España

A Associació de Mitjans d’Informació i Comunicació convoca novas edicións dos concursos para impulsar proxectos en catalán entre a mocidade

A AMIC puxo en marcha novas edicións dos certames AMIC-Directes e AMIC-Ficcions, dirixidos a mozos e mozas de 14 a 18 anos para impulsar a creación audiovisual e literaria en catalán. O primeiro anima a producir directos e videopódcasts en Twitch ou YouTube, mentres que o segundo propón crear unha historia propia en tres capítulos. As iniciativas buscan fomentar a creatividade da mocidade e ampliar o uso do catalán nos novos formatos dixitais.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

Bielsa acolle unhas xornada dedicadas ao coñecemento e á transmisión do aragonés

Nestas xornadas, que se desenvolveron entre o 16 ao 18 de outubro, participaron especialistas e persoas falantes de diferentes territorios. Os encontros combinaron relatorios, coloquios e presentacións de publicacións, coa intención de reforzar o uso da lingua e favorecer a súa continuidade entre xeracións.

Fonte: Sobrarbe Digital

Aragón

A canle televisiva La 2 Cat emitirase integramente en catalán

O Goberno de Cataluña aprobou a reserva dun espazo na TDT para que RTVE poida emitir La 2 Cat, unha canle integramente en catalán. A reorganización busca reforzar a presenza desta lingua no espazo audiovisual público e impulsar a modernización tecnolóxica da televisión.

Fonte: 20minutos

Cataluña

A Mancomunidade de Uribe Kosta organiza unha campaña para impulsar o uso do éuscaro entre a cidadanía

A Mancomunidade de Uribe Kosta puxo en marcha unha campaña para fomentar que a cidadanía empregue o éuscaro nas súas relacións coa Administración. A iniciativa, que se desenvolverá mediante carteis nos espazos municipais de Barrika, Gorliz, Lemoiz, Plentzia, Sopela e Urduliz, anima a iniciar e manter as interaccións en éuscaro. A campaña busca ampliar as oportunidades de uso da lingua e reforzar a súa normalización no ámbito administrativo.

Fonte: Mancomunidad de Uribe Kosta

País Vasco

Un convenio impulsará o uso do catalán no deporte escolar de Barcelona

Plataforma per la Llengua e o Consello do Deporte Escolar de Barcelona asinaron un convenio para promover o uso do catalán no deporte escolar. O acordo recolle, entre outros aspectos, a creación de contidos divulgativos sobre lingua e deporte e a incorporación da perspectiva lingüística nas formacións do CEEB.

Fonte: Plataforma per la Llengua

Cataluña

O Nafarroa Oinez reivindica o dereito a aprender e vivir en éuscaro en toda Navarra

Miles de persoas participaron no Nafarroa Oinez, organizado conxuntamente polas ikastolas Erentzun e San Fermín. As entidades promotoras reivindicaron o dereito a aprender e vivir en éuscaro en toda Navarra e reclamaron superar as limitacións territoriais ao seu uso. A xornada destacou a responsabilidade compartida de institucións e sociedade na normalización lingüística.

Fonte: EFE

Navarra

Beasain comparte a súa experiencia de normalización do éuscaro con representantes de dez comunidades lingüísticas

O Concello de Beasain recibiu once activistas de dez comunidades lingüísticas participantes no programa internacional Aditu, coordinado pola asociación Garabide. Durante o encontro coñeceron as políticas municipais de promoción do éuscaro e intercambiaron experiencias sobre revitalización de linguas minorizadas. O Concello explicou que destina o 5,32 % do seu orzamento á política lingüística e que desenvolve actuacións específicas para favorecer o uso do éuscaro fóra do ámbito educativo.

Fonte: Besaingo Udala

País Vasco

Plataforma per la Llengua rexistra 3645 queixas lingüísticas durante 2025

Plataforma per la Llengua rexistrou 3645 queixas por vulneracións dos dereitos lingüísticos en 2025, fronte ás 395 de 2016, cun forte incremento tamén das discriminacións graves. A sanidade sitúase como o principal ámbito de preocupación, pois concentrou 69 das 75 discriminacións documentadas nas administracións. A entidade reclama unha aplicación máis efectiva da normativa lingüística e alerta de que as dificultades para recibir atención en catalán poden afectar tamén á seguridade asistencial.

Fonte: El Món

Xeral

Segundo un estudo, o catalán sitúase como terceira lingua máis demandada nas ofertas de traballo de Cataluña

O catalán converteuse no terceiro idioma máis solicitado nas ofertas de emprego en Cataluña, presente como requisito explícito no 17,9 % das vacantes de 2025, segundo un estudo de Pimec e a UOC. A demanda medrou con forza desde 2019, cando só o 0,6 % das ofertas o esixían, un aumento que o estudo relaciona coa perda do seu carácter de coñecemento dado por suposto. Educación, atención ás persoas, hostalaría e restauración son algúns dos sectores nos que resulta máis difícil atopar profesionais cun bo nivel de catalán.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

Lanzan a primeira pulseira de saúde que funciona en todas as linguas oficiais do Estado

A empresa DuckDik lanzou unha pulseira de saúde que permite ás persoas usuarias escoller entre galego, éuscaro, catalán, castelán e valenciano para interactuar coa aplicación asociada. O dispositivo non dispón de pantalla e concentra a comunicación na aplicación, que ofrece os servizos na lingua seleccionada. A iniciativa parte da importancia de facilitar a comprensión das recomendacións relacionadas coa saúde na lingua habitual de cada persoa.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Xeral

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder