España

O Goberno vasco, a Deputación Foral de Bizkaia e a Fundación Labayru asinan un acordo para colaborar en materia lingüística

As tres institucións vascas estableceron un convenio marco de colaboración para apoiar programas de lexicografía e impulso do Corpus do éuscaro biscaíño. O acordo tamén recolle a formación de persoal investigador en lingüística e a cooperación con universidades e institucións académicas. A iniciativa dá continuidade a máis de dúas décadas de colaboración para a investigación, difusión e promoción da lingua e da cultura vascas.

Fonte: Diputación Foral de Bizkaia

País Vasco

Un caderno con pictogramas axudará a comercios e restaurantes valencianos a atender persoas con necesidades especiais

Valencia impulsa a accesibilidade comunicativa no comercio e a hostalaría cun manual de pictogramas elaborado pola Oficina Técnica de Accesibilidade na Comunicación (OTAC) para facilitar a atención a persoas con dificultades de comunicación. O recurso reúne vocabulario e accións cotiás mediante taboleiros visuais e estará dispoñible tanto en formato impreso como dixital. A iniciativa busca trasladar os sistemas aumentativos e alternativos de comunicación aos espazos comerciais e de atención ao público.

Fonte: Valencia Extra

Comunidade Valenciana

Preséntase un dicionario trilingüe en éuscaro, árabe e bérber

A Deputación Foral de Áraba e o Consello de Euskalgintza de Aiaraldea presentan a metodoloxía ZUBI, orientada a facilitar o achegamento ao éuscaro de persoas con diferentes orixes lingüísticas e culturais. Entre os materiais desenvolvidos destaca un dicionario trilingüe en éuscaro, árabe e bérber, pensado para favorecer a comunicación cotiá e xerar un primeiro contacto positivo coa lingua. A iniciativa vincula a promoción do éuscaro coa interculturalidade e concibe a lingua como unha ferramenta para crear relacións e reforzar a convivencia.

Fonte: Norte Exprés

País Vasco

Publícase un dicionario de peto para achegar o éuscaro ás persoas estranxeiras

Alkarbide, co apoio da Deputación Foral de Bizkaia, publicou un dicionario práctico para facilitar o achegamento das persoas inmigrantes ao éuscaro. A publicación reúne vocabulario e expresións básicas en éuscaro e en once linguas, entre elas o galego, e organiza os contidos por temas da vida cotiá. O proxecto, no que participan oito municipios biscaíños, incorpora tanto éuscaro batua como variedades do éuscaro biscaíño.

Fonte: Bizkaiko Foru Aldundia

País Vasco

Segundo un estudo, a presenza do catalán é moi desigual na Universidade das Illas Baleares en función das áreas de coñecemento e os graos

A presenza do catalán na docencia dos graos da Universidade das Illas Baleares é moi desigual segundo as áreas de coñecemento, segundo o primeiro estudo realizado pola institución. A lingua propia é maioritaria en ámbitos como Artes e Humanidades, Educación e Enxeñaría, mentres que a súa presenza é especialmente reducida en Ciencias da Saúde, Turismo e algúns graos empresariais e xurídicos. O estudo tamén mellora a dispoñibilidade de datos sobre a lingua docente, que pasou do 74,32 % ao 88,44 % das horas analizadas.

Fonte: Diari de la Llengua

Illas Baleares

Barcelona acolle un encontro para actualizar a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos

A primeira reunión de especialistas internacionais para actualizar a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos celebrouse en Barcelona, trinta anos despois da súa proclamación. O proceso busca adaptar a protección dos dereitos lingüísticos aos novos retos do século XXI, como a dixitalización, a intelixencia artificial, as migracións e os desprazamentos forzados. O novo texto, previsto para 2027, pretende chegar posteriormente á ONU e á Unesco como referencia internacional para a defensa da diversidade lingüística.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

O Concello de Lasarte-Oria aproba o novo marco estratéxico para a revitalización do éuscaro

O Concello de Lasarte-Oria aprobou AROA 2026-2030, o novo marco estratéxico para a revitalización do éuscaro, que reúne 28 actuacións en cinco eixes: gobernanza, actitudes e motivación, coñecemento e capacitación, uso e interacción, e investigación e análise. O plan parte dun diagnóstico e dun proceso participativo e busca reducir a distancia entre o coñecemento da lingua e o seu uso habitual. As medidas abranguen ámbitos como a educación, as familias, o deporte, a cultura, o comercio, a hostalaría, o lecer e a Administración municipal.

Fonte: Ayuntamiento de Lasarte-Oria

País Vasco

O Concello de Legazpi pon en marcha un programa co que crear oportunidades para falar éuscaro

O programa Mintzalagun volve a Legazpi para ofrecerlle á cidadanía espazos informais nos que practicar o éuscaro e gañar confianza no seu uso cotián. A iniciativa reúne en pequenos grupos persoas que queren mellorar a súa expresión oral con falantes habituais, sen clases nin exames, mediante conversas e actividades de lecer. Nesta edición faise un chamamento especial á participación da mocidade.

Fonte: Legazpi Udala

País Vasco

A Associació de Mitjans d’Informació i Comunicació convoca novas edicións dos concursos para impulsar proxectos en catalán entre a mocidade

A AMIC puxo en marcha novas edicións dos certames AMIC-Directes e AMIC-Ficcions, dirixidos a mozos e mozas de 14 a 18 anos para impulsar a creación audiovisual e literaria en catalán. O primeiro anima a producir directos e videopódcasts en Twitch ou YouTube, mentres que o segundo propón crear unha historia propia en tres capítulos. As iniciativas buscan fomentar a creatividade da mocidade e ampliar o uso do catalán nos novos formatos dixitais.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

Bielsa acolle unhas xornada dedicadas ao coñecemento e á transmisión do aragonés

Nestas xornadas, que se desenvolveron entre o 16 ao 18 de outubro, participaron especialistas e persoas falantes de diferentes territorios. Os encontros combinaron relatorios, coloquios e presentacións de publicacións, coa intención de reforzar o uso da lingua e favorecer a súa continuidade entre xeracións.

Fonte: Sobrarbe Digital

Aragón

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder