España

Ponse en marcha un plan piloto para impulsar espazos de conversa en catalán nas comunidades relixiosas

O Goberno catalán e Òmnium Cultural puxeron en marcha un plan piloto para promover grupos de conversa en catalán no seo das comunidades relixiosas, coa intención de favorecer o uso social da lingua en espazos de confianza e reforzar a cohesión colectiva. A experiencia, iniciada en Barcelona no outono pasado cunha comunidade evanxélica, articúlase a través de sesións semanais centradas na práctica oral e na creación de vínculos entre as persoas participantes. Ademais, a iniciativa nace con vontade de continuidade e de extensión a outros puntos do país, polo que a Generalitat anima asociacións e entidades con actividade estable a sumárense ao programa.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

Convócanse as axudas Lanhitz coas que o Executivo vasco busca afondar na incorporación do éuscaro ao ámbito laboral

O Goberno vasco aprobou a convocatoria deste ano das axudas Lanhitz, dotada con 2,5 millóns de euros, para reforzar a presenza e o uso do éuscaro nos centros de traballo do sector privado. A liña, que incrementa a súa contía nun 13,6 %, distribúese en catro modalidades: desde accións puntuais en entidades sen plan lingüístico até proxectos estratéxicos en organizacións con ampla traxectoria neste eido. Ademais, as subvencións tamén cubrirán diagnósticos, deseño de plans e medidas de implantación, así como actuacións ligadas a plans de xestión xa consolidados.

Fonte: Gobierno Vasco

País Vasco

Apróbase un real decreto polo que se crea un sistema oficial de acreditación da lingua de signos española

O Goberno español aprobou un sistema oficial de acreditación da lingua de signos española co que se certificará, en todo o Estado, o grao de competencia e dominio desta lingua. O novo modelo, estruturado en seis niveis (de A1 a C2), dará validez oficial a unha ferramenta da que até agora non existía equivalente estatal, ao tempo que supón un avance no recoñecemento dos dereitos das persoas xordas e xordocegas. Ademais, os diplomas poderán empregarse para acceder ao emprego público ou como mérito profesional, académico e persoal.

Fonte: Galicia Press

Xeral

Apróbase o Plan estratéxico do éuscaro co que o Goberno vasco busca aumentar o uso desta lingua na vida cotiá

O Goberno vasco aprobou o Plan estratéxico do éuscaro, unha iniciativa coa que pretende avanzar na normalización da lingua e, sobre todo, impulsar o seu uso efectivo na vida diaria. O documento fixa catro grandes metas (mellorar o coñecemento, ampliar os espazos de uso, reforzar o prestixio social e apoiar a toma de decisións en datos) e abrangue ámbitos como a transmisión, o lecer, o traballo, os medios e o contorno dixital. Ademais, o executivo quere protexer as zonas nas que o éuscaro mantén maior presenza e fortalecer a vinculación social e emocional coa lingua. Trátase dun plan transversal para todo o Goberno, con financiamento específico e coa previsión de mecanismos anuais de seguimento e avaliación.

Fonte: Gobierno Vasco

País Vasco

O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña ordena executar a sentenza que anula parcialmente o decreto que blinda o catalán como lingua vehicular na escola

O TSXC ordenou executar de maneira provisional a sentenza que anulaba parte do decreto da Generalitat de 2024 destinado a reforzar o catalán como lingua vehicular na escola, aínda que o Constitucional aínda debe pronunciarse sobre a adecuación da norma á Carta Magna. Educación sostén que a decisión non terá efectos prácticos inmediatos nos centros, mais o paso xudicial reabre o pulso institucional arredor do modelo lingüístico. A resolución afecta preceptos clave sobre o papel do catalán no ensino, na actividade administrativa e na acollida do alumnado chegado do estranxeiro.

Fonte: El Diario

Cataluña

Publícase un dicionario castelán-éuscaro dirixido a persoas que traballan no sector dos coidados

O Concello de Donostia editou un dicionario castelán-éuscaro pensado para persoas que traballan no ámbito dos coidados, coa finalidade de facilitar a comunicación cotiá con quen ten o éuscaro como lingua habitual. A publicación, de pequeno formato e carácter práctico, reúne vocabulario e expresións básicas vinculadas á atención diaria e distribuirase entre profesionais, entidades municipais e asociacións. Con esta iniciativa, o Concello busca reforzar a presenza da lingua no sector dos coidados e favorecer unha atención máis próxima e humana.

Fonte: Donostiako Udala

País Vasco

Solicítanlle á Autoridade Portuaria de Xixón o emprego do asturiano na sinalización do porto

Iniciativa pol Asturianu pediu á Autoridade Portuaria de Xixón que incorpore o asturiano na nova sinalización do porto do Musel e tamén na futura renovación da súa web e das comunicacións institucionais. A entidade considera que esta actuación sería un paso relevante para reforzar a visibilidade social da lingua nun espazo público de gran proxección, en liña co que xa acontece noutros portos con idioma propio. No escrito, lembra ademais a obriga de empregar a toponimia oficial e ofrece colaboración para facilitar a implantación progresiva do asturiano nestes ámbitos.

Fonte: Iniciativa pol Asturianu

Asturias

O Tribunal Constitucional anula o decreto que pretendía eliminar o requisito de saber catalán no ámbito sanitario

O Tribunal Constitucional anulou o decreto lei co que o Goberno balear pretendía eliminar a esixencia de coñecer o catalán na sanidade, ao estimar o recurso promovido pola Obra Cultural Balear. A entidade considera que a norma vulnera o principio de igualdade, a non discriminación por razón de lingua e o dereito da cidadanía a relacionarse en catalán coa administración sanitaria en condicións de normalidade.

Fonte: Diari de la Llengua

Illas Baleares

Os concellos da comarca de Oarsoaldea poñen en marcha unha campaña para animar a facer a declaración da renda en éuscaro

Os concellos de Errenteria, Lezo, Oiartzun e Pasaia animan a veciñanza a facer en éuscaro a declaración da renda de 2025 e, en xeral, a relacionarse coa facenda foral nesta lingua. A iniciativa pon o acento no avance progresivo do uso do éuscaro na administración e lembra que escoller esta opción resulta doado tanto por internet como de maneira presencial. Ademais, a campaña incluirá un sorteo en cada municipio, cun xantar para dúas persoas entre quen presente a declaración en éuscaro.

Fonte: Herri Bizia

País Vasco

Unha mostra repasa os 25 anos de materiais gráficos vinculados á promoción da lingua e a cultura asturianas

O Muséu del Pueblu d’Asturies acolle a exposición «Cartelos n’asturianu (1976-2000)», unha mostra que reúne materiais gráficos vencellados á promoción da lingua e da cultura asturianas procedentes da colección doada pola Fundación Belenos. A selección permite percorrer, a través dos carteis máis antigos, a evolución da comunicación visual en asturiano e o papel que desempeñou na reivindicación lingüística desde a Transición.

Fonte: La Voz de Asturias

Asturias

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder