Mundo
O Goberno do Piemonte pide que o occitano sexa declarado patrimonio mundial
O Goberno do Piemonte dará apoio á campaña iniciada pola Chambra d'Óc para que a Unesco declare a lingua occitana patrimonio mundial inmaterial. Xa hai dez días que comezou 'Occitania a pè', unha camiñada de 1300 quilómetros que ata o 7 de novembro percorrerá os territorios occitanos.
Fonte: Nationalia
O Centro Vasco de Bordeaux estrea a versión en éuscaro da súa web
Cada vez son máis os centros vascos do mundo que aproveitan as vantaxes que ofrece internet e deciden crear a súa propia páxina web como medio de comunicación cos seus socios e co público en xeral. Na maioría dos casos o idioma principal nestas páxinas adoita ser o do país onde se atopa o centro (español en Arxentina, inglés en EEUU...) pero hai cada vez máis centros que se esforzan por ofrecer tamén a versión en éuscaro. Un dos últimos en sumarse a este grupo é, precisamente, a Euskal Etxea de Bordeaux.
Fonte: Euskalkultura
O comisario europeo de Multilingüismo presentará unha comunicación cunha nova estratexia sobre plurilingüismo

O xoves 18 de setembro o comisario de Multilingüismo Leonard Orban presentará unha comunicación titulada "Multilingüismo: un activo para Europa, un compromiso compartido". Trátase dunha nova estratexia sobre plurilingüismo que propón unha política lingüística global que aborde cuestións relacionadas co diálogo intercultural, a inclusión social e a competitividade.
Fonte: Eurolang
Costa Rica pon en marcha unha estratexia para ter unha poboación bilingüe
Costa Rica ten como reto converter o inglés nun idioma de dominio común para a maioría da súa poboación a medio prazo. Un dos obxectivos é que, a partir do ano 2017, o 75% dos bachareis de secundaria teña un nivel alto no manexo desta lingua estranxeira.
Fonte: Nación
Un escritor angolano afirma que o portugués está ameazando as linguas locais de Angola
A supervivencia das linguas tradicionais angolanas, como o quimbundo ou o umbundo, ante a expansión da lingua portuguesa, esixe medidas políticas, como o recoñecemento destas como linguas oficiais, segundo defende o escritor angolano José Eduardo Agualusa.
Fonte: Lusa
A Mesa participa en Polonia no Consello Xeral da Axencia Europea para as Linguas Minorizadas
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, participa en Gdansk (Polonia) no Consello Xeral da Axencia Europea para as Linguas Minorizadas (EBLUL), no cal se porán en común experiencias de diferentes entidades que traballan en varios puntos do continente en defensa das linguas que están en proceso de normalización social.
Unha comunidade do Amazonas loita para conseguir clases da súa lingua nativa
Os indios da comunidade baré Nova Esperança, no Amazonas, desenvolveron e implantaron un proxecto para rescatar a lingua e os costumes da etnia, unha das maiores do Estado. Tras dous anos de solicitudes á Prefectura de Manaus, os indios conseguiron autorización para ter clases de nhengatu, o idioma nativo dos barés.
Fonte: Globo
Representantes de universidades de países de lingua portuguesa discuten o acordo ortográfico
Reitores e académicos de institucións de ensino superior dos países que teñen o portugués como idioma oficial participan na 18ª Xuntanza da Asociación de Universidades de Lingua Portuguesa na Universidade de Brasilia.
Fonte: Abril
Propoñen ensinar náhuat nas escolas de Nahuizalco (El Salvador)
A Fundación Círculo Solidario, persoal docente, estudantes de escolas, nais e pais de familia de Nahuizalco, en Sonsonate, comezaron a elaborar propostas para propiciar un modelo de educación intercultural, que inclúe o ensino do náhuat como currículo escolar e non como materia optativa.
Fonte: La Prensa Gráfica
O inglés non é suficiente para os negocios globais
Aínda que o inglés seguirá manténdose como lingua franca para os negocios nos próximos anos, outros idiomas irán incrementando o seu peso e a vantaxe terana os que poidan acreditar máis linguas. O futuro está no multilingüismo.
Fonte: Navactiva
Boletín
Subscríbase ao boletín