Galicia
A exposición “As nosas palabras, os nosos mundos” despedirá na cidade da Coruña o Ano Internacional das Linguas
A mostra clausurouse en Madrid, onde contou cunha alta afluencia de visitantes durante a semana que permaneceu no Círculo de Bellas Artes
O próximo destino desta exposición itinerante será o Kiosco Alfonso, onde se poderá visitar do 15 de decembro ao 4 de xaneiro
O espazo expositivo incorporará na Coruña unha cabina de dobraxe onde se programarán actividades diarias de dinamización lingüística con escolares
A exposición “As nosas palabras, os nosos mundos” retorna a Galicia, logo do seu paso por Madrid, para abrir as súas portas no Kiosco Alfonso da Coruña, onde permanecerá do 15 de decembro ao 4 de xaneiro. A mostra promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, co obxectivo de poñer en valor o galego e o plurilingüismo na sociedade actual, despedirá así na cidade coruñesa o Ano Internacional das Linguas e o Ano Europeo do Diálogo Intercultural. A exposición permanecerá aberta ao público todos os días. De luns a domingo, as visitas poderán realizarse de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas.
Na Coruña, que é a sétima escala que fará, “As nosas palabras, os nosos mundos” realizará unha aposta pola creatividade de Galicia para poñer de manifesto a alta calidade das producións en galego nas diferentes vertentes artísticas. Ademais farase, por primeira vez, unha actividade de dobraxe dirixida a escolares, onde cada día o alumnado que visite a exposición poderá achegarse ás técnicas empregadas para dobrar ao galego os seus personaxes favoritos.
Balance de Madrid
Durante a semana que a mostra “As nosas palabras, os nosos mundos” permaneceu no Círculo de Bellas Artes rexistrou unha elevada afluencia de visitantes. A exposición recalou en Madrid co obxectivo de promover a riqueza da diversidade lingüística do Estado e de achegar os visitantes á realidade actual da lingua galega. Con anterioridade a Madrid, estivo en Santiago de Compostela, Vilagarcía, Bilbao, Bruxelas e Vigo. Logo do seu paso pola Coruña, está previsto que se traslade a Barcelona, Sevilla, Lugo, Bos Aires e Ourense.
A exposición, dividida en catro bloques temáticos (“As orixes”, “Isto é galego”, “As nosas palabras, os nosos mundos” e “A nosa lingua na nosa vida”) ten como obxectivo achegar os visitantes á diversidade lingüística a través de diferentes elementos visuais, gráficos e sonoros que empregan o galego como fío condutor.
De forma paralela á mostra, a Secretaría Xeral de Política Lingüística puxo en marcha o sitio web www.asnosaspalabras.org. Trátase da primeira web galega sobre diversidade lingüística. Pode visitarse en sete idiomas e permite realizar un percorrido virtual pola exposición, ademais de dar acceso a información de interese sobre as linguas do mundo en xeral e sobre o galego en particular.
Fonte: Xunta de Galicia
O responsable da normalización lingüística na Deputación coruñesa defende o acto Para, contra a violencia, recuperarmos a lingua
O deputado nacionalista Xoán Sande defendeu a través dunha carta o sentido e o obxectivo do acto Para, contra a violencia, recuperarmos a lingua, celebrado o pasado día 25 (Día Internacional contra a Violencia de Xénero) e no que se denunciaba a discriminación lingüística como unha forma máis de violencia contra a muller. A iniciativa foi organizada polo servizo de normalización lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración cos da Deputación e do Concello.
Fonte: La Voz de Galicia
Membros da Xustiza e da Policía únense á normalización da lingua nun seminario celebrado no Mosteiro de Aciveiro
O Mosteiro de Aciveiro, na Terra de Montes, deulles abeiro aos membros da Irmandade Xurídica Galega, aos da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e aos mandos dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado co fin de estudar o proceso de incorporación do galego no funcionamento dos órganos xurisdicionais e das forzas da policía.
Fonte: A Nosa Terra
A CIG presenta o 1º compendio de termos de prevención, saúde e ambiente laborais en galego
Odilo Martínez, da consellaría de Traballo, Rafa Villar, do departamento de Normalización da CIG, Agustín Souto, enxeñeiro industrial e técnico en prevención de riscos laborais (PRL), e Eva Calvo, técnica de PRL de ASOAR-ARMEGA presentaron, no I Congreso Internacional, PRL e Responsabilidade Social Empresarial nas PEME, o “Glosario de termos de prevención, saúde e ambiente laborais”.
Fonte: CIG
Un colectivo de Cuntis aplaude a ordenanza municipal sobre o uso do idioma galego
A asociación O Fervedoiro de Cuntis aplaudiu a ordenanza municipal sobre o uso do idioma galego, aprobada o pasado venres no pleno do Concello. O colectivo considera que se trata de «un primeiro e importante paso na normalización do noso idioma en eidos da administración municipal, xa que o galego ha ser empregado tanto en asuntos internos da casa do concello, como na relación coas persoas que ata ela se acheguen», remachou O Fervedoiro no seu blog de internet.
Fonte: La Voz de Galicia
A versión tecnolóxica do xogo das palabras encadeadas daralles a benvida a todos os asistentes a Cultur.gal
A Secretaría Xeral de Política Lingüística participa na Feira das Industrias Culturais con esta instalación participativa de dinamización lingüística
As actividades de animación lingüística promovidas por este departamento coa colaboración das editoriais galegas terá tamén protagonismo neste foro
O Contador, outra das iniciativas desenvolvidas nos espazos públicos para fomentar a creatividade oral en lingua galega, tamén se presentará na feira
A Cova, o xogo das palabras encadeadas en versión tecnolóxica que durante o último mes percorreu distintas cidades galegas, recala desde o xoves 4 de decembro e ata o domingo 7 no Palexco da Coruña para participar na Feira Galega das Industrias Culturais, Cultur.gal. A Secretaría Xeral de Política Lingüística situará a instalación na zona de benvida da feira para que todos os asistentes poidan pasar por ela e deixar a súa palabra.
A Cova está dirixida a persoas de todas as idades e ten como obxectivo a construción dunha cadea de palabras con todas as achegas dos participantes. O Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (Volga) é a ferramenta que se emprega para garantir a corrección dos vocábulos que se van engadindo á cadea.
Durante a xornada do venres, as persoas que se acheguen levarán como agasallo unha camiseta estampada cun graffiti da palabra elixida.
A instalación, inspirada no mito da caverna de Platón, permaneceu en diferentes espazos públicos de moito tránsito peonil das cidades de Santiago, A Coruña, Ourense, Vigo e Lugo. Preto de 3.000 persoas participaron coa súa palabra neste xogo.
Flis-fli-ris-flás
As actividades de animación lingüística promovidas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística coa colaboración das editoriais galegas terá tamén cabida en Cultur.gal. Xunto cos representantes da Editorial Galaxia, a secretaria xeral, Marisol López, presentará o venres, día 5, ás 11:30 horas, a obra Flis-fli-ris-flás, que se está representando en distintas vilas e cidades galegas para nenos e nenas de primeiro ciclo de Primaria.
O Contador
Outra das experiencias promovidas por Política Lingüística no eido da dinamización lingüística será tamén presentada nesta feira. Trátase do Contador, unha iniciativa desenvolvida tamén en espazos públicos durante os últimos meses para fomentar a creatividade e a espontaneidade en lingua galega e aproveitar a riqueza oral do idioma e as súas variantes dialectais. Desenvolvida pola empresa Eme2, chegou a trinta concellos galegos nos que se elaborou un conto colectivo entre os veciños e transeúntes.
Fonte: Xunta de Galicia
A CIG presenta un caderno de viñetas para incidir na necesidade de "avanzar no uso social" do galego
A Confederación Intersindical Galega (CIG) e a fundación Fesga presentaron un caderno de viñetas que, baixo o título 'O galego con humor', pretende facer unha chamada "á necesidade de avanzar no uso social do idioma".
Fonte: Europa Press
O conselleiro de Presidencia avoga pola volta ao consenso en materia de política lingüística
Respondía a unha pregunta parlamentaria sobre as medidas propostas pola Xunta para informar a cidadanía das competencias da Mesa pola Normalización Lingüística
Méndez Romeu lembrou que o consenso é a postura que o Goberno ten indicado moitas veces a través do presidente da Xunta de Galicia
Lembrou que o 23 de outubro dirixiu un escrito á Mesa indicándolle que debía absterse de calquera actividade “que se afaste do previsto nos seus fins estatutarios”
O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, pediulle ao Partido Popular unha reflexión sobre a necesidade de volver ao consenso en materia de política lingüística, “tal e como o Goberno ten indicado moitas veces a través do presidente da Xunta de Galicia”. Méndez Romeu fixo estas declaracións ao responder a unha pregunta parlamentaria sobre as medidas propostas pola Xunta para informar a cidadanía das competencias da Mesa pola Normalización Lingüística.
Segundo o titular de Presidencia “os grupos políticos que teñen experiencia
no Goberno e expectativas de volver ter a máxima responsabilidade neste” teñen que ter tamén a capacidade de “buscar acordos, de facelo no Parlamento e nas institucións e de obviar debates que non nos conducen a ningún lugar importante”. Neste sentido, tamén declarou que non se pode tolerar que unha entidade “representativa no seu ámbito pero evidentemente minoritaria” marque a axenda das institucións nun tema que “é patrimonio de todos” como é a política lingüística.
Doutra banda, ao referirse aos supostos documentos enviados pola Mesa, o conselleiro de Presidencia lembrou que a apertura de expedientes é unha actividade que as leis reservan “con carácter exclusivo” ás administracións públicas, “sexan as administracións xudiciais, autoridades xudiciais ou fiscalía; sexan as administracións públicas no sentido amplo do termo ou os organismos especializados que teñen atribuída esa competencia como é o caso do Valedor do Pobo”, dixo.
Neste sentido tamén expuxo que o feito de que unha entidade privada teña adoptado unha actividade destas características podería considerarse unha “actividade de simulación dunha acción habitual dos poderes públicos” e polo tanto “podería considerarse presuntamente inclusa en figuras delitivas” como as de usurpación de funcións públicas, de ameazas ou de coaccións. Por todo isto, dixo que el mesmo, no nome do seu departamento, lle dirixira un escrito con data de 23 de outubro informándolle desta situación, indicándolle que debía absterse de calquera actividade “que se afaste do previsto nos seus fins estatutarios” e advertíndolle do risco legal no que incorría se persistise neste tipo de actividades.
Por último, o titular de Presidencia quixo lembrar que a Administración non ten a facultade de xulgar posto que a Constitución española prohibe expresamente a arbitrariedade nos poderes públicos e que se os cidadáns se atopan diante de calquera presunto delito de coaccións ou ameazas teñen “sempre aberto diante deles o camiño dos tribunais” onde serán os xuíces ordinarios os que ditaminarán sobre o fondo da cuestión.
Fonte: Xunta de Galicia
A Mesa e a asociación vasca Behatokia din que é a Administración estatal "a que máis vulnera os dereitos lingüísticos"
A Mesa pola Normalización Lingüística e a asociación Behatokia de defensa dos dereitos do éuscaro sinalaron a Administración do Estado como "a que máis vulnera os dereitos lingüísticos dos falantes de linguas cooficiais".
Fonte: Europa Press
O Concello da Coruña instalará nas oficinas de atención cidadá un tradutor para persoas xordas
O alcalde da Coruña, Javier Losada, presentou o novo dispositivo Bildo, un tradutor universal deseñado para facilitar as posibilidades comunicativas das persoas xordas, que será instalado nas oficinas municipais de atención cidadá.
Fonte: Europa Press
Boletín
Subscríbase ao boletín