: UFEC

Cataluña

Convócase unha nova edición dos Premios Lazarraga que recoñecen o labor a prol do éuscaro das empresas arabesas

Os Premios Lazarraga convocan a súa novena edición para recoñecer empresas, entidades e persoas de Áraba e Treviño que promovan o uso do éuscaro no ámbito laboral. A iniciativa, integrada no proxecto Lanabes, concederá cinco recoñecementos a candidaturas que incorporen a lingua na súa actividade e contribúan a ampliar a súa presenza no tecido económico. O prazo para presentar propostas permanecerá aberto ata o 25 de outubro e a entrega terá lugar o 12 de novembro.

Fonte: Diputación Foral Álava

País Vasco

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder