Galicia

Dispáranse as buscas no Dicionario en liña da Real Academia Galega durante o mes de marzo

O Dicionario en liña da Real Academia Galega alcanzou no mes de marzo o número máis alto de buscas da súa historia ao superar as 113 000 diarias de media. En total rexistráronse 3 503 934 procuras, un 42 % máis que no mes anterior.  

Fonte: Real Academia Galega

O novo nome oficial da terminal compostelá será Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro

O Boletín Oficial do Estado publicou o novo nome oficial da terminal compostelá, que pasará a chamarse Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro, en honra á escritora galega, un cambio impulsado desde o Concello e aprobado posteriormente por unanimidade no Parlamento.

Fonte: Galicia Confidencial

O programa de autoformación para empregados públicos da Egap inclúe tres cursos con contidos lingüísticos

A Escola Galega de Administración Pública convoca o programa de autoformación para persoal de diferentes administracións, o cal inclúe, na área de comunicación, os seguintes cursos con contidos lingüísticos: “Como deseñar presentacións eficaces. Contidos”, “Linguaxe administrativa non sexista e imaxe igualitaria na práctica da xestión pública. Contidos” e “Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos. Contidos”.

Fonte: Consello da Cultura Galega

A Xunta facilita as condicións de acceso á plataforma GaliciaLe que ofrece máis de 4500 títulos de libros, revistas e películas

A Xunta de Galicia vén de facilitar as condicións de acceso a GaliciaLe, a plataforma de préstamo de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas. Ata agora só estaba accesible para os usuarios destas bibliotecas, polo que era preciso ter carné, e desde este momento ábrese toda a poboación.

Fonte: Xunta de Galicia

Falece o académico, xurista e escritor Xosé Luís Franco Grande

Xosé Luís Franco Grande, que faleceu aos 84 anos de idade, foi responsable do primeiro Diccionario galego-castelán (1968), así como escritor e avogado e membro da Real Academia Galega dende 1998.

Fonte: Praza Pública

A Galipedia pon en marcha a iniciativa EuTraduzoNaCasa

Co obxectivo de fomentar a participación da cidadanía no enriquecemento da  Galipedia, a Wikipedia en galego, ponse en marcha a iniciativa EuTraduzoNaCasa para impulsar a incorporación de persoas voluntarias ao equipo de tradución desta enciclopedia en liña. En concreto, a proposta consiste en facer traducións de artigos bos e de calidade da Wikipedia en castelán que aínda non existan na Galipedia.

Fonte: Código Cero

HBO estrea “Auga seca”, a primeira serie en galego do seu catálogo

A partir do mércores 31 de marzo HBO emite Auga seca, a primeira serie en lingua galega do seu catálogo. Rodada entre Vigo e Lisboa en galego e en portugués, a plataforma emitiraa tamén en versión dobrada ao castelán e con subtítulos en español e en inglés.

Fonte: Galicia Confidencial

Unha campaña en liña solicítalle á Xunta atención telefónica en lingua galega sobre o coronavirus

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que o  servizo de atención telefónica ofrecido pola Xunta sobre o coronavirus carece de argumentario en lingua galega, o que considera unha vulneración dos dereitos lingüísticos da poboación.

Fonte: Galicia Confidencial

A iniciativa Espazo Lectura publica vídeos de rapaces e rapazas que recomendan libros en lingua galega para pasar o confinamento

Espazo Lectura é un proxecto que naceu hai 14 anos no Val Miñor para fomentar a lectura en lingua galega. Agora, o obrigado confinamento debido á crise do coronavirus, levounos a deixar en suspenso moitas das súas actividades. Por este motivo, están a publicar vídeos de letubers, rapaces e rapazas da comarca que gravan vídeos para recomendar libros en galego que logo comparten coa etiqueta #quedonacasalendocontigo.

Fonte: Praza Pública

O Concello da Estrada publica as bases dos seus premios literarios de poesía e novela en lingua galega

O Concello da Estrada publicou as bases do XXXII premio de novela Manuel García Barros e da XXIV edición do premio de poesía Avelina Valladares, cuxo prazo de presentación finaliza o 15 de maio.

Fonte: Faro de Vigo

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder