Asturias

Un xulgado anula o Plan de normalización lingüística de Xixón

Un xulgado de Xixón, tras estimar un recurso presentado en outubro,  anulou o Plan de normalización lingüística municipal ao considerar que o presentaba múltiples irregularidades legais. A sentenza sinala deficiencias como a falta de informes obrigatorios, ausencia de consulta pública e omisións na tramitación e publicación do plan, polo que declara a súa nulidade.

Fonte: La Voz de Asturias

Asturias

Preséntase un sistema de tradución automática neuronal para as linguas románicas peninsulares

Un grupo de universidades españolas desenvolveu un sistema de tradución automática neuronal centrado nas linguas románicas peninsulares, incluído o asturiano, o aragonés e o aranés. O proxecto TAN-IBE  ten como obxectivo adestrar modelos mediante técnicas innovadoras, a partir de corpus multilingües e acordos institucionais, para crear ferramentas libres que impulsen o uso e a visibilidade destas linguas en contornos dixitais.

Fonte: Universidad de Oviedo

Asturias

O Goberno do Principado defende a oficialidade do asturiano

O Goberno do Principado de Asturias defendeu no Parlamento a oficialización do asturiano e do eonaviego como unha medida imprescindible para garantir a continuidade destas linguas propias. A proposta, impulsada por tres grupos parlamentarios, carece aínda dos apoios suficientes para saír adiante.

Fonte: Infobae

Asturias

O Goberno do Principado organiza unha nova campaña para incentivar a matriculación en asturiano e eonaviego

A Consellería de Educación iniciou unha nova campaña para fomentar a matriculación en asturiano e eonaviego en centros públicos para o próximo curso. A campaña, que se desenvolverá en tres fases, busca destacar os beneficios destas linguas nas distintas etapas educativas e a súa relación coa identidade cultural de Asturias. A promoción difundirase a través de medios impresos, dixitais e redes sociais e complementarase coa repartición de materiais informativos nos centros educativos.

Fonte: Principado de Asturias

Asturias

Sindicatos do Principado reclaman a inclusión da oficialidade do asturiano na reforma do Estatuto

Trece sindicatos reclamaron nun manifesto a reforma do Estatuto de Autonomía para garantir a oficialidade do asturiano e do eonaviego. No acto, destacaron que a protección destas linguas favorecería o desenvolvemento cultural, social e económico de Asturias, como ocorre noutros territorios bilingües. A iniciativa xorde tras a toma en consideración da reforma no parlamento asturiano, aínda sen a maioría necesaria para a súa aprobación. Os sindicatos insisten en que os partidos deben alcanzar un acordo para asegurar un futuro digno para estas linguas.

Fonte: EFE

Asturias

Organízanse grupos de conversa en liña para fomentar o uso do asturiano

A asociación Iniciativa pol Asturianu, en colaboración co Conseyu de la Mocedá de Xixón, recupera os grupos de conversa en asturiano, un espazo telemático e gratuíto para practicar a lingua sen medo nin complexos. As sesións desenvolveranse os sábados a través de Zoom e teñen como obxectivo normalizar o uso do asturiano en todos os ámbitos sociais.

Fonte: Asturias Mundial

Asturias

Estudantes do mestrado de profesorado de asturiano denuncian a imposibilidade de presentar os traballos nesta lingua

O alumnado do mestrado de formación do profesorado na especialidade de asturiano denuncia que a Universidade de Oviedo impide presentar todos os traballos nesta lingua. Consideran que se está vulnerando o seu dereito a empregala, mentres que o decanato argumenta que só se garante o seu uso nas materias específicas, xa que non existe unha normativa que obrigue a avaliala no resto de disciplinas comúns con outras especialidades.

Fonte: RTPA

Asturias

Medra un 1,2 % a matriculación en Lingua Asturiana e Literatura

O alumnado de Lingua Asturiana e Literatura acadou este curso a cifra máis alta dos últimos anos, con 22 909 estudantes, o que supón un incremento do 1,2 % respecto ao ano anterior. A gran novidade para setembro será a introdución do ensino de asturiano e eonaviego no segundo ciclo de Infantil, que suporán a creación dun cento de novas prazas docentes. Ademais, trabállase para ofertar esta lingua nas Escolas Oficiais de Idiomas e obter a certificación con formación previa.

Fonte: Principado de Asturias

Asturias

Esixen o uso do asturiano na nova identidade gráfica do Concello de Xixón

Iniciativa pol Asturianu ve na renovación da identidade corporativa do Concello de Xixón unha oportunidade para incorporar o asturiano e a toponimia oficial. A asociación lembra que o Plan de normalización lingüística 2024-2027 establece o uso do logotipo en versión bilingüe e insta a incluír a denominación "Conceyu de Xixón" na imaxe institucional. Considera que esta medida fortalecería a visibilidade e normalización da lingua asturiana na sociedade.

Fonte: La Voz de Asturias

Asturias

A Universidade de Oviedo crea un atlas lingüístico do asturiano

A Universidade de Oviedo presentará en 2025 o “Atles Llingüísticu del Asturianu” (ALAS), un proxecto pioneiro que analiza 500 fenómenos lingüísticos en 90 localidades do dominio asturleonés.

Fonte: La Voz de Asturias

Asturias

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder