España

A cultura en catalán supón entre o 40 e o 60 % dos contidos das principais radios e televisións de Cataluña

A cultura creada en catalán ocupou entre o 40 % e o 60 % dos contidos culturais das principais radios e televisións de Cataluña ao longo de 2025, segundo un informe do Consello do Audiovisual de Cataluña, que sitúa aínda máis arriba a presenza global da cultura catalá se se inclúen tamén obras doutras linguas asinadas por autoras e autores do país. O estudo subliña, así mesmo, o peso destacado da música en catalán nos medios da CCMA, ao tempo que constata unha presenza estable da cultura nas programacións. Con todo, o organismo advirte das dificultades que persisten para darlle maior espazo específico á literatura en catalán, especialmente na grella de TV3.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

Familias de Treviño reclaman medidas para fomentar a aprendizaxe do éuscaro neste enclave

Familias de Treviño (Burgos) exixen á Junta de Castela e León e ao Goberno central que garantan o ensino do éuscaro no municipio, tanto na educación infantil como primaria, e que se impulsen medidas para fomentar o seu uso e ensino entre persoas adultas. Reivindican o dereito de vivir, aprender e traballar en éuscaro e solicitan a eliminación de obstáculos ademais de recursos para a educación nesta lingua nas escolas do enclave.

Fonte: Norte Exprés

Castela e León

As comunidades con lingua propia recoñecen o proxecto audiovisual galego ‘Pensión incompleta’

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou en Bilbao na comisión de seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística subscrito polos gobernos de Galicia, Cataluña, Euskadi, Navarra, Valencia e Illas Baleares, unha reunión que se produce cada ano no marco da cooperación entre os departamentos desta materia das comunidades autónomas con lingua propia. Ao abeiro desta xuntanza, o grupo decidiu recoñecer co Premio á Diversidade Lingüística do Estado Español a serie galega Pensión incompleta, a primeira rodada nas catro linguas oficiais de España e producida por EITB, TVG, 3CAT e Voz Audiovisual.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Xeral

Ciemen e PEN Catalán lideran unha iniciativa para actualizar a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos

Trinta anos despois da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, diversas entidades impulsan a súa actualización co obxectivo de que a ONU adopte un marco máis sólido de protección da diversidade lingüística. O Ciemen e o PEN Catalán lideran esta iniciativa, que pretende incorporar novos retos como o ámbito dixital, a intelixencia artificial ou os efectos das migracións e dos conflitos.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

Ponse en marcha en Mallorca e Menorca unha iniciativa para fomentar o uso do catalán no ámbito comercial

O Instituto de Estudos Baleáricos puxo en marcha unha iniciativa para reforzar o uso do catalán no comercio en Mallorca e Menorca mediante cursos formativos e a distribución de recursos para as empresas. As accións inclúen formación adaptada á atención ao público, dirixida tanto a alumnado como a profesionais do sector, así como materiais prácticos e información sobre axudas e servizos lingüísticos. A proposta, que conta co apoio de entidades empresariais, pretende mellorar a calidade do servizo e a competitividade dos negocios ao tempo que promove a presenza da lingua propia.

Fonte: Govern de les Illes Balears

Illas Baleares

Comercio e hostalería de Tremp apúntanse a un programa formativo para mellorar o uso do catalán

O Concello de Tremp puxo en marcha unha campaña para reforzar o uso do catalán no comercio local tras detectar carencias na súa presenza, especialmente en negocios con trato directo coa clientela. A iniciativa ofrece formación práctica ao persoal de bares, restaurantes e tendas para mellorar a comunicación oral e escrita, así como apoio na revisión de cartas, carteis e contidos para redes sociais. O programa procura frear o retroceso da lingua neste ámbito e facilitar, ademais, o cumprimento da normativa lingüística vixente nun contexto de fonda transformación do tecido comercial.

Fonte: La Ciutat

Cataluña

O Instituto de Estudos Cataláns estudará unha fórmula para denominar a lingua catalá en todo o dominio lingüístico

A presidenta do Instituto de Estudo Cataláns proporá que a Sección Filolóxica estude unha denominación común para a lingua en todos os territorios do seu dominio, coa intención de reforzar unha identificación compartida en contextos externos e académicos. A responsable da institución defende que a fórmula «lingua catalá» podería cumprir esa función sen invalidar as denominacións propias de cada territorio no uso interno.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

Case unha cuarta parte dos libros editados en Cataluña está en catalán

Case un de cada catro libros editados en Cataluña foi publicado en catalán en 2024, un exercicio no que o sector amosou sinais de estabilidade na produción e, ao tempo, rexistrou unha facturación de récord. A edición en catalán mantén un peso semellante tanto no conxunto da oferta como no libro en papel, mentres o catálogo dispoñible segue a medrar con forza.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

O proxecto Rossinyol celebra os seus vinte anos de integración lingüística e cohesión social

O Proxecto Rossinyol da Universidade de Xirona celebrou vinte anos de traxectoria promovendo a integración lingüística e a cohesión social entre alumnado de orixe estranxeira. O programa, que vincula estudantes universitarios con crianzas e adolescentes mediante encontros semanais, consolidouse como unha referencia ao ter chegado a vinte municipios e a milleiros de participantes. As institucións salientan o seu papel na aprendizaxe do catalán e na creación de vínculos comunitarios que favorecen a igualdade de oportunidades.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

A aprendizaxe do catalán incorpórase por vez primeira aos plans de formación da carreira xudicial

O Consello Xeral do Poder Xudicial e a Generalitat de Cataluña formalizaron dous convenios para reforzar a formación da carreira xudicial, entre a que se inclúe por vez primeira a aprendizaxe e o perfeccionamento do catalán nos plans de formación continua. A oferta contemplará dous cursos, de nivel inicial e intermedio, abertos a xuízas, xuíces e alumnado da Escola Xudicial con independencia do seu destino.

Fonte: Poder Judicial

Cataluña

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder