España
O 57% dos escolares estudará en éuscaro este curso
O 19,3% dos alumnos estudará no modelo A, en castelán coa lingua vasca como materia; o 23,2% farao no B, bilingüe; e o 57,5% recibirá as clases en éuscaro, na liña D.
Fonte: Diario Vasco
O decano de Filoloxía da Universidade de Oviedo quere que o novo plan de estudos inclúa un «minor» en asturiano
O decano da Facultade de Filoloxía da Universidade de Oviedo, José Antonio Martínez, nomeado polo reitor tras a dimisión da anterior titular espera que en novembro quede aprobado o novo plan de estudos, que incluiría un «minor» de llingua asturiana.
Fonte: La Nueva España
Os escolares cataláns comezarán a estudar inglés aos cinco anos
O novo decreto que regula o segundo ciclo de educación infantil (de tres a seis anos) e que aprobou o Consello Executivo da Generalitat inclúe, entre as súas principais novidades, a introdución do uso oral dunha lingua estranxeira no último curso desta etapa educativa, e tamén as novas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) na área de lingua.
Fonte: Avui
A Generalitat de Catalunya poñerá en marcha unha campaña para invitar os catalanofalantes a non cambiar de lingua
O conselleiro de Vicepresidencia da Generalitat de Catalunya, Josep-Lluís Carod-Rovira, anunciou que Política Lingüística da Generalitat levará a cabo proximamente unha campaña dirixida aos catalanofalantes, instándoos a non cambiar de lingua cando alguén se lles dirixa en castelán.
Fonte: Racó Català
Expertos de Galicia, Cataluña e País Vasco asinan un manifesto de defensa das tres culturas e das súas respectivas linguas
Máis de sesenta historiadores cataláns, vascos e galegos asinaron un manifesto, presentado en Barcelona, no que, entre outras cuestións, esixen "o respecto necesario para o ensino do galego, o éuscaro e o catalán", ademais de denunciar "os intentos uniformistas" do "aparato estatal español" á hora de presentar "unha visión elitista da historia". Os asinantes reafírmanse na defensa "incondicional" das tres culturas e das súas respectivas linguas.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
Empregados públicos da Junta de Andalucía aprenderán a lingua de signos para mellorar a atención cidadá
Os empregados públicos da Junta de Andalucía recibirán formación sobre a lingua de signos española a través de tres cursos organizados polo Instituto Andaluz de Administración Pública (IAAP) co obxectivo de mellorar a atención á cidadanía.
Fonte: Solidaridad Digital
Os opositores ao catalán de Aragón proxectan un referendo
Os membros da plataforma No Hablamos Catalán, na que se atopan, entre outros, militantes das xuventudes do PAR, están a estudar a posibilidade de que se celebre unha consulta popular nos municipios catalanofalantes de Aragón para saber se asumirían a posibilidade de que se designase co nome de catalán o idioma que empregan diariamente.
Fonte: El Periódico de Aragón
A campaña 'Doi la cara pola oficialidá' do asturiano recolleu máis de 7.000 fotografías
A campaña 'Doi la cara pola oficialidá', que recolle fotografías de persoas que posan con carteis que reivindican a oficialidade da lingua asturiana na reforma do Estatuto de Autonomía de Asturias, leva xa recollidos máis de 7.000 retratos.
Fonte: EcoDiario
O Conceyu Abiertu pola Oficialidá convoca unha manifestación a favor da oficialidade do asturiano para o 4 de outubro
O Conceyu Abiertu pola Oficialidá está a traballar na convocatoria dunha nova mobilización pola oficialidade da lingua asturiana. Segundo anunciou esta plataforma de asociacións a favor do asturiano, a manifestación, co lema "Ensin Oficialidá nun hai Estatutu que valga", vai saír da Estación do Norte de Oviedo ás seis da tarde do sábado día 4 de outubro.
Fonte: Asturies.com
Os sindicatos de ensino de Cataluña, as Illas Baleares e Valencia esixen que o catalán sexa a lingua vehicular da educación
Os sindicatos de ensino maioritarios en Cataluña, Illas Baleares e Valencia esixíronlles ás administracións autonómicas e ao Goberno que o catalán, nas súas distintas variedades dialectais, sexa a lingua vehicular da educación nas escolas destes territorios.
Fonte: Levante
Boletín
Subscríbase ao boletín