Asturias
Docentes de Lingua Asturiana e Literatura piden incluír esta materia desde a Educación Infantil
Un cento de docentes de Lingua Asturiana e Literatura asinou un manifesto no que alertan dos prexuízos que suporía a redución dun 50 % das medias xornadas e no que propoñen diferentes medidas para solucionalos, como a oferta desta materia tamén en Educación Infantil.
Fonte: La Voz de Asturias
O Goberno do Principado introducirá o ensino do asturiano e o eonaviego nas escolas oficiais de idiomas
A partir do curso 2025-2026 as escolas oficiais de idiomas de Asturias ensinarán asturiano e eonaviego. Quen se apunte a estas linguas recibirá unha certificación propia, xa que non son oficiais.
Fonte: Principado de Asturias
Apróbase a “Declaración de Bimenes” en defensa das linguas propias de Asturias
A “Declaración de Bimenes” ten como obxectivo recoñecer o asturiano e o eonaviego como dereitos culturais inherentes, o que implicaría a declaración de oficialidade destas dúas linguas.
Fonte: Asturies.com
O Goberno do Principado elabora o primeiro manual en asturiano de linguaxe administrativa

O Manual de llinguaxe alministrativu en llingua asturiana ten como obxectivo facilitar o uso do asturiano na Administración pública local e autonómica. Esta guía inclúe, entre outros, formularios, requirimentos, resolucións, declaracións responsables, anuncios, bases reguladoras, certificacións, solicitudes, follas de reclamación, licenzas etc.
Fonte: Principado de Asturias
Solicitan a Paradores a incorporación da toponimia tradicional asturiana nos tres establecementos que ten en Asturias
Iniciativa pol Asturianu trasladoulle a Paradores as súas propostas a través dunha carta, na que, ademais do tema da toponimia, tamén facían referencia á tradución ao asturiano da web da rede hoteleira ou a incorporación de obras nesta lingua ás súas bibliotecas.
Fonte: La Voz de Asturias
O Goberno do Principado estuda a posibilidade de crear materiais en asturiano para as escolas de 0 a 3 anos
A conselleira de Educación mantivo unha reunión co presidente da Academia da Lingua Asturiana na que valoraron a posibilidade de crear materiais pedagóxicos relacionados coa lingua e a cultura asturianas destinados, principalmente, ao alumnado de 0 a 3 anos.
Fonte: Principado de Asturias
Convócase a primeira proba anual de coñecemento de asturiano
A Academia da Lingua Asturiana convocou para o 27 de xaneiro a primeira proba de coñecemento do nivel de asturiano, que inclúe unha parte oral e outra escrita.
Fonte: La Voz de Asturias
«Xentrificación» convértese en neoloxismo do ano 2023 en asturiano
A Academia da Lingua Asturiana incorporará ao seu dicionario a palabra «xentrificación», escollida como neoloxismo do ano nunha votación popular a través das redes sociais na que obtivo o 33 % dos apoios.
Fonte: InfoAsturies
Unha iniciativa busca a elección da mellor noticia do ano 2023 para a lingua asturiana
Iniciativa pol Asturianu organiza a votación popular en internet para escoller a mellor noticia para o asturiano de 2023, unha consulta que permanecerá aberta ata o 9 de xaneiro.
Fonte: La Voz de Asturias
Ponse en marcha unha votación para escoller o neoloxismo do ano en asturiano
As palabras propostas pola Academia da Lingua Asturiana para converterse en neoloxismo do ano en asturiano son cambéu climáticu, intelixencia artificial, xentrificación, llimpieza étnica e xeollocalización.
Fonte: La Voz de Asturias
Boletín
Subscríbase ao boletín