Mocidade

Unha campaña promovida polos IES de Redondela busca o compromiso do alumnado coa lingua galega

Centros educativos, ANPA, clubs, comercio e bibliotecas súmanse en Redondela ao reto «Unha semaniña enteira», que promove falar galego de maneira continuada entre o 20 e o 27 de febreiro, coincidindo co Día de Rosalía. A campaña, presentada no IES Chapela, contará con actividades culturais e implicará tamén a hostalaría e o tecido empresarial, que distribuirán material divulgativo e organizarán iniciativas temáticas. O Concello destaca que, ao se sumar diversos sectores sociais, se reforza o compromiso colectivo coa transmisión do idioma entre a infancia e a mocidade.

Fonte: Concello de Redondela

A Xunta apoia a produción de tres libros de ‘Os Balbinos’ adaptados en lectura fácil en galego

A Xunta de Galicia vén de apoiar a produción de Os Balbinos, liña de editorial de libros adaptados en lectura fácil. Así se deu a coñecer na presentación dos libros Os Balbinos visitan os museos naturais de Galicia, Os Balbinos visitan os pazos de Galicia e A Lúa e a Bal gústalles a música, de Xoán Carlos García Porral, Toño Núñez e ilustrados por Gabriel Iglesias Sanmartín, á que asistiron o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Valentín García anima á participación no inicio da oitava edición do programa ’21 días co Galego e +’

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no colexio Álvarez Limeses, en Pontevedra, na apertura da oitava edición do programa «21 días co Galego e +», impulsado pola Xunta en colaboración con “toda a comunidade, entre alumnado, mestrado e persoal dos centros, que participan voluntariamente”.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O IES Antonio Fraguas de Santiago presenta unha campaña para impulsar o uso do galego no comercio local

A campaña «Galego a pé de barrio», impulsada polo alumnado de 1º de Bacharelato, busca promover o uso do galego no comercio local do barrio de Fontiñas. Este proxecto xorde tras a reflexión sobre os baixos índices de uso do galego no instituto, observados a través dunha enquisa interna, e busca cambiar os hábitos lingüísticos no contorno máis próximo. Con este obxectivo, Fontiñas convértese no primeiro barrio piloto dunha iniciativa que pretende crear espazos seguros para o uso do galego no comercio, combater a diglosia e reforzar a identidade lingüística local.

Fonte: Diario de Compostela

A Deputación da Coruña convoca unha nova edición do seu certame de música infantil e xuvenil en galego

A Deputación da Coruña puxo en marcha a novena edición do Premio Quero Cantar, orientado a promover o uso do galego e a creación musical e poética entre a infancia e a mocidade. O certame diríxese a solistas e grupos de ata 16 anos que presenten cancións orixinais e inéditas nesta lingua, en categorías infantil e xuvenil. As persoas premiadas accederán á gravación profesional dunha maqueta e recibirán material musical e produtos culturais en galego.

Fonte: Consello da Cultura Galega

O Concello de Outes organiza dous concursos vinculados ao Nadal para promover o uso do galego

“Nadal en Outes” é o lema dos dous certames cuxo obxectivo é impulsar a creatividade, apoiar o comercio local e fomentar o galego: o Concurso de Decoración, no que se premiarán propostas decorativas orixinais para fachadas e escaparates e se valorará o uso desta lingua; e o Concurso de Postais, dirixido á infancia e á mocidade de 3 a 17 anos, que invita a crear ilustracións cunha mensaxe en galego.

Fonte: Xuventude

Valentín García participa na entrega dos premios OUFF Escola 2025

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na Gala de entrega de premios do Certame de Cinema Escolar OUFF Escola 2025.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Convócase unha nova edición do concurso de postais de Nadal en galego impulsado polo Concello da Baña

O Concello da Baña convoca a cuarta edición do seu concurso de postais de Nadal en galego, unha iniciativa dirixida á infancia e á mocidade de ata 16 anos para estimular a creación artística, fortalecer o uso da lingua e poñer en valor as tradicións locais. O certame, aberto ao alumnado do CPI San Vicenzo e á rapazada empadroada no municipio, busca imaxes inspiradas no Nadal de Galicia cunha mensaxe en galego e admite técnicas variadas en formato DIN A4.

Fonte: Concello da Baña

Valentín García participa na entrega de premios do Certame de Curtas Documentais Carlos Asorey

A Fundación Paco Lareo-A Solaina de Piloño acolleu a entrega de premios do I Certame de Curtas Documentais Carlos Asorey, impulsado por esta entidade en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Entréganse os premios do VI Certame Galetiktokers

A gala do VI Certame Galetiktokers celebrouse en Bertamiráns para recoñecer a creatividade da mocidade que desenvolve contidos en galego nas redes. Nesta edición presentáronse 56 vídeos elaborados por máis de cen participantes, un incremento notable respecto ao ano anterior. A iniciativa pretende reforzar a presenza do galego nos novos formatos dixitais e apoiar a comunidade de creadoras e creadores que empregan esta lingua.

Fonte: Concello de Ames

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder