España
O Concello de Tremp impulsa un plan para potenciar a presenza do catalán en todos os ámbitos
O Concello de Tremp elaborou o Plan local de impulso do catalán para reforzar o coñecemento, o uso e a presenza da lingua nos diferentes ámbitos da vida municipal. O documento parte dunha diagnose sociolingüística e establece medidas coordinadas que implicarán a Administración local, os centros educativos, as entidades sociais e culturais e o tecido comercial. A iniciativa busca consolidar o catalán como lingua institucional, de cohesión social e de participación cidadá.
Fonte: La Ciutat
O número de pódscast en catalán experimentou un forte crecemento nos últimos anos

O número de pódcast activos en catalán medrou de 26 en 2016 a 479 en 2024, segundo o primeiro Anuari del Pòdcast en Català, aínda que en 2025 a cifra baixou a 422. O estudo sinala a consolidación e a profesionalización dun sector que tamén contribúe á normalización da lingua no ámbito dixital, ao facilitar a creación de comunidades e a chegada a novos públicos.
Fonte: Diari de la Llengua
O Goberno vasco inicia un proceso de escoita á sociedade para comprender a súa relación co éuscaro

O Goberno vasco puxo en marcha Euskararen Ahotsak, un proceso de escoita social integrado no marco Jauzia Gara para coñecer mellor a relación da sociedade co éuscaro. A iniciativa combinará 600 entrevistas e 12 grupos de debate para analizar experiencias, percepcións e narrativas arredor da lingua. Os resultados permitirán elaborar un diagnóstico máis preciso e orientar futuras políticas de promoción do uso do éuscaro.
Fonte: Gobierno Vasco
A Universidade Politécnica de Valencia convoca axudas para impulsar a docencia e a investigación en valenciano
A Universidade Politécnica de Valencia abriu unha nova convocatoria de axudas para impulsar o uso do valenciano na docencia e na investigación durante o primeiro cuadrimestre do curso 2026-2027. O programa prevé incentivos para impartir materias en valenciano, desenvolver traballos de investigación e divulgación nesta lingua e elaborar materiais docentes escritos ou audiovisuais.
A serie Go!azen recibe un galardón polo seu labor de promoción do éuscaro entre a mocidade

A serie musical Go!azen, producida por Pausoka para EITB, recibirá o premio Abadia Saria da Deputación Foral de Gipuzkoa polo seu labor de promoción do éuscaro entre a mocidade a través do audiovisual. O galardón recoñece tamén a súa contribución á transmisión da cultura vasca e á difusión de valores como a igualdade, a inclusión e o respecto.
Fonte: EITB
O Concello de Sopela organiza tres sesións participativas para activar o uso do éuscaro entre a cidadanía
O Concello de Sopela incorpora o programa "Bizkaian bagara. Berbak zubi" para reforzar o uso cotián do éuscaro e activar a comunidade euskaltzale local. A iniciativa desenvolverá tres sesións participativas durante outubro, nas que a cidadanía analizará a situación da lingua, as oportunidades de uso e os principais retos do municipio. O proceso busca xerar novas dinámicas comunitarias que faciliten vivir en éuscaro.
Fonte: Ayuntamiento de Sopela
Unha xornada en Alacant reivindica a importancia do Atlas Lingüístico do Dominio Catalán
A Universidade de Alacant acolleu unha xornada dedicada ao Atlas Lingüístico do Dominio Catalán (ALDC), unha obra que documenta durante décadas a diversidade territorial e cultural da lingua catalá. O encontro puxo en valor o atlas como arquivo da memoria lingüística e como mostra da variación dunha lingua viva e dinámica.
Fonte: Universitat de Alacant
Convócase en Valencia unha manifestación a prol dos dereitos lingüísticos
A Comisión 9 d’Octubre convocou en Valencia unha mobilización centrada na defensa dos dereitos lingüísticos, sociais e colectivos do pobo valenciano, baixo o lema «Guanyem el país». A organización reclama garantir o ensino en valenciano e o uso normal da lingua propia en todos os ámbitos da vida cotiá. A manifestación tamén incorporará reivindicacións sobre vivenda, modelo económico, sector agrario, autogoberno e financiamento.
Fonte: Diari de la Llengua
O Goberno vasco recorrerá a sentenza que anula o decreto do éuscaro no sector público
O Goberno vasco anunciou que presentará un recurso de casación ante o Tribunal Supremo contra a sentenza do TSXPV que anulou o decreto de 2024 sobre a normalización do uso do éuscaro no sector público. A resolución xudicial cuestionou a suficiencia da memoria económica que acompañou a norma, mentres que o lehendakari defendeu que durante a súa tramitación se cumpriron os controis establecidos.
Fonte: Orain
Unha exposición na Universidade Pública de Navarra mostra a realidade lingüística dos Pireneos
A Universidade Pública de Navarra acolle a exposición Pirinioetako hizkuntzak, que achega á cidadanía a diversidade lingüística dos Pireneos a través do aragonés, catalán, occitano e éuscaro. A mostra enmárcase no convenio de colaboración entre a UPNA e Euskaltzaindia, que inclúe tamén accións de investigación, formación e promoción do éuscaro. O acordo busca reforzar a normalización da lingua vasca e a cooperación entre ambas institucións.
Boletín
Subscríbase ao boletín